Manifestación en Barcelona contra a reforma da Lei de Saúde Pública de Galicia, bautizada por algúns colectivos como
Manifestación en Barcelona contra a reforma da Lei de Saúde Pública de Galicia, bautizada por algúns colectivos como "Ley Auschwitz". Imaxe: Twitter.

‘Negacionismo’ en Galicia: casos illados, pero moi ruidosos

As declaracións dun doutor do CHUO que define as vacinas como "experimento xenético" devolven á palestra as mensaxes que cuestionan a gravidade da pandemia

Non se trata dun fenómeno novo, mais a pandemia da Covid-19 e as súas consecuencias contribuíron a que estas mensaxes tomaran pulo e chegasen a unha maior cantidade de poboación. O coñecido como ‘negacionismo‘, un heteroxéneo movemento reforzado pola viralidade das redes sociais, é, aínda que minoritario, unha preocupación para as autoridades e profesionais sanitarios. Estas mensaxes, que cuestionan a eficacia das vacinas, vinculándoas ás veces coa aparición de doenzas como o autismo, ou de tratamentos como a quimioterapia ou a radioterapia, chegaron a custarlle a vida a persoas que recorreron a pseudociencias para tratar doenzas graves como o cancro. E cando chegou o coronavirus, adaptáronse para seguir colocando estes discursos. Así, sementáronse dúbidas sobre a validez das probas diagnósticas para determinar o contaxio por SARS-CoV-2, trataron de restar gravidade ás cifras de mortalidade causadas polo coronavirus ou, máis recentemente, co inicio do proceso de inmunización da poboación alertaron do risco destes fármacos.

Esta semana, o movemento do negacionismo volveu saltar á palestra da actualidade en Galicia por mor das declaracións do xefe de sección de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), Carlos González de la Cuesta. Nun vídeo que comezou a circular a través de redes sociais, cualificaba a “mal chamada vacina” contra o coronavirus como un “experimento xenético”, dicindo “non á vacinación obrigatoria” e manifestándose en contra de “todas aquelas medidas que restrinxen os nosos dereitos e libertades sen validación científica”. O doutor continuaba animando a “todo o mundo a investigar se realmente é necesaria, eficaz e segura”, e a ver os vídeos “da miña compañeira Natalia Prego e a páxina web de Médicos por la Verdad España“.

Esta mención final do doutor do CHUO é clave para trazar a propagación das mensaxes negacionistas da pandemia desde Galicia. A doutora Prego, que traballou como médica de familia para o Sergas, é unha das voceiras do movemento que se propagou tamén a Portugal ou Latinoamérica, e que acada predicamento no río revolto que supón o impacto social, económico e sanitario que causa a pandemia.

Falsidades sobre o impacto da pandemia e o diagnóstico

O 15 de marzo de 2020, o día no que entrou en vigor o estado de alarma en todo o territorio español por mor da transmisión do coronavirus, Prego gravou unha mensaxe de audio que, como moitas outras, comezou a propagarse por redes como Whatsapp, a máis susceptible á transmisión de información falsa arredor do coronavirus.

Nesta mensaxe, establecíanse comparacións enganosas, como as da mortalidade por mor da Covid-19, que naquel momento causara a morte de arredor de 6.000 persoas en todo o mundo. Para establecer esta falsidade, Prego equiparaba aquel dato á mortalidade doutras enfermidades infecciosas, como o sarampelo. Remitíase ás cifras de todo o ano 2018, no que morreron en todo o planeta 140.000 persoas. Mais as cifras da Covid-19 son xa moito maiores, con 2,3 millóns de falecementos ata esta semana desde os primeiros óbitos rexistrados en xaneiro de 2020. A comparanza que facía coa gripe en España (41 mortes cada día, afirmaba, polo que serían algo menos de 15000 nun ano), quedaría tamén moi por baixo do impacto que tivo o coronavirus en 2020, con 50.000 falecidos confirmados con Covid-19 e un exceso de mortalidade global de preto de 70.000 persoas. Este martes chegábase xa á cifra de 63.000 falecementos con diagnóstico de Covid-19 e máis de tres millóns de persoas infectadas en España.

Do mesmo xeito, noutro vídeo publicado na súa canle de Youtube, onde conta con miles de subscritores, a doutora sementa dúbidas sobre a idoneidade das probas PCR para o diagnóstico do SARS-CoV-2, afirmando que son “inespecíficas” e que por tanto non detectan o novo coronavirus en concreto, provocando moitos “falsos positivos”. E sostén do mesmo xeito que as persoas asintomáticas non contaxian en ningún caso. A web Maldita.es analizou e verificou nun artigo estas declaracións da man de diversos investigadores. A difusión de boatos e informacións falsas sobre a pandemia provocaron que algunhas das publicacións de Prego e a rede de persoas que alenta o ‘negacionismo’ fosen borradas por plataformas como Youtube ou Facebook. Unha medida que non está exenta de controversia, como o que aconteceu recentemente co expresidente estadounidense Donald Trump.

Estas situacións reforzan, nalgúns casos, a mensaxe “alternativa” fronte á censura que din padecer. Para evitar isto, estas organizacións alternan os seus contidos en distintas contas de redes como Youtube, Instagram, Facebook, Whatsapp, Telegram e páxinas web que, en ocasións, difunden un amplo abano de contidos ademais do negacionismo: desde a promoción da homeopatía ata portais que alentan as teorías que culpan ao “globalismo”, o Partido Comunista Chino, a Bill Gates ou a George Soros da ‘creación’ da pandemia.

