Venres 19 Abril 2024

Isto é o que sabemos da nova variante británica do coronavirus

Un estudo preliminar das universidades de Oxford, Cambridge e Imperial College amosa as primeiras pistas sobre esta mutación e os seus efectos

Media Europa cancelou as súas comunicacións aéreas con Londres. E o túnel do Canal da Mancha pecha este luns, para impedir a chegada de trens ata París. O primeiro ministro británico, Boris Johnson, decretou novas medidas moi restritivas ante o anuncio da aparición dunha nova variante do SARS-CoV-2, que segundo as autoridades do Reino Unido sería máis contaxiosa, o que consideran a causa de que os casos se teñan disparado no país. Porén, aínda non existen traballos científicos publicados e revisados por pares que avalíen os efectos desta mutación. Aínda que si hai valoracións de investigadores e as primeiras certezas sobre esta nova cepa, xunto cun completo estudo preliminar no que participan científicos do Imperial College e de universidades como Oxford ou Cambridge.

Por que preocupa esta variante?

Hai tres cuestións que preocupan aos científicos ante a nova cepa:

Publicidade

-Está a substituír rapidamente a outras versións do virus.

-Ten mutacións que afectan a partes do virus que probablemente sexan importantes.

-Algunhas desas mutacións xa demostraron no laboratorio que aumentan a capacidade do virus para infectar células.

Todos estes aspectos levan a dicir ás autoridades sanitarias do Reino Unido que cren que se pode propagar máis facilmente. Con todo, non existe unha certeza absoluta. “Requírense experimentos de laboratorio, pero non é doado ter que esperar semanas ou meses para ver os resultados e tomar medidas para limitar a propagación nestas circunstancias”, dixo á BBC o profesor Nick Loman, do Consorcio Xenómico Covid-19 Genomics do Reino Unido. A realidade incontestable é que os virus mutan, e o propio SARS-CoV-2 xa o ten feito en moitas ocasións.

Como pasou a ser tan común?

Nos últimos meses, a nova cepa do virus pasou a ser a máis común tanto en Londres como no sur de Inglaterra. Detectouse por primeira vez en setembro. En novembro, arredor dunha cuarta parte dos casos en Londres foron da nova variante. Isto chegou a case dous terzos dos casos para mediados de decembro. (No gráfico pódese ver como a nova variante do virus (laranxa) despraza á anterior nos casos detectados)

Para analizar de xeito rápido a situación, Londres empregou os modelos matemáticos, que estiveron executando con diferentes variantes nun intento de calcular a vantaxe nos contaxios que podería ter esta nova cepa. Pero separar o que se debe ao comportamento das persoas e o que se debe ao virus é difícil.

A cifra mencionada polo primeiro ministro Boris Johnson foi que a variante pode ser ata un 70% máis transmisible. Dixo que isto pode estar a aumentar nun 0,4 o número R, que indica se unha epidemia está a crecer ou diminuíndo. Os datos non son palabras políticas: o científico Erik Volz, do Imperial College de Londres, deu o venres a estimación do 70 por cento.

“A cantidade de evidencias que temos ata o de agora é lamentablemente inadecuada para extraer opinións firmes sobre se o virus realmente aumentou a transmisión”, dixo á BBC o profesor Jonathan Ball, virólogo da Universidade de Nottingham.

Ata onde se estendeu?

Crese que a variante xurdiu nun paciente do Reino Unido ou que se importou dun país con menor capacidade para controlar as mutacións do coronavirus.

A variante pódese atopar en todo o Reino Unido, agás Irlanda do Norte, pero está moi concentrada en Londres, o sueste e o leste de Inglaterra. Os datos de Nextstrain, que estivo monitorando os códigos xenéticos das mostras virais en todo o mundo, suxiren que os casos atopados en Dinamarca e Australia proveñen do Reino Unido. Os Países Baixos tamén notificaron casos. En Sudáfrica podería ter chegado unha variante similar. E Italia comunicou un caso relacionado coa nova cepa esta fin de semana.

Sucedeu isto antes?

Moitísimas veces sucedeu isto antes. O virus que se detectou por primeira vez en Wuhan, China, non é o mesmo que atopamos hoxe na maioría dos recunchos do mundo. A mutación D614 G xurdiu en Europa en febreiro e converteuse na forma globalmente dominante do virus. Outro, chamado A222V, estendeuse por Europa e estaba vinculado ás vacacións de verán da xente en España.

Canto mudan o virus as novas mutacións?

Publicouse unha análise inicial da nova variante que identifica 17 alteracións potencialmente importantes. O máis salientable é que semella que hai cambios na proteína de pico, a da espícula que constitúe a clave que usa o virus para abrir a porta das células do noso corpo.

Unha mutación chamada N501E altera a parte máis importante do pico, coñecida como “dominio de unión ao receptor“. Aquí é onde a espiga fai contacto por primeira vez coa superficie das células do noso corpo. Calquera cambio que facilite a entrada do virus sería unha vantaxe para a súa proliferación.

Hai un traballo do profeosr Ravi Gupta, da Universidade de Cambridge, que en laboratorio amosa que esta mutación aumenta a infectividad ao dobre. “Está a aumentar rapidamente, iso é o que preocupa ao Goberno, estamos preocupados, a maioría dos científicos están preocupados”, dixo Gupta á BBC.

Fai que a infección sexa máis mortal?

Non existe evidencia ningunha de que esta nova variante poida ser máis mortal. Con todo, se aumenta a transmisión podería causar problemas aos hospitais, con maior número ingresos por un simple efecto estatístico: máis contaxios supón máis persoas que poden desenvolver a Covid-19 na súa versión máis grave.

Aquí hai unha clave que non todos ven: aínda que non sexa máis mortal por si mesma, a nova mutación pode provocar máis mortaldade só co feito de ser máis contaxiosa. Abonda con que se saturen as UCIs dos hospitais polo feito de ter moitos máis casos.

Funcionarán as vacinas?

Aquí hai case unanimidade. A comunidade científica insiste en que as vacinas serán efectivas tamén contra esta nova variante. As vacinas adestran ao sistema inmunolóxico para atacar varias partes diferentes do virus, polo que, aínda que parte da espiga mutou, as vacinas aínda funcionarían.

Pero é moi probable que nun futuro o virus mute de tal xeito que logre escapar do efecto das vacinas actuais. Porén, isto tampouco sería un gran problema, porque sería moi doado para as farmacéuticas cambiar a composición das vacinas. De feito, isto acontece cada ano coa gripe, onde as vacinas deben actualizarse periodicamente.

Aquí podes consultar o estudo preliminar da nova variante do SARS-CoV-2 elaborado por científicos de universidades como as de Cambridge, Oxford, Edimburgo ou o Imperial College

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O melanoma ‘rompe’ xenes para resistir a acción dos fármacos

Un de cada dous pacientes con este tumor de pel terá mutacións no xene BRAF e o 50% dos casos recaerán nun ano

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento