Había poucas opcións para Bill Ludwig e Doug Olson; dous estadounidenses que, hai dez anos, padecían un grave cancro de sangue denominado leucemia linfocítica crónica (LLC). Xa recibiran tratamentos, pero ningún funcionaba. Por iso se ofreceron voluntarios, sendo os primeiros participantes nun ensaio clínico dunha terapia experimental no Centro Oncolóxico Abramson, na Facultade de Medicina Perelman da Universidade de Pensilvania, en Estados Unidos. E os resultados, que foron máis que positivos, acaban de ser publicados na revista Nature.
A terapia á que se someteron os dous pacientes, co obxectivo de erradicar as dúas leucemias en fase terminal, baséase nas denominadas células T receptoras de antíxenos quiméricos (CAR). Son unhas células modificadas xeneticamente para atacar os tumores que funcionan como un medicamento vivo fabricado para cada paciente a partir das súas propias células. O estudo, no que tamén colaborou o Hospital Infantil de Filadelfia, mostra a maior persistencia da terapia con células T CAR rexistrada ata a data contra a leucemia. “As células T CAR seguiron sendo detectables polo menos unha década despois da infusión, con remisión sostida en ambos os pacientes”, asegurou Jan Joseph Melenhorst, primeiro autor do artigo, en declaracións recollidas pola Agencia SINC.
Remisión a longo prazo
“Esta remisión a longo prazo é notable, e ser testemuña de que os pacientes viven libres de cancro é unha proba do tremendo potencial deste fármaco vivo que funciona eficazmente contra as células cancerosas”, engadiu Melenhorst. De feito, a LLC é o tipo máis común de leucemia en adultos. E aínda que o tratamento da enfermidade mellorou, segue sendo incurable cos enfoques estándar. Co tempo, os pacientes poden volverse resistentes á maioría das terapias, e moitos seguen morrendo, segundo un comunicado do centro.
No que respecta aos dous pacientes estadounidenses que participaron no estudo, puideron vivir estes últimos dez anos con relativa normalidade. Doug Olson, por exemplo, foi diagnosticado desta doenza en 1996, mentres que Bill Ludwig en 2000. En 2010, os seus cancros mutaran e xa non respondían ao tratamento estándar. Non obstante, e grazas á terapia con células T CAR, lograron a remisión completa do cancro ese mesmo ano. Mentres que Olson segue vivo, Ludwig morreu a principios de 2021 debido a complicacións da covid-19.
O potencial das células T CAR
Amais disto, os autores sinalan que, ata agora, pouco se sabía sobre o potencial e a estabilidade a longo prazo das células infundidas. Nesta análise, os investigadores observaron unha evolución das células T CAR ao longo do tempo, coa aparición dunha poboación de células CD4+ altamente activadas que se converteu en dominante en ambos os pacientes. Os datos indican dúas etapas distintas das respostas da terapia con células T CAR nestes pacientes, cunha fase inicial dominada polas células T asasinas e unha remisión a longo prazo controlada polas células T CD4+.
Durante os anos seguintes, este tipo de células seguiron mostrando características de destrución de células tumorais e unha proliferación continua, o que constitúe un selo distintivo da eficacia das células T CAR contra o cancro: a súa intensa capacidade para sobrevivir e prosperar dentro do organismo. “A terapia con células T CAR foi extremadamente eficaz para leucemias e linfomas específicos. Esperamos continuar os nosos esforzos nestes cancros, á vez que investigamos o seu impacto nos tumores sólidos, o cal podería traducirse nun maior desenvolvemento neste ámbito nos próximos anos”, apunta o coautor do traballo David L. Porter, tamén en declaracións a SINC.
Referencia: Decade-long leukemia remissions with persistence of CD4+ CAR T-cells (Publicado en Nature)
*O artigo orixinal, publicado na Agencia SINC e asinado por Ana Hernando, pódelo ler na seguinte ligazón.