Entre outras accións, grupos coordinados arredor do negacionismo están conformando grupos para “verificar o colapso hospitalario” mediante gravacións coas que queren poñer en cuestión a carga asistencial causada pola Covid-19 nesta vaga da pandemia. Mentres, en hospitais como o da Coruña ou Ferrol xa se supera o 100% das camas previstas para coidados intensivos, tendo que utilizar espazos de quirófano ou reanimación para atender aos pacientes de coronavirus.

Homeopatía, promoción do ozono e o dióxido de cloro

Nestes meses, a través da plataforma Médicos por la Verdad, organizáronse diversas concentracións en cidades como Madrid ou Barcelona, e mesmo se teceron alianzas con entidades como a chamada Organización Mundial por la Vida ou a World Doctors Alliance. Ao tempo que se cuestiona todo o que rodea as medidas de prevención contra o coronavirus, como o uso de máscaras, fármacos e vacinas, a propia web da organización e as súas redes ofrecen “tratamentos novedosos”, como o ozono ou o dióxido de cloro. Ademais, varios dos membros destas entidades teñen negocios vinculados a estes e outros produtos homeopáticos.

Lei de Saúde de Galicia: a “Ley Auschwitz”

Recentemente, os movementos que apelan ao ‘negacionismo’ e cuestionan a seguridade das vacinas contra a Covid-19 fixéronse tamén notar en Galicia por mor da tramitación para modificar a Lei de Saúde Pública de Galicia. A proposición de lei, que recibiu emendas por parte dos tres partidos con presenza no Parlamento Galego, das que só se aceptou unha da oposición, foi criticada polos grupos parlamentarios do BNG e o PSdeG e colectivos vinculados á sanidade polo seu estrito carácter sancionador e por impoñer, entre outras medidas, a obrigatoriedade da vacinación, un extremo sobre o que existe fondo debate.

Ao abeiro deste debate, colectivos negacionistas esaxeraron o alcance da normativa. Partindo dunha das medidas propostas, que establecía a posibilidade do “illamento en domicilio, ou internamento en centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin” das persoas enfermas ou as que estivesen en contacto con elas, acusaron á Xunta de Galicia de querer crear “auténticas cárceres” e “campos de concentración” protexidos “con aramados” para confinar persoas infectadas por Covid-19. O Grupo Parlamentario Popular, consultado tamén por Maldita, expón que co concepto de “lugar adecuado para tal fin” refírese a “hoteis ou calquera outra instalación que se considere axeitada para o tratamento da enfermidade e o perfecto acomodo do paciente”, buscando “facilitar sempre aos que teñen que aislarse unhas condicións dignas“.

Outra das mensaxes difundidas na rede para protestar contra a reforma da Lei de Saúde Pública.
Outra das mensaxes difundidas na rede para protestar contra a reforma da Lei de Saúde Pública.

Desta falsidade, mais tamén do descontento polo réxime sancionador e o conflito cos dereitos fundamentais que poderían supoñer algunhas das medidas contempladas na lei, xurdiu un movemento de protesta que non dubidou en comparar a lei cunha das maiores barbaries cometidas no século XX, a do exterminio no campo de concentración de Auschwitz por parte do exército da Alemaña nazi. Baixo o cancelo #NoalaLeyAuschwitz, o web no que se tramitaba a lei encheuse de máis de 1.000 de mensaxes de protesta, dos que máis da metade foron eliminados por conter insultos ou contido inapropiado. Ademais, representantes parlamentarios recibiron correos electrónicos nos seus enderezos persoais. Alén desta campaña, comezaron a difundirse mensaxes por redes sociais e concentracións nalgunhas cidades, como Barcelona.

Reaccións dos colexios médicos e Sanidade

A pesar de tratarse de casos illados, o rebumbio xerado por estas mensaxes e o risco da súa propagación entre a poboación fixo reaccionar aos colexios médicos. O de Ourense cualificou este martes de “inaceptables” as declaracións do alergólogo do CHUO. O presidente da organización, José Luis Jiménez, expuxo que se valoraría a situación e a posibilidade de abrir un expediente ao doutor, segundo recolle Europa Press.

No Colexio de Médicos de Pontevedra, ao que pertence a doutora Natalia Prego, estase analizando o caso por parte do comité dentolóxico polas declaracións realizadas nos últimos meses. O vicepresidente, Manuel Rodríguez, expuxo que se está “á espera” do informe que realice este comité para tomar as medidas que se consideren.

Tamén o Colexio de Médicos de Lugo ten en marcha un procedemento sobre as declaracións de Alejandro Sousa, un urólogo do hospital de Monforte que acompañou a Natalia Prego nalgunhas charlas do colectivo Médicos por la Verdad. Segundo informou en xaneiro El Progreso, e constataron este martes a GCiencia desde o propio Colexio, a entidade está analizando a posiblidade de actuar ante as declaracións de Sousa, que sostivo recentemente que a vacina da Covid-19 provocará “un montón de mortos” que, segundo a súa opinión, se atribuirán as novas variantes do SARS-CoV-2 detectadas. O propio doutor, como outros representantes de Médicos por la Verdad, defende o uso do dióxido de cloro, un produto sen propiedades beneficiosas para a saúde, e mesmo perigoso nalgúns casos, promocionado por figuras moi polémicas como o empresario Josep Pàmies.

Pola súa parte, desde a área sanitaria de Ourense recoñecen a súa “sorpresa” polas declaracións do médico, aínda que descartaron por agora tomar medidas ao respecto. “A postura do Sergas e a área sanitaria é clara a favor das vacinas, da súa seguridade e eficacia, e desde logo é obvio que non estamos de acordo”, expuxeron. Con todo, aludiron a que se trata dun “tema delicado” xa que o profesional “está exercendo a súa liberdade de expresión”. Desde a Consellería de Sanidade declinaron facer, polo momento, comentarios ao respecto destas declaracións do profesional do CHUO.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.