O Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de gañar, por terceiro ano consecutivo o premios Best in Class á Mellor Unidade de Hepatite C en Atención ao Paciente. Dende 2015, este servizo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés consolidou un amplo abano de medidas para que calquera paciente poida ter a posibilidade de curarse da Hepatite C do xeito máis rápido e seguro. Así, este Servizo xa suma máis de 1.500 pacientes tratados, dos que máis dun 98% deles xa están curados da doenza. O o xefe do Servizo de Aparello Dixestivo, o doutor Juan Turnes, explica a GCiencia: “Todo o país é un referente internacional no tratamento da hepatite C. De feito, a OMS considera que España é o país que está máis preto de acadar os obxectivos marcados para 2030 de eliminar a enfermidade. Así que nós partimos dun entorno moi competitivo”.
Que os diferenza do resto? “Creo que nos nos centramos moito nas persoas. Nos problemas que ten unha persoa para ser diagnosticada, obter un tratamento e curars”, engade Turnes. “Nesa liña, fomos detectando pequenos vicios do sistema que, corrixíndoos puidemos mellorar. Non hai só unha medida de éxito. É o global” argumenta.
Ademais, explica, hai outro segundo elemento que di compartido con todo o Sergas: “Temos unha enorme fortaleza. Que é a potencia computacional, a potencia informática. A historia clínica. Temos unha capacidade enorme de explotar información, buscar patróns, identificar persoas en risco…“. “Agora estamos tratando de empregar as ferramentas de Intelixencia Artificial do Sergas para facer dúas cousas importantes”, expón. Primeiro, dar con persoas que foron diagnosticadas no pasado pero que nunca foron tratadas nin curadas e, segundo, tratar de identificar persoas que nunca se fixeron unha analítica e que, probablemente, estean infectadas.
A cifra de pacientes con Hepatite C non diagnosticados na Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés reduciuse nun 90% nos últimos anos grazas a aposta do servizo de Aparello Dixestivo pola inversión no big data e nas ferramentas de Intelixencia Artificial do SERGAS para mellorar a identificación de pacientes con Hepatite C e poder tratalos no menor tempo posible.
Así mesmo, nos últimos cinco anos creáronse circuítos de identificación de novos casos, con acceso rápido a tratamentos, implantouse de xeito pioneiro en Galicia o diagnóstico da Hepatite C nunha única mostra de sangue xunto co Servizo de Microbioloxía e, no marco do programa FOCUS Galicia, potenciouse o acceso aos ensaios clínicos e ao uso da Intelixencia Artificial.
Segundo sinala o xefe do Servizo de Aparello Dixestivo: “Este terceiro premio Best in Class consecutivo para o noso servizo non sería posible sen o gran traballo dun equipo multidisciplinar, formado por profesionais de Atención Primaria, Farmacia, Microbioloxía, Admisión, ademais da colaboración explícita do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o apoio permanente da nosa Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés”.
A súa investigación ten premio duplo
O Servizo de Dixestivo de Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, liderado por Turnes, vén de ser tamén recoñecido pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS en diante) co primeiro premio de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual 2022. Nun acto celebrado este xoves na sede da Consellería de Sanidade con motivo do Día Mundial Contra a SIDA, o xefe de Servizo de Dixestivo de Pontevedra expuxo os pormenores do traballo gañador, centrado na simplificación do tratamento da hepatite C.














