Marta Piñeiro diretora mundial de Open Innovation Drug Discove.
Marta Piñeiro diretora mundial de Open Innovation Drug Discove.

“De cada 10.000 compostos que investigamos, talvez un chegue a medicamento”

Ana Hernando/Agencia SINC

A coruñesa Marta Piñeiro Núñez leva toda a súa vida profesional en Lilly, onde comezou como investigadora de química médica en enfermidades cardiovasculares, psicoses e dor a mediados dos noventa. En 2005, colgou a bata para adicarse ao estudo, mellora e deseño de procesos de I+D na industria farmacéutica. E desde 2012 dirixe a área de Open Innovation Drug Discovery (OIDD) da multinacional que se lanzou en 2008, unha división que colabora cunhas 400 institucións de case unha trintena de países, entre eles España, para impulsar a procura de novos fármacos en campos inexplorados.

– Agora chámano innovación aberta, pero Lilly ten unha longa tradición de colaboración coa academia para o descobremento de novos fármacos…

– Así é. A compañía vai cumprir 140 anos en maio e sempre cooperou coa academia. En 1920, desenvolveu a insulina grazas a unha colaboración coa Universidade de Toronto. Dous investigadores nesa universidade identificaran a insulina, pero non tiñan capacidade para preparala a gran escala e aí entrou Lilly. O resto xa é historia. Dende o principio, a cultura dos nosos científicos foi mirar cara a fóra.

– En que consiste o programa OIDD?

– Trátase dunha especie de sociedade ou rede na que universidades, centros de investigación e pequenas empresas establecen unha afiliación. Despois, os científicos desas institucións crean unha conta persoal e poden interactuar ao seu gusto connosco. En Lilly proporcionámoslles a nosa infraestrutura e ferramentas computacionais de deseño e avaliación de moléculas. Por exemplo, no programa de ensaio recibimos o composto do colaborador, probámolo e devolvémoslle os datos biolóxicos para que os poidan utilizar en proxectos, grants ou publicacións. Na web tamén temos o apartado publishing your work no que están os artigos dos participantes. Cando queren publicar, proporcionámoslles os métodos e materiais para que o poidan facer. No caso de que a molécula tivese datos prometedores, estableceríamos unha colaboración posterior para avanzar nesa investigación concreta.

“Lilly desenvolveu a insulina en 1920, grazas a unha colaboración coa Universidade de Toronto”

– Así que o beneficio é mutuo.

– Claro. Lilly proporciona a investigadores externos – que en moitas ocasións están a deseñar e a sintetizar compostos en universidades e laboratorios de biotecnoloxía con poucos medios ou dificultades – unha infraestrutura que lles permita avanzar nas súas investigacións. A cambio, nós podemos acceder a unha innovación máis ampla.

– Supoño que a Lilly interesaranlle máis uns ámbitos que outros?

– Exactamente. Interésannos as áreas nas que Lilly ten xa unha presenza, que son inmunoloxía, dor, diabetes, oncoloxía e neurodexeneración. Esas son as nosas áreas estratéxicas nas que temos ferramentas e expertos, e podemos xulgar os resultados.

– En que ámbitos cre que van avanzar máis grazas a este programa de innovación aberta?

– Estes temas son confidenciais. Aínda levamos pouco tempo co programa. Pero traballamos en 20 proxectos internos nos que os investigadores externos achegaron unha serie de respostas. Temos agora en marcha un, do que non podo dar detalles, que está na área da dor, con resultados moi interesantes dun dos nosos participantes. Está na fase de avance ao seguinte estadio. Imos pasar dos estudos in vitro aos estudos in vivo.

– A diana para atacar a dor parece que se lle resistiu ata agora á investigación farmacéutica.

– Si. A colaboración que temos neste tema está relacionada cunha diana biolóxica chamada NAv 1.7, unha canle de iones de sodio que sabemos ten unha validación xenética grande. Hai moitos datos que apuntan a que vai ser de gran utilidade no tratamento da dor, pero ata hoxe ningunha farmacéutica conseguiu “domar” esta diana. Aínda non hai nada no mercado relacionado con este target. Agora temos unha posibilidade de chegar a identificar unha familia molecular da cal podería saír un resultado activo contra esta diana biolóxica. Isto é de rabiosa actualidade. Hai moitas farmacéuticas que están a tentar atacar este problema, pero non temos, nin nós nin as demais compañías, un produto no mercado que actúe por medio deste mecanismo.

