Venres 29 Marzo 2024

A metade dos hipertensos están mal diagnosticados

Un estudo con miles e miles de galegos confirma o que os investigadores da rede Hygia viñan afirmando dende hai tempo: o único factor que determina o risco cardiovascular real dun paciente é a súa presión arterial durante a noite, non a que pode ter nun momento puntual, cando un facultativo lla toma, xa sexa no seu centro médico ou nun hospital. Para facer un diagnóstico correcto é imprescindible realizar o que se coñece co nome de MAPA, Monitorización Ambulatoria da Presión Arterial, un sistema preciso e non invasivo que permite a medición durante un período que acostuma oscilar entre as 24 e 48 horas nas que o paciente fai a súa vida habitual.

Isto é o que debería facerse, pero non o que se fai na maior parte dos casos. En Galicia o diagnóstico da hipertensión segue realizándose en base á medición en clínica, o que provoca, segundo os resultados do proxecto Hygia, que o 48% dos pacientes hipertensos estean mal diagnosticados. E deles, a inmensa maioría tome a medicación a unha hora equivocada, é dicir, pola mañá e non pola noite, cando se produce o verdadeiro risco cardiovascular, sen esquecerse tampouco de todos aqueles pacientes que deberían estar medicándose e, debido a este erro de diagnóstico, non o están facendo.

Publicidade

O único factor para medir o risco cardiovascular é a presión arterial durante a noite, non nun momento puntual

En total, falamos de arredor de 7.000 millóns de euros anuais en medicamentos para patoloxías vasculares, dos cales a metade se lle está dando a pacientes que non o necesitan. E á outra metade que si o necesitan, non se lles dá porque están mal diagnosticados.

Estes son algúns dos resultados que se presentaron na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os responsables de Hygia, un proxecto dirixido polo catedrático da Universidade de Vigo Ramón Hermida, e do que na actualidade forman parte 40 centros de saúde de toda Galicia e máis de 290 investigadores, tanto da universidade como do Sergas, que fixeron un seguimento durante máis de catro anos a preto de 17.000 pacientes, segundo informa o Duvi.

Os resultados acadados polos investigadores vigueses poñen en serias dúbidas a validez das guías sanitarias que se están a empregar en España para o tratamento da hipertensión, “que manifestamente son erróneas”, subliña Ramón Hermida, quen recalca que “sen unha valoración da presión arterial durante o sono non se pode cuantificar o risco que ten unha persoa de ter un evento cardiovascular”.

A inmensa maioría dos pacentes toma a medicación pola mañá, cando o momento de verdadeiro risco é a noite

E, mentres en España se seguen empregando as mesmas guías de hai preto de dez anos, sociedades internacionais tan prestixiosas como a Sociedade Americana de Diabetes, a Sociedade Europea de Cardioloxía ou a Sociedade Xaponesa de Hipertensión -a referencia para o mundo asiático para o tratamento destas cuestión- adoptaron xa as recomendacións publicadas polos investigadores da Universidade de Vigo.

E como un exemplo vale máis ca mil palabras, Ramón Hermida, recentemente nomeado presidente da Sociedade Internacional de Cronobioloxía, explica que Anthony DiMaría, director do Servizo de Cardioloxía e Hipertensión do Hospital da Universidade de San Diego, un dos máis importantes de Estados Unidos, e durante anos editor xefe de Circulation, a principal revista de cardioloxía do mundo, fixo unha declaración pública hai varios meses anunciando que despois de resultados publicados polo Laboratorio de Cronobioloxía da Universidade de Vigo “ninguén que vaia ao hospital de San Diego e que precise tratamento para controlar a hipertensión vai saír sen que ese tratamento estea administrado pola noite”.

Neste contexto, Hermida ten sido convidado a impartir conferencias en diferentes lugares do mundo e a vindeira semana desprazarase a Chicago a ofrecer a que considera que será unha das máis importantes de toda a súa traxectoria profesional, xa que a esta cita asisten miles de médicos de todo o mundo. De aí marchará a Tejas, convidado por médicos de Medicina Interna e Nefroloxía Pediátrica do Hospital de Houston, encontros que están encamiñados non só a divulgar os resultados de Hygia senón á sinatura de novos convenios que permitan a posta en marcha de proxectos de investigación.

Os investigadores vigueses poñen en dúbida a validez das guías sanitarias que se empregan en España para a hipertensión

Asentada xa a rede, os investigadores de Hygia aproveitaron o encontro para confirmar que o seu proxecto de valoración do risco de sufrir diabetes en pacientes con hipertensión nocturna foi o único das universidades galegas seleccionado polo Ministerio de Economía, a través do Instituto de Saúde Carlos III, para recibir financiamento. De momento a resolución é provisional, aínda que agardan que ao longo deste mes lles chegue a confirmación definitiva.

Ao marxe disto teñen tamén concedida unha axuda do Instituto de Saúde de Estados Unidos en colaboración cunha empresa americana para a valoración dun novo dispositivo de recollida de mostras de sangue de xeito cómodo para o paciente. “Estamos na primeira fase, na posta en marcha do proxecto e, xa en xaneiro, pediremos a renovación da axuda para iniciar unha segunda fase que durará dous anos”, subliñou Hermida, que fixo fincapé en que este proxecto abre novas e importantes liñas de investigación en Estados Unidos. “Ao marxe disto, estamos tamén pendentes da posta en marcha doutro proxecto co Centro Médico de Houston e a Universidade de Austin para o desenvolvemento de sistemas de monitorización non invasiva aplicados ás patoloxías do sono”, subliñou o catedrático vigués.

Enxeñeiro de formación, Ramón Hermida realizou o seu proxecto fin de carreira no Instituto Ramón y Cajal con datos dun estudo dunha universidade americana sobre prevención de cancro de mama e así foi como comezou a súa relación co mundo da Medicina. Logo, ao acabar a carreira, gañou a única beca que había para todo o país convocada entre a Sociedade Española contra o Cancro e a Universidade de Minnesota, onde estaba o laboratorio máis importante do mundo en cronobioloxía, para investigar en oncoloxía. Conseguiuna e marchou para Estados Unidos, “inicialmente dous anos pero remataron sendo seis nos que estiven traballando e formándome na Facultade de Medicina da Universidade de Minnesota, e a partires de aí veu todo o demais”, recalcou o investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pacientes con psoríase grave teñen maior risco cardiovascular

Unha investigación detectou disfunción microvascular coronaria en doentes con esta enfermidade cutánea autoinmune

Pode a insulina curar o párkinson? Un estudo da USC trata de demostralo

O CiMUS da Universidade de Santiago estuda a relevancia dos tratamentos antidiabéticos na enfermidade neurodexenerativa

PODCAST | Que ten que ver o sono coa saúde cardiovascular. Con Ramón Hermida

Falamos de cronobioloxía con Ramón Hermida, do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía de atlanTTic, que participa en estudos sobre o risco de eventos cardiovasculares, metabólicos e renais do control da presión arterial durante o sono.

Un estudo marca un novo limiar de pasos diarios para mellorar a saúde: abonda con 7.000?

O traballo, realizado nos Estados Unidos, constata que o risco de mortalidade prematura redúcese entre un 50 e un 75% nas persoas máis activas