Publicidade

Case a metade das mortes por cancro no mundo débense a factores evitables

O tabaco, o alcol e o sobrepeso estiveron detrás de moitos dos 4,45 millóns de falecidos pola enfermidade en 2019, segundo un estudo de The Lancet

Case a metade das mortes provocadas polo cancro no mundo débense a factores de risco relacionados co consumo de tabaco e alcol e cos malos hábitos alimenticios, segundo conclúe un estudo liderado pola Universidade de Washington e publicado en The Lancet.

O equipo revisou os datos do estudo de carga global de enfermidades, lesións e factores de risco (GBD, polas súas siglas en inglés) e analizou o impacto que teñen 34 factores de risco sobre a saúde e a mortalidade provocada por 23 tipos de cancro, os cales foron responsables de 4,45 millóns de mortes en todo o mundo en 2019, o 44,4 % da cifra total.

Publicidade

Un alto índice de masa corporal, o tabaquismo e o consumo de alcol figuran entre os principais factores de risco para ambos os sexos, aínda que afectan máis os homes debido a factores ambientais, ocupacionais e de comportamento, destaca este traballo, cuxos resultados se publican na revista The Lancet.

Un importante desafío para a saúde pública

O 50,6% de todas as mortes por cancro en homes en 2019 debéronse aos factores de risco estudados, fronte ao 36,3% das mulleres. Así mesmo, o número global de mortes por cancros relacionados con factores de risco aumentou un 20,4% entre 2010 e 2019 e diferiu considerablemente segundo o nivel do desenvolvemento de cada país.

Publicidade

“Fumar segue sendo o factor de risco principal para o cancro a nivel global”

CHRISTOPHER MURRAY, coautor do estudo

“Este estudo mostra que o cancro segue sendo un importante desafío para a saúde pública e que está a medrar en magnitude en todo o mundo. Fumar segue sendo o factor de risco principal para o cancro a nivel global”, subliña o coautor da investigación, Christopher Murray, director do Instituto de Métricas e Avaliación de Saúde da Universidade de Washington.

O experto asegura que as súas conclusións “poden axudar aos lexisladores e investigadores a identificar factores de risco clave sobre os que dirixir os seus esforzos para reducir a mortalidade e mellorar a saúde de pacientes a escala global, nacional e rexional”.

Os números detrás do cancro

Murray lembra que o 36,9% de todas as mortes atribuíbles a factores de risco a nivel global, tanto en homes como en mulleres, estivo causado polo cancro de pulmón, de traquea e de bronquios, relacionados todos eles co tabaquismo.

Seguen para os homes o cancro de colon (13,3%), de esófago (9,7%) e de estómago (6,6%), mentres que en mulleres sobresaen o cancro de colo uterino (17,9%), de colon e recto (15,8%) e o de mama (11%).

O estudo tamén detectou que, en 2019, o 25,4% de todas as mortes por cancro e o 26,5% de todas as mortes por cancro atribuíble a factores de risco déronse “de maneira desproporcionada” en países de alto índice sociodemográfico, a pesar de que estes só representan o 13,1% da poboación global.

Neste sentido, as cinco rexións coas taxas de mortalidade por factores de risco máis altas foron Europa central, con 82 mortes por cada 100.000 habitantes, Asia oriental (69,8/100.000), América do Norte (66/100.000), sur de Latinoamérica (64,2/100.000) e Europa occidental (63,8/100.000).

Envellecemento da poboación, risco metabólico e datos

Segundo sinala Rafael Marcos Gragera, médico epidemiólogo do Instituto Catalán de Oncoloxía (ICO), ao SMC España, “os resultados deste estudo coinciden con outros realizados en diferentes áreas xeográficas (Francia, Reino Unido, Australia e EE UU) nos que a proporción das mortes por cancro debido a factores de risco modificables sería aproximadamente do 40%.

Este investigador, que non participou no traballo, engade que “como resultado importante destaca a desigualdade xeográfica na redución do impacto dos factores de risco nos anos de vida perdidos por discapacidade”.

Marcos Gragera destaca que o estudo indica que “o envellecemento da poboación ten un peso importante na carga da enfermidade debida aos factores de risco modificables. Doutra banda, o aumento da carga de cancro atribuíble ao risco metabólico, especialmente en países de rendas baixas, podería ser o resultado de que estes países están a experimentar unha transición epidemiolóxica na que as melloras no estado de desenvolvemento do país están relacionadas co aumento dos niveis de obesidade”.

“Un dos resultados máis importantes deste estudo é que, para poder avaliar o impacto das medidas de control de cancro, xa sexa prevención primaria ou secundaria, así como para poder avaliar os progresos na atención oncolóxica —novos tratamentos—, necesitamos datos de calidade tanto da incidencia como da mortalidade, sobre todo, naqueles países onde non se dispoñen de sistemas de información consolidados”, subliña.


Referencia: The global burden of cancer attributable to risk factors, 2010–19: a systematic analysis for the Global Burden of Disease Study 2019 (Publicado en The Lancet)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Últimas noticias sobre as vacinas contra o cancro

Centos de ensaios clínicos empezan a marcar unha nova liña de esperanza para mellorar tratamentos e evitar recaídas en pacientes con tumores

Descuberto un efecto da aspirina que reduce a metástase do cancro en ratos

O mecanismo anticoagulante do fármaco activa un elemento esencial da resposta inmunitaria que elimina as células tumorais invasoras antes de que poidan colonizar outros órganos

Canto máis pequeno, máis sensible: así axuda a nanomedicina galega a diagnosticar enfermidades

Persoal investigador do CINBIO aproveita as propiedades ópticas únicas das partículas de menor tamaño para aumentar a capacidade de detección dos biosensores

É perigoso tomar bebidas moi quentes? A ciencia detrás do cancro de esófago

A exposición repetida a altas temperaturas pode provocar lesións que predispón ao desenvolvemento da enfermidade