Venres 26 Abril 2024

O coronavirus e a calor: precaución ante a falta de evidencias

A propagación da pandemia en países con clima cálido e a falta de estudios sobre o SARS-CoV-2 manteñen a incerteza sobre o comportamento do virus no verán

A medida que avanza a desescalada despois da fase máis aguda da pandemia da Covid-19, as autoridades e os cidadáns, diante dun futuro aínda bastante incerto, analizan os posibles escenarios que poderán marcar os vindeiros meses. Case todos coinciden no factor clave, o risco de rebrotes da enfermidade que puideran saturar os sistemas sanitarios e retroceder na volta á normalidade relativa. Neste sentido, circulou a posibilidade de que o SARS-CoV-2, igual ca outros coronavirus, podería ter máis dificultades na súa propagación debido ao aumento das temperaturas. Pero o rápido aumento de casos nalgúns países de América Latina (especialmente no caso de Brasil), Oriente Medio ou o Sueste Asiático, en rexións con clima cálido, leva a manter o foco sobre a relación do coronavirus e a calor. Que se sabe ata agora?

O 20 de abril, o grupo de análise científica do Instituto Carlos III difundiu un informe sobre o clima, a temperatura e a propagación da Covid-19 baseándose na evidencia dispoñible naquel momento. A análise avanzaba que a hipótese de que o clima cálido e húmido podería reducir a transmisión do SARS-CoV-2 estaba sobre a mesa, aínda que “non existen evidencias científicas suficientes” para afirmalo.

Publicidade

A idea parte da experiencia con outros virus, como o da gripe, e dalgúns estudos preliminares que deberían ser reforzados con investigacións máis sólidas. O propio ISCIII difundiu unha análise preliminar, no marco dunha colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía, que atopou unha correlación (non causalidade) entre a temperatura máis baixa e a incidencia acumulada nas comunidades autónomas españolas máis afectadas pola pandemia. Con todo, era un achado baseado en datos provisionais e con pouco nivel de detalle.

O informe tamén facía mención a traballos realizados sobre o SARS-CoV-1, da mesma subfamilia que o SARS-CoV-2, e causante da epidemia que apareceu en 2003 no Sueste Asiático. Nun deles demostrouse que o virus era máis viable en ambientes fríos e secos.

Menos contaxios, si ou non?

Aínda que algúns estudos van algo máis lonxe ca outros á hora de determinar a relación entre o coronavirus e a calor, o que transmite a comunidade científica é precaución. O informe do ISCIII apunta detalles coñecidos doutros coronavirus, sinalando varios factores esenciais, como por exemplo que o aire exterior no inverno é máis frío e seco, polo que as propias condicións da atmosfera facilitan que estea máis suspendido do aire.

Por outra banda, as condicións do tempo en inverno provocan que as persoas pasen máis tempo en espazos pechados onde se forman aglomeracións, o que de forma indirecta fai aumentar o risco de contaxio. Ademais, factores como unha maior debilidade do sistema inmunitario en inverno, debido á carencia de melatonina e vitamina D, podería xogar tamén un papel favorable para o virus.

Con todo, estas evidencias vense limitadas por outras circunstancias que gardan máis relación non tanto co clima, senón coa actividade humana. Así, a dispersión da poboación, unha menor conexión cos grandes nodos de comunicación ou unha maior ou menor flexibilidade nas medidas de confinamento serían tamén clave para frear (ou aumentar) a propagación do virus. Neste sentido, unha análise publicada en The Lancet suxería que outros factores poderían ter tamén unha gran relevancia, alén do clima, na circulación do virus.

Investigación sobre a marcha

Como na meirande parte das vías de investigación do SARS-CoV-2, a principal dificultade para anticiparse ao seu avance é o descoñecemento. Ao estudar un virus que se descubriu  hai uns meses, e diante de acontecementos que fan mudar as medidas que se toman para contelo (os contaxiadores asintomáticos, fármacos que non son tan efectivos, etc.), é posible que a propia realidade acabe marcando o camiño.

Así, ademais do ISCIII, as entidades de referencia en saúde pública e enfermidades contaxiosas, como a OMS ou os centros de control de enfermidades da Unión Europea (ECDC) ou dos Estados Unidos (CDC), non achegan por agora conclusións claras ao respecto da relación entre o coronavirus e a calor. Neste sentido, o CDC expón que “aínda non se sabe se o tempo e a temperatura afectan á propagación da Covid-19”, aínda que apunta que “outros virus, como os do arrefriado común ou a gripe, propáganse máis durante os meses fríos, o que non significa que sexa imposible enfermar deles noutros meses”. Conclúe o CDC que “aínda queda moito por saber sobre a transmisibilidade, severidade e outras características asociadas á Covid-19”.

Outras análises, como a do CEBM da Universidade de Oxford, incidían tamén en que era posible unha maior propagación en condicións de frío e baixa humidade, pero destacaba que “confiar só nos cambios de tempo para reducir a transmisión da Covid-19 podería non ser suficiente”. Outro traballo de investigadores do MIT vai máis alá, e conclúe que “de ningunha maneira” se pode suxerir que o SARS-CoV-2 “non se vaia transmitir en rexións cálidas e húmidas”.

Neste sentido cobran importancia as principais recomendacións das autoridades sanitarias, vinculadas ao distanciamento físico. No caso de Galicia, os propios informes sanitarios encargados co gallo da convocatoria das eleccións autonómicas insistían nas masificacións derivadas do turismo, e non tanto nas temperaturas, como o factor que podería xerar rebrotes”.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Galicia no informe europeo do clima: récords de calor, incendios e anomalías nas chuvias

O documento foi publicado este luns por ser o Día Mundial da Terra e esgrime fenómenos extremos como o "estrés térmico"

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos