A American Society of Hypertension vén de incluír na súa relación de membros, fellow, ao catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo Ramón Hermida, que se converte así no primeiro e único non americano que entra formar parte deste prestixioso grupo. Autor de máis de 275 artigos, Ramón Hermida leva máis de 30 anos dedicados á investigación aplicada no campo das telecomunicacións, especificamente no ámbito da enxeñaría biomédica e a cronobioloxía. “É unha honra para min e para o grupo, xa que se trata dun recoñecemento a nosa traxectoria e ás liñas de investigación nas que traballamos”, recoñece Hermida, que desenvolve o seu labor no Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía, integrado no seo do Centro de Investigación AtlantTIC.
A American Society of Hypertension sitúa a Hermida e ao seu grupo como pais da cronobioloxía da hipertensión no ámbito mundial, un recoñecemento ao traballo realizado, tanto no ámbito clínico, como de achega en investigación no campo da hipertensión e o risco vascular, que Hermida explica asegurando que “abrimos un área descoñecida ata o momento e, na actualidade, o feito de que a medicación hipertensiva sexa máis favorable pola noite xa aparece recollida en guías de práctica clínica máis importantes do mundo”. Así, as conclusións do proxecto Hygia, dirixido por Hermida, aparecen recollidas nas guías, entres outras, da Asociación Americana de Diabetes, da Asociación Europea de Cardioloxía e da Sociedade Xaponesa de Hipertensión. Recentemente, a US Preventive Services Task Force, a comisión de expertos para temas de saúde pública do goberno norteamericano, determinou por primeira vez na historia que a diagnose de hipertensión en adultos de máis de 18 anos debe realizarse sempre e necesariamente con monitorización ambulatoria, avaliando así as conclusións do proxecto Hygia.
Ramón Hermida é líder en Cronobioloxía e ten publicado 275 artigos científicos
Formado en España e Estados Unidos, Ramón Hermida preside na actualidade a International Society for Chronobiology y la Sociedad Española de Cronobiología Aplicada, Cronoterapia y Riesgo Vascular. Desde o Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía dirixiu máis de 70 proxectos de investigación e ensaios clínicos en monitorización ambulatoria da presión arterial e cronoterapia da hipertensión, así como de identificación precoz e prevención da preclampsia no campo da xinecoloxía e a obstetricia e en oncoloxía, a través de estudos da cronoterapia do cancro de ovario e vexiga, a cronoepidemioloxía ou a prevención do cancro de mama.
Os resultados do proxecto Hygia revolucionaron a medicina vascular no ámbito mundial, xa que foi o primeiro estudo internacional que puido confirmar que o risco cardiovascular dun paciente só se pode determinar correctamente medindo a presión arterial durante o descanso nocturno. “Hygia é pioneiro en corroborar que o risco de sufrir un evento cardiovascular está fundamentalmente asociado á elevación progresiva da presión arterial durante o descanso e non durante as horas de actividade, tal e como se viña diagnosticando nas últimas décadas. Por iso é vital o valor prognóstico da monitorización ambulatoria da presión arterial, MAPA”, explica Hermida.
Tras máis de nove anos de estudo, Hygia é una rede profesional afianzada no sistema sanitario de Galicia, na que participan preto de 300 investigadoras e investigadores e xa monitorizou a máis de 20.000 pacientes para estender a utilización da MAPA en atención primaria para a diagnose da hipertensión.