As llamas destacan pola súa singularidade xenética, o que as converte nun animal interesante para a inmunoloxía.

As llamas destacan pola súa singularidade xenética, o que as converte nun animal interesante para a inmunoloxía.

As llamas, aliadas na vacina contra a gripe

Publican en "Science" unha investigación que usou anticorpos destes animais para acadar unha nova estratexia contra o virus

Un equipo de investigadores conseguiu xerar un novo anticorpo capaz de impedir a infección de varias cepas da gripe a partir da combinación de anticorpos de llamas inmunizadas contra o virus. Os expertos, liderados por Nick Laursen, do Instituto de Investigación Scripps La Jolla, en California, demostrou nos seus ensaios que ao administrar estes anticorpos en ratos de laboratorio, estes amosaron unha resposta inmunitaria efectiva fronte ás infeccións da gripe A e B. Expoñen os seus resultados nun artigo da revista Science.

A investigación atopou unha maior protección en ratos de idade avanzada e inmunodeficientes

Un dos datos máis relevantes do achado foi que o novo anticorpo, chamado MD3606, protexiu en gran medida a animais de idade avanzada e inmunodeficientes fronte a doses letais de cepas da gripe A (H1N1). Un avance que podería ter trascendencia xa que as vacinas convencionais contra este virus non son sempre efectivas nos grupos máis vulnerables.

Segundo indican os investigadores, a particularidade da vacina é a “característica multidominio” do MD3606, é dicir, a capacidade que ten de protexer a diferentes tipos de gripe ao mesmo tempo. Actúa inactivando a hemaglutinina, unha proteína da capa externa do virus que é responsable da unión do patóxeno ás celulas do sistema respiratorio.

As llamas na investigación

Os anticorpos foron recollidos de llamas inmunizadas con vacinas contra a gripe. Este animal (Lama glama) utilízase ás veces na investigación debido á súa singularidade xenética. Os seus anticorpos son de menor tamaño que os do resto de mamíferos e ademais, están compostos por un só xene, no canto de dous como na maioría dos animais. Desta maneira, os seus anticorpos son máis fáciles de manexar e constitúen un atractivo á hora de realizar investigacións en inmunoloxía.

A singularidade xenética das llamas convérteas en animais interesantes para a inmunoloxía

Así, os resultados suxiren que o anticorpo MD3606 podería usarse como medida de prevención alternativa fronte a unha variedade máis ampla de cepas, protexendo ademais a estes grupos de risco como os maiores de 65 anos e as persoas inmunodeficientes.

Aínda que os resultados foron positivos en ratos, o anticorpo aínda non foi probado en humanos. Para Ian Wilson, outro dos participantes na investigación, que foi entrevistado pola Axencia SINC, “estes anticorpos son capaces de neutralizar virus que nos afectan. Con todo, aínda non temos unha evidencia directa de que tamén permitan unha protección contra a infección da gripe en humanos”.

A solución que propoñen os investigadores non é unha vacina universal, senón unha estratexia de prevención alternativa baseada na expresión transitoria dun anticorpo de dominio múltiple case universal. Ademais, a rapidez de activación do anticorpo que se observou nos resultados podería permitir o seu uso tanto en prevención como en xestión de pandemias da gripe

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.