Venres 26 Abril 2024

Tres parapléxicos volven andar grazas a un pequeno implante electrónico

Un neurocientífico e unha neurocirurxiá suízos lograron que persoas coas pernas paralizadas dnde hai varios anos volvan camiñar tras introducirlles implantes na medula espinal. Despois duns meses de adestramento con arneses intelixentes, os pacientes controlaron os músculos das pernas e deron pasos por si mesmos sen necesidade de estimulación eléctrica.

Grégoire Courtine, un reputado neurocientífico da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL), leva anos investigando como facer que persoas coa medula espinal danada volvan andar. Xa demostrou previamente os seus avances en monos e ratas. Agora, en colaboración coa neurocirurxiá Jocelyne Bloch, do Centro hospitalario Universitario de Vaud, logrou que tres homes parapléxicos poidan camiñar con axuda de muletas ou andadores grazas a implantes inalámbricos na medula, que se poden activar e desactivar mediante un dispositivo en forma de reloxo que obedece á voz do usuario.

Publicidade

Os resultados da investigación aparecen hoxe en dous estudos nas revistas Nature e Nature Neuroscience. Segundo destaca Courtine, a diferenza dos achados doutros dous traballos independentes, publicados recentemente en Nature Medicine e en Nature Reviews Neurology, sobre un concepto similar, “demostramos que a función neurolóxica persistía máis aló das sesións de adestramento, mesmo cando se desactivaba a estimulación eléctrica”.

Imita como o cerebro activa a médula

“Os nosos achados baséanse nunha profunda comprensión dos mecanismos subxacentes que obtivemos durante anos de investigación en modelos animais. Así puidemos imitar en tempo real como o cerebro activa naturalmente a medula espinal”, di o neurocientífico. Pola súa banda, Bloch, que foi a encargada de colocar cirurxicamente os implantes nos pacientes, sinala que, cando viu que os tres podían camiñar con axuda de sistemas de soporte no prazo dunha semana, soubo que estaban no camiño correcto.


Courtine indica que “o momento exacto e a localización da estimulación eléctrica son claves para que o paciente poida producir o movemento desexado. Tamén é esta coincidencia temporal a que desencadea o crecemento de novas conexións nerviosas”.

Para administrar a estimulación eléctrica, o equipo utilizou mapas de activación das neuronas motoras e modelos para identificar os patróns óptimos en diferentes grupos musculares. A estimulación foi producida por un xerador de impulsos controlado en tempo real mediante comunicación inalámbrica, e cronometrado para coordinala co movemento previsto.

Os participantes puideron andar máis dun quilómetro coas mans libres

Aos poucos días de comezar o tratamento, os pacientes empezaron a camiñar por unha cinta de andar e no chan con axuda de arneses intelixentes (mentres recibían estimulación). Foron capaces de axustar a elevación dos seus pasos e a lonxitude da zancada. Co tempo, lograron camiñar na cinta durante unha hora. En posteriores sesións de rehabilitación, os tres participantes puideron camiñar coas mans libres durante máis dun quilómetro coa axuda da estimulación dirixida e dos arneses.

Estas sesións longas e de alta intensidade resultaron cruciais para desencadear a plasticidade, a capacidade intrínseca do sistema nervioso para reorganizar as fibras nerviosas, que conduce a unha mellor función motora. Tras meses de adestramento, os pacientes puideron controlar de maneira voluntaria os músculos das pernas sen necesidade de estimulación eléctrica e dar algúns pasos por se mesmos coas mans libres, destacan os autores.

En estudos previos con enfoques máis empíricos, como os protocolos de estimulación eléctrica continua, demostrouse que algunhas persoas con paraplexia podían camiñar coa axuda de sistemas de soporte e estimulación, pero só en distancias curtas e sempre que a estimulación estivese activada. Tan pronto como se desactivaba, os pacientes regresaban ao seu estado de parálise.

Aquí podes acceder aos artigos

En Nature

E en Nature Neuroscience

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Detectada unha variante xenética que favorece unha progresión máis lenta do VIH

Un estudo internacional, con participación española, identificou un cambio no xenoma humano vinculado a un mellor control da replicación da enfermidade