Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

O 2020 marcou un antes e un despois na historia da ciencia e na vida de millóns de persoas. O SARS-CoV-2 irrompeu con forza, rompeu o taboleiro de xogo e obrigou a comunidade científica a avanzar en tempo récord. Detrás dese esforzo encomiable por atopar respostas a unha inxente lista de preguntas estivo o virólogo Luis Enjuanes, experto en coronavirus e investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC). Precisamente desta experiencia, fronte a fronte cun patóxeno descoñecido, falou este mércores no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago. O virólogo, que bota a vista catro anos atrás, lembra canto se aprendeu da última pandemia, pero tamén de como debemos afrontar a longa nómina de enfermidades que pon contra as cordas a saúde pública.

Vostede participou este mércores no Congreso Nacional de Viroloxía cun relatorio sobre a evolución do SARS-CoV-2. Agora que xa pasaron catro anos dende que estoupou a pandemia, canto sabemos sobre este virus que puxo patas arriba o mundo?

Publicidade

—O que aprendimos foi que era a primeira vez que este virus atacaba as persoas. Houbo outros coronavirus moi perigosos. Un foi o SARS en 2003 e o outro o MERS, que apareceu 10 anos máis tarde. Este último foi, ao principio, moi, moi perigoso porque tiña unha mortalidade do 37,5%. É dicir, mataba a unha de cada tres persoas infectadas. É por iso que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o MERS como un dos 10 virus máis perigosos do mundo. Menos mal que o transmiten moi ben os camelos pero non as persoas, senón tería morto moitísima xente.

Despois está o SARS-CoV-2 que xa coñece todo o mundo. É moi recente e afortunadamente está evolucionando. É un virus que aprende a pasar dunha persoa a outra, que é moi efectivo, pero que tamén se está atenuando. Isto é unha boa noticia. O SARS-CoV-2 corre moito, salta moito de persoa a persoa, pero ao mesmo tempo vólvese máis débil. É estupendo. Vai volver aparecer e vai quedar con nós, pero a predición xeral é que reducirá considerablemente a súa patoxenicidade.

Publicidade

—É dicir, o virus non vai desaparecer pero tampouco haberá novas variantes. Ou, polo menos, variantes que sexan máis perigosas.

—Si, agora mesmo inféctanse de covid diariamente unhas 50.000 persoas. Delas, morren 200 ao día. De todos modos, calquera que xa estea vacinado ten probabilidades de superar a enfermidade, e de facelo rápido.

—Co SARS-CoV-2 fíxose un esforzo científico inmenso para investigar o virus e desenvolver vacinas en tempo récord. Que nos queda por saber sobre este patóxeno?

—A vida segue. É dicir, o SARS-CoV-2 converteuse nun virus estacional claramente atenuado. Pero eu creo que o problema número un é a covid persistente. Cando unha persoa se infecta, cre que ao cabo de dúas semanas estará ben porque o virus xa se foi, pero iso non sempre é así. O SARS-CoV-2 pode alterar o xenoma, é dicir, perder anacos, e iso provoca que permaneza debilitado pero infectando moitos órganos do corpo. De feito, pode producir máis de 200 patoloxías ou combinacións de patoloxías distintas. A covid persistente pode derivar en microcoágulos en calquera parte do orgnanismo, problemas de circulación, perdas de memoria, sensación de ter unha nube na cabeza que non che permite razoar… É un problema porque non se coñece ben a etioloxía da enfermidade e agora mesmo, no mundo, hai 68 millóns de persoas son covid persistente.

—Polo tanto, agora a prioridade das investigacións sobre o SARS-CoV-2 deberían enfocarse cara a covid persistente.

—Si. Durante a pandemia, Estados Unidos daba financiamento para o desenvolvemento de vacinas contra a covid con relativa facilidade. Agora dano para investigar sobre a covid persistente. Esta enfermidade pode producirche dende coágulos nas pernas ata facer que perdas a cabeza. Hai quen ten que aprender a multiplicar de novo porque lle falla o cerebro. Pode afectar as pernas, a cabeza, o tecido respiratorio… Haberá que investigar que é o que produce un número de patoloxías tan variado. A etioloxía, é dicir, a causa, non é única e aínda non está clara.

—É fácil de diagnosticar a covid persistente?