– Este podería ser un bo exemplo do éxito do programa, non?

– Desde logo. Se o proxecto segue adiante, podería ser o primeiro exemplo no programa dunha molécula que entrou desde unha institución externa e que avanzou. De todos os xeitos, o noso éxito non o medimos en moléculas que poden acabar converténdose en medicamentos. De cada 10.000 compostos cos que traballamos, talvez un acabe chegando a fase comercial. O éxito para nós está na expansión da diversidade de moléculas ás que nos dan acceso estas colaboracións. Medimos as fases intermedias, é dicir, se a diversidade de moléculas que recibimos externamente engade valor á que xa temos.

Marta Piñeiro Núñez entrou en Lilly como investigadora química en enfermidades cardiovasculares, psicosis e dor.
Marta Piñeiro Núñez entrou en Lilly como investigadora química en enfermidades cardiovasculares, psicosis e dor.

– E en diabetes que é unha das súas áreas prioritarias?

Lilly ten moitos produtos para diabetes no mercado. Agora estamos a tentar buscar un medicamento oral de molécula pequena. Nesta enfermidade hai unha diana biolóxica que se chama GLP1 para a que ata agora só hai fármacos inxectables de molécula grande. Dentro do programa OIDD establecemos unha colaboración con dez universidades, entre elas algunhas españolas, para tentar identificar un composto que poida ser útil para esta diana. No ensaio in vitro apareceron unha decena de compostos prometedores e imos probalos todos in vivo. Seguiremos adiante co que teña mellores resultados.

“Proporcionamos a investigadores externos unha infraestructura que lles permita avanzar”

– Como se enriqueceu a súa colección de compostos con este sistema de intercambio?

– Hai unha base de datos internacional chamada Pubchem que ten 32 millóns de compostos químicos. A colección de Lilly ten un millón de compostos e no noso programa de innovación aberta recibimos ata agora 40.000 novos. Se observásemos a diversidade molecular destes compostos recibidos de colaboradores externos, poderiamos ver que cobren campos moi distintos dos que xa están publicados en Pubchem, o cal é unha medida grande de éxito porque estamos a conseguir explorar partes do mapa que poden ter moito potencial. Estes compostos non existen no mercado e representan a innovación de laboratorios académicos de todo o mundo e de pequenas empresas de diversos ámbitos da biotecnoloxía.

– Cantos participantes ten o programa?

– Colaboramos cunhas 400 institucións, entre universidades, centros de investigación e pequenas firmas de biotecnoloxía, en case 30 países. As universidades e institucións españolas foron moi activas desde o principio no programa, entre outros podería destacar ao Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, o Consello Superior de Investigacións Científicas e un gran número de universidades.

– Como valora os resultados do programa e que cre que achegou á súa compañía?

– O valor para Lilly é indiscutible. Temos a posibilidade desde o punto de vista da investigación de expandirnos de forma virtual. Dános acceso ao dobre do substrato e acceso a novo talento. O valor para os colaboradores tamén é grande polo acceso que teñen á nosa infraestrutura. Por exemplo, un profesor de investigación que lograse unha bolsa pode apoiarse en nós para avaliar compostos en ensaios de oncoloxía. Desta forma, afórrase ter que pagar ese servizo e pode concentrarse en utilizar eses fondos para ter máis investigadores no seu proxecto.

“Colaboramos cunhas 400 instituciones de case 30 países, entre eles España”

– Esta posibilidade pode ser de gran axuda para investigadores en países en vías de desenvolvemento?

– Efectivamente. O que fan os nosos colaboradores é conectarse connosco por medio da plataforma. Logo mándannos os seus compostos e as propostas biolóxicas e nós facemos a avaliación. Isto en países en vías de desenvolvemento é moi importante, xa que os científicos poden acceder á nosa plataforma desde calquera punto onde haxa internet. A web ten tecnoloxía java e iso permite que funcione con calquera tipo de computador ou de sistema operativo. Como dicía ao principio, Lilly ten na súa cultura innovación aberta. O que cambiou é que na era da internet permítenos unha comunicación con investigadores externos dunha maneira moito máis directa. Creo que demostramos o valor que ten este tipo de plataformas porque achegan moito máis valor que o que custa establecelas e producen cooperacións dun valor incalculable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.