O Servizo Galego de Saúde fixo público este venres, como todas as semanas, o informe de actividade gripal (aquí en PDF) que difunde durante a campaña de prevención contra a doenza vírica. Desde o comezo da tempada actual, en outubro de 2019, os hospitais galegos notificaron 68 falecementos con gripe confirmada (aínda que a causa da morte se debera a outras patoloxías), e 27 deles foron debidos á gripe (2 máis respecto á semana anterior). Destas 68 mortes, 64 tiñan indicada a vacina por tratarse de grupos de risco, e 37 non estaban vacinados.
Desde outubro, e ata o xoves 5 de marzo á mañá, declaráronse 1.512 ingresos con gripe confirmada, dos que 1.180 están xa dados de alta. 126 persoas requiriron asistencia na UCI. Do total destes casos, 1.226 tiñan indicada a vacina por idade ou por factores de risco, e 653 deles non estaban vacinados.
Segundo o boletín semanal que facilita o Sergas, a onda epidémica amosou unha tendencia estable respecto á semana anterior, no marco dunha intensidade baixa. Alén disto, desde Sanidade destacan que o número de chamadas ao 061 aumentou “probablemente pola situación actual de preocupación pola fase de contención do coronavirus“.
Segundo positivo por coronavirus en Galicia, no Cunqueiro de Vigo
Cobertura de vacinación
Todos os anos, o Sergas impulsa unha campaña de vacinación, destinada sobre todo aos grupos de risco (maiores de 65 anos, residentes en institucións pechadas, mulleres embarazadas, profesionais de centros sanitarios, de institucións xeriátricas, pacientes crónicos ou coidados domiciliarios, así como conviventes con persoas de risco, etc.)
A cobertura de vacinación no conxunto de Galicia entre os maiores de 65 anos foi do 60,4%, resultando maior nas áreas sanitarias con maior idade media (Lugo e Ourense). En total, foron máis 410.759 persoas maiores de 65 anos as que se inmunizaron en todo o país.