—Non. Se ti sabes que tes un virus defectivo, é dicir, ao que lle faltan trozos do virus orixinal, do xenoma, non vai ser fácil de diagnosticar porque pode fallar por moitas razóns distintas, máis de 200. Recentemente lin nun paper publicado nunha revista norteamericana moi importante como un investigador preguntaba como se vai resolver a covid persistente se non sabemos ben que é o que a está causando. Hai moitas posibilidades e combinacións de posibilidades.

“Hai 68 millóns de persoas con covid persistente no mundo”

—É dicir, seguiremos falando da covid persistente durante bastante tempo.

—Eu creo que o virus de longa duración vai dar moito que falar. En todos os hospitais importantes hai especialistas nel que tratan pacientes que teñen unha nube na cabeza que non lles permite ter un pensamento claro, ou que teñen un coágulo na perna e non a pode mover. É dicir, moitas patoloxías e non saben cal delas é a dominante. O que se di para saír ao paso é que probablemente non hai unha patoloxía, senón varias combinadas.

—Como de preto estamos dunha próxima pandemia?

—As pandemias existiron sempre ao longo da historia. Poden ser epidemias de curta duración e importancia. Pero se a pandemia é mundial ten máis alcance, causa máis dano, é máis custosa e cobra moitas vidas. Co SARS-CoV-2 houbo millóns de infectados e tamén millóns de mortos. O que hai que facer é estar preparados. Suponse que este virus será estacional. É dicir, que aumentará no outono porque a xente encérrase na casa porque vai frío, non se ventilan os locais, vaise a sitios pechados e o número de infectados é moi superior. Ademais, como en inverno vai frío, o virus consérvase mellor. Aguanta máis e infecta máis.

—Estamos realmente preparados para una próxima pandemia?

—Pode ser deste virus ou doutro. Por exemplo, en España o 94% da poboación xa está vacinada contra a covid. Se volvese ocorrer, non sería igual que cando emerxeu en 2020 porque non estabamos vacinados nin tiñamos inmunidade contra el. O que ocorre é que dun ano para outro as vacinas non funcionan ben porque perderon a súa virulencia. Hai que empregar vacinas actualizadas anualmente. A OMS e as autoridades que controlan as enfermidades infecciosas determinaron que a vacina deste ano, que se empeza a administrar en outubro, ten que ser nova. As baseadas nos antíxenos que circulaban no ano 2023 xa non protexen ben para o virus actual, que é outra estirpe.

“Hai virus agochados en sitios moi remotos que aparecen polo turismo”

—Como concienciamos a poboación de vacinarse con este crecente movemento antivacinas que rexurdiu coa pandemia?

—Os antivacinas son xente que por regra xeral ten moi boas intencións pero deberían ler a historia da medicina e ver que a vacinación salvou a vida de millóns de persoas. O mesmo aconteceu co SARS-CoV-2, para o que a vacinación é altamente recomendable. Aos antivacinas hai que explicarlles que o virus da polio, da varíola, do sarampelo… todas son enfermidades moi perigosas pero cunha simple vacinación pódense salvar vidas. A vacinación é moi positiva pero temos que traballar todos, os científicos, as autoridades sanitarias, a prensa… Hai que divulgar cal é o beneficio que sacamos dela.

Dende a pandemia, a información sanitaria é máis accesible e está máis presente no día a día. Este verán, por exemplo, falouse da mpox, da febre hemorráxica de Crimea-Congo, do virus do Nilo Occidental… Que está sucedendo?

—Hoxe en día viáxase moito e nos países relativamente adiantados non adoita haber problema. Aínda así hai unha mobilidade terrible por razóns de turismo. Hai virus agochados en sitios moi remotos que aparecen polo turismo. Así chegan ás cidades, que teñen unha alta densidade de poboación a onde representan un problema máis grave.

—Isto só irá a máis.

—Temo que si. Hai que traballar moito na prevención e non esquecer os países máis pobres. Os que estamos máis adiantados temos que axudalos a financiar as vacinas e ter todos unha conciencia. Aínda así hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras. Iso si que é triste porque como se volva estender, será unha desgraza para a xente nova.

—Que probabilidades hai de que se poida estender a polio?

—No caso da polio as vacinas son moi boas. A OMS xa enviou vacinas gratuítas á franxa de Gaza para que se poida vacinar os nenos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI