A responsable de que os seres humanos sintan frío xa ten nome e apelidos. É a proteína denominada GluK2 e atópase nas neuronas do cerebro e nas sensoriais do sistema nervioso periférico. Foron os investigadores da Universidade de Míchigan, en Estados Unidos, quen veñen de dar resposta a unha das grandes incógnitas sobre a bioloxía sensorial. O estudo foi publicado na revista Nature Neuroscience e pode axudar a entender como se perciben as temperaturas baixas ou por que as persoas senten o frío de maneira diferente cando padecen certas enfermidades.
Este descubrimento remóntase a 2019, cando os investigadores xa identificaran noutro traballo a primeira proteína sensible ao frío en Caenorhabditis elegans, unha especie de nematodo que mide un milímetro de lonxitude e que se utiliza como modelo nos laboratorios para entender as reaccións sensoriais. Este verme posúe características dun xene presente en humanos e ratos, e aportou o punto de partida para demostrar, finalmente, que é a proteína GluK2 a que produce a sensación de frío. Neste senso, os investigadores probaron en ratos aos que lles faltaba o xene necesario para producir esta proteína variacións de temperatura cálidas, templadas e frías, e mostraron normalidade ante -15 graos Celsius.
GluK2 atópase sobre todo nas neuronas do cerebro, onde recibe sinais químicos para facilitar a comunicación neuronal, especialmente nas neuronas sensoriais do sistema nervioso periférico, que procesa os sinais de temperatura para detectar o frío. “Hai máis de 20 anos que se empezaron a descubrir estes sensores de temperatura, co achado dunha proteína sensible á calor chamada TRPV1, pero ata agora non puidemos confirmar que proteína era a que detecta temperaturas frías nocivas para a saúde”, apuntou o neurocientífico Shawn Xu nun comunicado da Universidade de Míchigan.
Os coautores da investigación consideran que o achado pode ter importantes implicacións para a saúde e o benestar das persoas xa que determinadas patoloxías provocan máis sensación de frío. “Este descubrimento da proteína GluK2 como sensor do frío nos mamíferos abre novas vías para comprender mellor por que os humanos experimentan reaccións dolorosas ao frío, e incluso pode chegar a ofrecer unha posible diana terapéutica para tratar esa dor en pacientes cuxa sensación de frío está sobreestimulada”, alega Shawn Xu.