Científicos galegos atopan un mecanismo que propaga o cancro de mama

Descubriron que os macrófagos pasan a ser "aliados" do tumor en presenza dunha determinada proteína, o que abre novas vías para estudar a doenza

A expansión do cancro de mama require, como noutros tipos de tumores, que as células sas próximas se “transformen”, reeducándose e converténdose en parte do tumor para axudar ao seu crecemento. No caso das doenzas de mama, o tumor conta na súa evolución coa colaboración dos macrófagos, unhas células do sistema inmunitario cuxa función cambia en presenza da proteína POU1F1. Investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), do Departamento de Xenética no campus de Lugo e do Hospital de Jove en Gijón acaban de achegar novos datos sobre este relación nun traballo publicado na revista The Journal of Pathology, publicación especializada en cancro.

No traballo, o equipo describe que a presenza da proteína POU1F1 en células tumorais de mama atrae cara o tumor a macrófagos. Estas células do sistema inmune, en condicións normais, actúan en contra dos elementos estraños que poden atacar o organismo e entre os que se atopa o tumor. Non obstante, os investigadores teñen demostrado que en presenza da proteína POU1F1 os macrófagos transfórmanse e, en lugar de actuar de xeito defensivo, colaboran coas células tumorais para facilitar a progresión tumoral e o desenvolvemento de metástase. “Os nosos datos revelan un novo mecanismo de cooperación entre células tumorais e macrófagos, que favorece a metástase e un resultado clínico deficiente no cancro de mama humano”, expoñen os autores.

Publicidade

O equipo de investigación describe os mecanismos e os factores implicados nesta transformación dos macrófagos, abrindo a posibilidade de busca de novos tratamentos en tumores de mama con elevada presenza da proteína POU1F1. O traballo realizouse utilizando liñas celulares humanas, modelos de animais como embrións de peixe cebra e ratos, así como mostras de tumores procedentes de pacientes. O artigo asínano Samuel Seoane, Anxo Martínez-Ordoñez, Noemí Eiro, Pablo Cabezas-Sainz, Luis O. González, Manuel Macía, Laura Sánchez, Francisco Vizoso e  Román Pérez-Fernández.

Referencia:POU1F1 transcription factor promotes breast cancer metastasis via recruitment and polarization of macrophages (Publicado en The Journal of Pathology).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados