Venres 29 Marzo 2024

Científicos galegos detectan un aumento “inesperado” do carbono disolto no Atlántico

O traballo, no que participan o CSIC e o IEO, afonda nas reservas oceánicas de carbono orgánico, que contribúe a regular o clima do planeta

Científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración coa Universidade de Miami e o Instituto Español de Oceanografía, estudaron os cambios na reserva de carbono orgánico disolto (DOC nas súas siglas en inglés) das augas profundas do océano Atlántico. No traballo participan, entre outros, os investigadores galegos Xosé Antón Álvarez Salgado, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e Marta Álvarez , do Centro Oceanográfico da Coruña.

Os resultados mostran unha produción de carbono orgánico en certas zonas.  En concreto, no Atlántico sur, onde hai un aumento de 27 millóns de toneladas de carbono orgánico ao ano, segundo o traballo, mentres que o Atlántico norte actúa como un sumidoiro, eliminando uns 298 millóns de toneladas de carbono. Este balance converte o Atlántico profundo nun sumidoiro neto de carbono orgánico disolto.

Publicidade

“É moi relevante descubrir que hai zonas do océano profundo onde tamén se produce carbono orgánico disolto. Todo este carbono que se engade nas profundidades oceánicas é carbono que non pasa á atmosfera en forma de CO2 a curto prazo e que, en principio, non contribúe para o efecto invernadoiro e iso algo positivo”, explica Cristina Romera-Castilllo, líder da investigación, que iniciou o traballo na Universidade de Miami (Estados Unidos) e seguiuno no Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, en Barcelona. Os detalles da investigación, financiada pola National Science Foundation, polo Ministerio de Economía e Empresa co programa Juan de la Cierva, e polo proxecto FLUXES, publicáronse na revista Global Biogeochemical Cycles.

Consecuencias para o ciclo de carbono e o clima

Parte do CO2 atmosférico é absorbido polos océanos e acaba en forma de carbono orgánico disolto recalcitrante, “secuestrado” no material orgánico durante miles de anos. Esta reserva oceánica de carbono intervén na regulación do clima do planeta, xa que pode actuar como fonte ou sumidoiro de carbono. Por exemplo, se todo o DOC actualmente disolto nos océanos se oxidase a CO2, duplicaríase a cantidade de CO2 na atmosfera.

Se todo o DOC actualmente disolto nos océanos se oxidase a CO2, duplicaríase a cantidade de CO2 na atmosfera

Para pescudar os cambios na reserva de carbono orgánico ao longo dos anos, os científicos mediron os parámetros físico-químicos das grandes masas de auga que forman o océano.

Estas masas de auga fórmanse na superficie do océano e afúndense a distintas profundidades, en función da súa densidade. Desde que se forman, trasládanse miles de quilómetros por todo o océano e circulan durante décadas, mesturándose moi lentamente entre elas. Cada unha delas ten unha temperatura e salinidade características, o que permite a súa identificación. Isto é o que permitiu pescudar o aumento ou diminución do carbono orgánico disolto en cada masa, ao longo dos anos. No traballo analizáronse datos das cinco masas de auga principais do Atlántico profundo, tres de orixe antártica e dúas de orixe  noratlántico.

Os datos proviñan dunha extensa base de campañas oceanográficas realizadas entre 2010 e 2013, con parámetros como temperatura, salinidade, carbono orgánico disolto, sales nutrientes e idade. A través dunha complexa análise destes parámetros, determinaron as distintas masas de auga existentes na zona de estudo e a proporción de cada unha delas en cada mostra.

Ata o de agora sabíase que o carbono orgánico disolto presente en cada unha destas masas diminúe paulatinamente ao ser consumido polos microorganismos mariños. Os aumentos deste carbono nalgunhas masas de auga do Atlántico profundo supoñen un novo factor a ter en conta nos modelos bioxeoquímicos. “É probable que este carbono veña de material que sedimenta desde a superficie e se vai solubilizando”, afirman os investigadores.

Xosé Antón Álvarez Salgado, profesor do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas, explica: “Que se produzan adicións ou eliminacións de DOC no océano profundo depende da profundidade á que se atopa a masa de auga e do tempo que fai que esta se formou en superficie”. As masas de auga analizadas formáronse entre 30 e 70 anos atrás.

Os investigadores conclúen que “os futuros cambios que afecten á composición das masas de auga e á circulación oceánica, como os que poderían deberse ao cambio climático, tamén afectarán á distribución actual de carbono e á reserva de DOC oceánico”.

O equipo estima que do total de DOC producido na superficie do Atlántico, o 40% é consumido nas profundidades desta conca oceánica. “No Atlántico Norte, o 66% do DOC consumido ten lugar na auga profunda noratlántica. Mentres que, no Atlántico Sur, a principal fonte de DOC é a auga intermedia antártica cunha produción do 45%”, sinala Marta Álvarez,  científica do Instituto Español de Oceanografía da Coruña.

Referencias: Net additions of recalcitrant dissolved organic carbon in the deep Atlantic Ocean. Global Biogeochemical Cycles (Publicado en Global Biogeochemical Cycles).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

Dimite o director de Investigacións Mariñas: “A prioridade era a nova sede. Agora é momento de volver á investigación”

Francisco Saborido dá un paso atrás para centrarse na coordinación do Programa Ciencias Mariñas de Galicia

Investigadores galegos gañan o Nobel satírico por un estudo sobre o sexo das anchoas

A investigación liderada por Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, recibe o IG Nobel por “facer rir e despois pensar”