Martes 23 Abril 2024

Premio para o achado dun fármaco contra a diabetes que reduce a obesidade

A liraglutida, medicamento utilizado no tratamento da diabetes tipo 2, consegue diminuír o peso corporal e, polo tanto, empregarase tamén contra a obesidade. Este efecto é posible mediante o incremento do gasto calórico e pode ser independente da inxesta. Este é o importante achado que o grupo que dirixe o profesor da Universidade de Santiago Rubén Nogueiras publicou en 2014 na revista Diabetes e que agora recibe o recoñecemento do Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, dotado con 18.000 euros. O equipo de Rubén Nogueiras ten o seu laboratorio no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e está adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición.

O tribunal internacional que outorga este premio de Investigación considerou o estudo asinado por Daniel Beiroa, baixo a dirección de Rubén Nogueiras, como o mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos. O traballo conseguiu demostrar en roedores como a liraglutida, máis coñecida pola súa denominación comercial –Victoza- actúa no cerebro e activa un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético sen que se vexa afectada a inxesta de alimentos. Ademais, a investigación tamén realizou un exhaustivo seguimento de 15 pacientes con obesidade e diabete tipo 2, controlando periodicamente o peso, a alimentación, a insulina, a glucosa e outros indicadores. Despois dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un maior gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa, resultados especialmente relevantes xa que a redución de graxa contribúe a mellorar o seu perfil clínico, segundo explican os investigadores.

Publicidade

O artigo recibiu máis de 85 citas en dous anos segundo Web of Science

Deste xeito, o medicamento administrado a pacientes obesos e con diabete tipo 2 dende 2009 non só regula o desaxuste de glucosa senón que tamén adelgaza sen necesidade de alterar os hábitos alimenticios ou realizar exercicio físico. O artigo galardoado, ‘GLP-1 agonism stimulates brown adipose tissue thermogenesis and browning through hypothalamic AMPK’ está publicado na revista Diabetes, unha das máis prestixiosas dentro da área de endocrinoloxía e diabetes. Segundo a Web of Science, recibiu máis de 85 citas nos dous últimos anos e máis de 110 en Google Scholar.

O director do grupo, Rubén Nogueiras, foi elixido o pasado ano como o mellor investigador novo en España na área da diabetes pola Fundación AstraZeneca e o Instituto de Saúde Carlos III, un ano despois de ter sido galardoado co Rising Star da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes. Ademais ten recibido diversos premios da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e da Asociación Europea para o Estudo da Obesidade. A súa traxectoria súmase agora o Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, que recollerá o primeiro autor do artigo, Daniel Beioroa, nun acto no CiMUS o próximo mes de xullo.

Premio Fundación Esteve

Esta é a decimoquinta entrega do galardón, que este ano se concede ao mellor traballo de farmacoloxía publicado por un autor español nos últimos tres anos en calquera dos seus aspectos (deseño, síntese, desenvolvemento galénico, avaliación clínica ou de laboratorio, uso, …). Os 55 artigos enviados ao longo desta convocatoria foron avaliados polo tribunal internacional composto por Fèlix Bosch (España), Rachel Tyndale (Canadá) e Xavier Guitart (Estados Unidos).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns