Premio para os científicos da USC que frean o cancro de colon

Investigadores da Universidade de Santiago lideran o traballo científico que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de distinguir co Premio de Investigación Ernesto Viéitez 2018 e que propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado. O equipo da USC conta ademais coa colaboración de científicos vascos, franceses e alemáns.

Na categoría de investigadores mozos, o premio foi para un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña, Adrián Pérez Diéguez, que achega unha solución capaz de facilitar o traballo dos programadores na resolución de problemas científicos de gran envergadura a través da computación avanzada.

Publicidade

Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, entregaranse o 23 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns levan o nome Premios de Investigación, na honra do anterior presidente da institución.

Nanopartículas para terapias diana
Liderado polos investigadores da USC Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Piñeiro, o proxecto gañador propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.

Publicidade

A metástase é o proceso polo que un tumor que aparece nun órgano migra a outro e o coloniza. No caso do cancro colorrectal, o terceiro máis común no mundo, o fígado corre un risco especial de ser infectado polas células tumorais desprendidas do intestino.

No proceso de colonización, o cancro provoca a creación de novos vasos sanguíneos no fígado para surtir as células malignas dos recursos necesarios para crecer. Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese e é levado a cabo polas células endoteliais, que neste caso ven alterada a súa función normal en organismos sans para favorecer a proliferación do cancro.

A terapia experimental gañadora do premio da RAGC, testada xa in vivo, baséase no uso de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais de maneira que se reduce a subministración de osíxeno e alimentos a esas células. Estas nanopartículas, patentadas recentemente nos Estados Unidos e para as que se agarda a concesión en Europa, son capaces de viaxar ao lugar exacto onde precisan ser administradas, é dicir, funcionan como vehículos de terapias diana. Neste caso, van cargadas de moléculas denominadas miR-20a, capaces de restablecer a función normal das células endoteliais para que deixen de contribuír en gran medida á proliferación do cancro no fígado.

O equipo galardoado co premio, dotado con 6.000 euros, integra científicos do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).

E aquí podes ler a entrevista que GCiencia fixo aos investigadores:

“Conseguimos enganar ao tumor para que deixe de medrar”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova esperanza para deter a metástase no cancro dende A Coruña

O proxecto Canther do INIBIC, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, impulsa un fármaco pioneiro que podería frear a propagación tumoral en cancro de colon, gástrico e de pulmón

Identificada unha nova diana para evitar a metástase en cancro de mama

Un estudo sinala a proteína TIM-3, que permite ás células tumorais suprimir o sistema inmunitario cando chegan a órganos distantes

Proposto un novo tratamento para a metástase cerebral baseado na inmunoterapia

Hai un ensaio clínico en marcha para probar a eficacia terapéutica do fármaco silibinina e os resultados poderán estar listos en 2025

Un estudo vencella a exposición ás larvas dos ‘Anisakis’ co cancro de colon

Os investigadores subliñan que una presenza anormal do verme no organismo podería axudar a identificar unha maior susceptibilidade de desenvolver células canceríxenas no futuro