Podería ser o guion dun filme de catástrofes, pero quen o asina é un organismo dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), no primeiro informe anual sobre a preparación mundial para as emerxencias sanitarias, que publica o Global Preparedness Monitoring Board (GPMB). Esta entidade, impulsada pola propia OMS e o Banco Mundial para garantir a preparación ante posibles crises de saúde pública a nivel mundial.
“Enfrontámonos á ameaza moi real dunha pandemia fulminante, sumamente mortífera, provocada por un patóxeno respiratorio que podería matar de 50 a 80 millóns de persoas e liquidar case o 5% da economía mundial”, exponse no prólogo deste documento, asinado polos copresidentes do GPMB Gro Harlem Brundtland (expresidenta da OMS) e Elhadj As Sy (secretario xeral da Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella).
O documento, de 48 páxinas, argumenta esta advertencia nos crecentes abrochos de doenzas infecciosas no planeta. “Entre 2011 e 2018, a OMS rexistrou 1.483 episodios epidémicos en 172 países”, subliñan. Como exemplo, poñen os brotes das síndromes respiratorias SARS e MERS, os virus do ébola ou o zika. No caso do ébola, expoñen o grave impacto que o actual brote está tendo para países como Serra Leona, Guinea ou Liberia.

“Unha pandemia mundial desta escala sería unha catástrofe e desencadearía caos, inestabilidade e inseguridade xeneralizadas. O mundo non está preparado. Os brotes afectan máis intensamente ás comunidades con menos recursos, dada a súa falta de acceso aos servizos de saúde básicos, auga limpa e saneamento; e isto agravará a propagación de calquera patóxeno infeccioso”, engade o texto.
O texto asinado polos copresidentes do GPMB conclúe: Durante demasiado tempo permitimos que houbera un ciclo de pánico e abandono nas pandemias: prodigamos esforzos cando xorde unha ameaza grave e esquecémonos rapidamente cando a ameaza remite. Chegou o momento de actuar”.
Para evitar a situación, o documento enumera sete medidas a cumprir para as administracións estatais e organizacións rexionais de diversas partes do mundo, co obxectivo de cumprir estas metas antes de setembro de 2020.
Aquí podes consultar un resumo do informe en castelán.














