Yolanda Moldes é a autora da tese que aborda o potencial dos nanobiocatalizadores. Foto: USC.

Os catalizadores magnéticos que poden ‘limpar’ as augas residuais e producir bioplásticos

A tese de doutoramento de Yolanda Moldes, presentada na USC, describe o uso de nanocompostos para mellorar os procesos de depuración

Unha investigación desenvolvida pola enxeñeira química Yolanda Moldes, do Instituto CRETUS e do grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, estudou o uso de diferentes nanobiocatalizadores magnéticos para eliminar contaminantes emerxentes de augas residuais e para a produción de plásticos verdes. O traballo, orientado cara a sustentabilidade e que contou coa colaboración do grupo Nanomag da USC, tamén incorpora o deseño dun reactor que conta cun  sistema de retención eficaz do nanobiocatalizador magnético.

Este estudo achega avances significativos no ámbito científico e tecnolóxico para o desenvolvemento de novos procesos avanzados de eliminación de contaminantes orgánicos. “O innovador da proposta radica en que a inmobilización de encimas sobre nanopartículas magnéticas se encontra nas súas primeiras fases, e a súa aplicación para o tratamento de augas residuais está case sen explotar” explica a investigadora Yolanda Moldes.

A crecente demanda de auga máis limpa por parte de cidadáns e organizacións ambientais levou á Comisión Europea a definir unha lista de substancias prioritarias con risco importante para o medio acuático. A lista actualizada inclúe distintos microcontaminantes procedentes de distintas categorías: disruptores endócrinos como o bisfenol, e produtos farmacéuticos como o diclofenaco. A presenza deste tipo de compostos atopouse en concentracións o suficientemente altas para supoñer un grave problema para a saúde pública, dadas as alteracións que este tipo de compostos poden producir nos seres vivos e no ambiente. Máis aló da perspectiva da degradación de contaminantes, as industrias ou actividades agrícolas xeran cada ano cinco millóns de toneladas de residuos, os cales deben ser xestionados, ou ben recuperados, de acordo co concepto de biorrefinería.

Os resultados obtidos permitiron deseñar un reactor descontinuo acoplado a un sistema de separación magnética interna. Foto: USC.
Os resultados obtidos permitiron deseñar un reactor descontinuo acoplado a un sistema de separación magnética interna. Foto: USC.

Neste contexto enmárcase esta investigación que estuda a viabilidade de usar encimas oxidativas inmobilizadas en nanopartículas magnéticas para a eliminación de ditos residuos nas augas, así como na produción de compostos de alto valor engadido, como son os precursores de bioplásticos.

“Grazas á aplicación dun campo magnético, os nanobiocatalizadores poden separarse facilmente, e teñen un bo potencial para o tratamento de augas residuais e a produción de precursores bioplásticos”, explica Moldes. “Os resultados obtidos permitiron deseñar un reactor descontinuo acoplado a un sistema de separación magnética interna”, engade. Dito sistema, formado por unha serie de imáns toroidais magnetizados axialmente e distribuídos con polaridade alterna, “xera un campo magnético externo capaz de recuperar completamente o nanobiocatalizador”, conclúe a investigadora. A investigación tamén validou a viabilidade do sistema escalando o reactor a un volume de 100 litros para estimar os costes e o impacto ambiental.

Este traballo de investigación desenvolveuse no marco da tese doutoral de Yolanda Moldes, e foi dirixido polos catedráticos da USC Gumersindo Feijoo Costa e Mª Teresa Moreira Vilar. Ademais, dentro das actividades da tese, leváronse a cabo colaboracións con centros de investigación internacionais coma o Nanosystems Engineering Research Center for Nanotechnology-Enabled Water Treatment (NEWT) na Universidade de Rice (Estados Unidos). Os resultados de investigación divulgáronse en revistas científicas internacionais, en conferencias de ámbito internacional, e na publicación de dúas patentes nacionais e unha europea sobre o deseño de reactores con nanobiocatalizadores magnéticos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.