Primeiro día sen móbiles en escolas e institutos: “É un problema de saúde pública”

Numerosos expertos avalan a restrición dos teléfonos na mocidade, mentres algúns pais consideran que prohibir non é unha solución

Os teléfonos móbiles son, desde hai décadas, unha parte fundamental da vidas das persoas. Ante un uso cada vez máis normalizado e a idades máis temperás deste aparellos, xorden novos debates sobre a regulación do seu uso, sobre todo entre as xeracións máis novas. En Galicia, xa foi no ano 2015 cando se prohibiu que se utilizaran dentro das aulas, pero desde este luns, e por vez primeira, a prohibición esténdese a todo o recinto escolar e inclúe recreos e extraescolares, marcando un regreso a clase un pouco distinto para os nenos e adolescentes galegos.

Mentres as expertas e expertos nos efectos destas tecnoloxías defenden a prohibición e aseguran que xa levan desde o 2009 facendo estudos ao respecto, asociacións de nais e pais atópanse máis divididas, e algunhas considérana unha medida “cun carácter meramente prohibitivo e non educativo”.

Publicidade

Unha realidade con base científica

Antonio Rial Boubeta é profesor de Psicoloxía na área de Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago (USC) e ten as súas costas varios estudos que abordan a relación entre menores e tecnoloxía. “En 2009 fixemos o primeiro estudo en Galicia, o informe Adolescentes e Internet, e nel xa había unha preocupación sobre como o uso intensivo temperá sen supervisión da tecnoloxía por parte de rapaces e nenos cada vez máis novos pode ter repercusións negativas. E en 2014 fixemos outro que saíu en revistas como Computers in Human Behavior ou Ciberpsychology que tamén amosou os mesmos resultados”, comenta Rial.

“Provoca eivas no comportamento, na convivencia familiar, na comunicación…. E hai un acumulado de evidencia científica que indica que ten que repercusións a nivel de saúde en xeral; que provoca peor benestar emocional e pode aumentar ata catro ou cinco veces os niveis de depresión nas persoas que o usan de xeito intensivo. É, polo tanto, un problema de saúde pública”.

Publicidade

Expertos como Rial defenden a prohibición como primeira medida, aínda que para eles o ideal sería unha prevención comunitaria baseada en dúas patas. “É un problema que ten que ver coa detección das adiccións. Hai que regular, xestionar o uso e conseguir quitar presenza da tecnoloxía no día a día dos rapaces”, comenta. “Tamén, retardar a chegada do teléfono á vida das crianzas e darlle o aparello de maneira gradual, acompañádoas e supervisándoas”. Para Rial, aínda que non hai estudos que indiquen a que idade é mellor ter o primeiro teléfono, si que defende que “o máis lóxico é despois dos 14 anos, que é cando hai máis presión social e cando máis o usan para facer amigos”.  Pero opina ademais que non pode haber regulación “sen un reforzo das competencias humanas”. “Canto máis autoestima, asertividade e empatía ten un adolescente, máis capacidade ten para xestionarse emocionalmente e resistir a frustración, e por iso, canto maior é un rapaz ou rapaza, normalmente menos vulnerable é na rede”.

“A sociedade non é consciente realmente do problema”

“A min gustaríame que o mundo fose marabilloso e que as persoas tivesen condutas responsables, pero non é así”, continúa Rial. “A sociedade non é consciente realmente do problema, das diferentes aristas, e non nos puxemos de acordo á hora de establecer solucións desde o punto de vista educativo, que sería o ideal. A norma de prohibición nas aulas xa é do 2015 —foi pioneira a nivel nacional e internacional— e xa avisaba de que era prudente eliminar os móbiles das escolas. Por desgraza, o Plan de Prevención de Trastornos Adictivos que temos a día de hoxe en Galicia é do 2010, co cal o que a Xunta de Galicia utiliza para previr as adiccións é un plan obsoleto”.  

Aínda que coinciden na necesidade de previr, algunhas ANPAS e profesores non ven unha boa medida na prohibición do uso dos teléfonos móbiles para solucionar o problema.

Rogelio Carballo é o voceiro da FANPA de Pontevedra. “Para nós non ten nada de bo, ten un carácter só prohibitivo e restritivo. Falan de usos pedagóxicos, pero como controlas despois iso fóra da aula?”. Para este pai, a situación amosa “un fracaso colectivo”. “Nin familias, nin sobre todo o sistema educativo conseguiron é que un rapaz teña a suficiente nivel de coñecemento para, igual que se comporta cunhas determinadas regras sociais admitidas e establecidas por todos no centro educativo, faga o mesmo co teléfono móbil, que era o obxectivo e a aspiración que deberíamos ter todos. Que o use de xeito responsable”.

Abdicación do sistema educativo?

Rogelio Carballo di que o teléfono móbil forma parte da nosa vida e como tal non se pode ignorar a súa existencia. “Non se trata de recluírnos nunha sala como se foramos antisociais. Para min no fondo o que hai é a abdicación do sistema educativo de facer o seu traballo. As familias non sabemos matemáticas, nin literatura, nin a historia da arte. As escolas son as que proporcionan eses coñecementos”, comenta Carballo. “Coas competencias dixitais é o mesmo, non se trata de saber abrir o Office, é unha cuestión estrutural, definida no sistema educativo como troncal e polo tanto o ideal non sería que se prohibiran os teléfonos nas aulas, senón convertelos nunha materia máis”.

Para Rial esta negativa á prohibición está basesada “nun problema de desinformación”. “Igual que existe problema de desinformación co consumo de alcol, de tabaco, de cánnabis… Moitas veces os pais e nais non somos conscientes do problema ata que o temos na casa”. Recorda que en Galicia hai expertos que levan estudando estes problemas “desde hai catro décadas”.

Cortar a hemorraxia a tempo

“Levan desde entón advertindo do que acontece co uso desta tecnoloxía, e nin as familias nin a propia administración seguen sen entender ata onde chega a situación”. Para o experto, polo tanto, “desde a evidencia científica cómpre cortar a hemorraxia a tempo”. “Hai unha parte importante dos pais que si empezan a ser conscientes e a tomar medidas, tendo unha actitude responsable na casa, pero queda moito por facer”.

Rial apela á responsabilidade social. “Se tivésemos unha sociedade claramente responsable, onde a xente, con toda esa información, fose consciente dos perigos e adoptase condutas responsables, non tería ningún sentido prohibir. Pero é que levamos 15 anos e eu, cando vou dar charlas aos institutos porque mo piden, se son 400 os pais, atópome só a 18 nais e dous pais, sistematicamente. Así non se poden cambiar as cousas”.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía do cánnabis en adolescentes galegos: a supervisión familiar disuade o consumo

Un estudo da USC determina que fumar tabaco a diario e encontrarse nun ambiente familiar pouco afectuoso van asociados a un maior risco de consumo de cánnabis entre estudantes

Un estudo alerta de que o uso do preservativo nos adolescentes galegos é minoritario

O coñecemento sobre métodos anticonceptivos diminúe e a inmensa maioría dos mozos apoia a creación dunha materia de educación sexual

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Máis de 5.000 menores galegos teñen un trastorno por uso de videoxogos

O proxecto de lei da Xunta sobre a prevención de adiccións tamén regulará o consumo de bebidas enerxéticas, alcol e 'vapers'