J.A. Taboada: “Xa estamos observando menos casos de Covid-19 nas residencias”

O Xefe de Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles forma parte do grupo de traballo que deseña o programa de vacinación do Ministerio de Sanidad

Este venres, cunha xornada de proba na área de Santiago de Compostela, comezaba en Galicia a campaña de vacinación contra a Covid-19 para as persoas maiores de 80 anos coas doses de Pfizer-BioNTech e Moderna. Máis de 230.000 persoas, incluíndo as que viven en centros residenciais, superan esta idade en Galicia, porque unha vez completada a súa inmunización cubrirase xa a preto do 9% da poboación. Todo o proceso require dunha planificación moi detallada para garantir que o procedemento se desenvolva da forma máis óptima posible. Unha das persoas que está a supervisar este procedemento é José Antonio Taboada Rodríguez, Xefe de Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade. Taboada forma parte, ademais, do grupo de traballo da estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidad, onde representantes dos servizos de saúde das comunidades autónomas analizan todos os condicionantes e factores a ter en conta para abordar unha das principais esperanzas para superar a pandemia.

– Cada minuto conta, non?

Publicidade

– Sen dúbida. O factor maior de risco para as complicacións desta infección é a idade, e e este é por tanto un colectivo clave. A inmensa maioría dos ingresos hospitalarios, en UCI e dos falecementos concéntranse en persoas maiores, e precisamos protexelos. Priorizáronse outros grupos, como as persoas usuarias de residencias de maiores, porque están nun núcleo pechado, onde a transmisión por vía aérea é máis probable, e agora tócalle aos seguintes.

– Estanse observando os efectos da vacinación nas residencias?

Publicidade

– En Galicia xa temos datos, limitados porque o tempo da evolución aínda é corto desde que se completou a pauta a finais de xaneiro na maioría dos centros. Pero xa estamos observando menos casos de Covid-19. No que vai de febreiro, a baixada de casos nestes centros en maiores de 65 anos é dun 10,5%. E se miramos aos últimos días, esa baixada xa chegou ata o 38,6%. Mentres que se comparamos ás persoas da mesma idade pero que non están en residencias, esta diminución é do 7%. Antes a prevalencia era maior nas residencias, polo que o efecto da vacinación parece claro.

– Insístese en que a redución da transmisión é esencial para reducir o risco de novas variantes.

– Isto é clave. A vacina achega algo: a diminución de casos graves e, aínda que non se sabe en que nivel, dificulta a transmisión. Pero é probable que non a free de todo. Mais na medida na que haxa menos transmisión, isto vai contribuír a que o virus teña menos oportunidades para que poida mutar.

– Alterou moito os plans a decisión de restrinxir a idade a vacina de AstraZeneca?

– O que é evidente é que todas as vacinas autorizadas axudan moito ao control da infección. Pero tamén é certo que os programas de vacinación teñen que utilizar cada unha delas segundo as súas características, para que sexan o máis efectivas posible. A autorización da vacina de AstraZeneca restrinxida a persoas menores de 55 fainos modificar o programa que tiñamos porque estas persoas, en principio, estaban máis atrás na lista. Pero temos que utilizar estas vacinas, non as imos ter en espera nin desbotalas, e seguir protexendo ao mesmo tempo a outros grupos con outras vacinas dispoñibles. Sexan como sexan, calquera das autorizadas axudará moito a controlar a pandemia.

– De que información dispoñen sobre a aprobación doutras fórmulas, como a de Janssen?

– Está previsto que a mediados de marzo se comece a abordar a autorización da vacina de Janssen, que previsiblemente tamén se aprobará. Se vai adiante, teremos novas vacinas que nos permitirán vacinar a máis xente de forma máis rápida, e loxicamente é benvido.

https://twitter.com/Xunta/status/1362715115464851457

– Que mensaxe lle transmitiría á cidadanía, diante do escepticismo que pode haber arredor das vacinas?

A mensaxe é de optimismo nestes momentos. Por un lado, coas medidas e o sacrificio que fixo a sociedade galega, estamos baixando a incidencia de casos novos. Despois virá a diminución dos ingresos hospitalarios, en UCI e no número de falecementos. Estamos nunha boa situación, en camiño de mellorar. E as vacinas van complementar isto, porque imos inmunizar a grupos de maior risco e reducirase a gravidade de moitos casos.

Pero aínda así estamos nunha situación en donde o importante é que sigamos mantendo as recomendacións que fagan as autoridades sanitarias. En referencia ás vacinas e á información que sae nos medios de comunicación, que ás veces son acertadas e outras veces non o son tanto, diría o mesmo: confiar e seguir as recomendacións que nos fagan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a situación de Ponteareas no mapa do risco de radon

A Consellería de Sanidade pecha temporalmente a planta soto do centro de saúde municipal e reorganiza o persoal tras detectar niveis elevados do gas canceríxeno

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor extrema no interior de Pontevedra

O Goberno galego advirte de que os avisos poderán manterse durante varios días polos posibles efectos adversos para a saúde da poboación

A Xunta amplía as zonas en nivel vermello por episodio de calor extrema

O litoral galego manterase nos 30ºC, o interior da comunidade superará os 34ºC e o val do Miño e do Sil acadarán os 40ºC

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano