Investigadores galegos preparan un ensaio para frear a Covid-19 con etanol inhalado

O Clínico de Santiago recibe a autorización para iniciar un ensaio clínico fase II, destinado a grupos vulnerables na fase inicial da infección

“O primeiro no que queremos insistir é que hai que ter moita prudencia polo risco que poden comprometer prácticas pouco axeitadas sen a supervisión médica necesaria, ao tratarse dun produto tan coñecido como o alcohol etílico“, advirte Anxo Fernández Ferreiro, investigador do servizo de Farmacia Hospitalaria no Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS). Ferreiro é un dos impulsores do proxecto Al-Covid-19, iniciativa que acaba de recibir a autorización da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) para iniciar o ensaio clínico en fase II, e que avaliará a eficacia e seguridade do uso de etanol (alcohol etílico) inhalado para o tratamento da Covid-19 en estadios iniciais da infección, e especialmente en pacientes vulnerables.

O pasado venres, Anxo Fernández presentou a investigación na xornada “Investigando Xuntos”, organizada pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que acolleu a algúns dos proxectos que traballan desde o país para ofrecer solucións ante a pandemia da Covid-19. Na súa intervención, o científico expoñía que a idea xurdiu diante da “ausencia de fármacos eficaces e o elevado número de pacientes en situación de baleiro terapéutico“, o que complicaba a evolución da infección causada polo SARS-CoV-2 nalgúns casos nos que algunhas patoloxías previas agravaban o prognóstico dos pacientes.

Publicidade

O ensaio centrarase en persoas maiores de 65 anos na fase inicial da infección causada polo SARS-CoV-2

Para conter o avance da doenza nos primeiros días, o equipo estableceu como punto de partida unha das características coñecidas da Covid-19: “Sabemos que, na fase inicial, o virus comeza a replicarse especialmente na gorxa e no tracto respiratorio polo que a vehiculización dirixida de antiinfecciosos a ditos lugares podería frear a sua progresión”, continúa Fernández Ferreiro.

O proxecto leva xa varios meses de percorrido, un tempo no que se traballou en como transportar o etanol inhalado ata estes lugares de replicación, dunha forma non tóxica para os pacientes, e evitando tamén outros posibles efectos secundarios. Así, despois dunha análise previa con cromatografía de gases, a caracterización a nivel toxicolóxico da cinética pulmonar e outras técnicas, conseguiuse chegar a unha dose “moi precisa, moi controlada e moi estudada“, que evite calquera tipo de problema. Para isto realizáronse probas con modelos animais, como ratos, nos que se observou como circulaba o etanol polo aparello respiratorio ao ser vaporizado e disolto no osíxeno que se adoita administrar a pacientes vulnerables afectados pola Covid-19.

Publicidade

Así, o deseño do ensaio, controlado, aleatorizado e dobre cego, prevé tratar a dous grupos de pacientes, un que recibirá a osixenoterapia habitual e outro que recibirá o etanol vaporizado no osixeno mediante esta mesma terapia. Administrase este tratamento tres veces ao día, con inhalacións de 15 minutos, durante cinco días, despois dos cales se comprobará a evolución de cada paciente.

Está previsto que o ensaio comece durante o mes de outubro, para o cal se prepara xa o recrutamento dos pacientes. A mostra estará composta por pacientes institucionalizados de 65 anos ou máis, con diagnóstico confirmado de Covid-19 mediante proba PCR, e que se atopen nos primeiros sete días desde o inicio de síntomas, con ausencia de disnea e de pneumonía, entre outros factores. Como criterios de exclusión figuran, entre outros, a función renal alterada, a bronconeumopatía crónica ou antecedentes de epilepsia ou alcoholismo, así como os tratamentos con outros fármacos que poidan interaccionar de forma daniña na terapia con etanol.

A idea do grupo investigador é centrar o ensaio nun dos grupos máis vulnerables durante a pandemia, as persoas usuarias de residencias de maiores. “En Santiago habilitouse durante a primeira onda unha residencia onde se centralizaron os pacientes afectados por Covid-19, e está previsto que, no caso dun aumento da incidencia, se volvan trasladar alí”, explica Fernández. Ao tratarse de espazos onde se está a facer un seguimento especial da pandemia, con cribados habituais, “é posible detectar positivos nas fases iniciais e, por tanto, podemos intentar nestes casos o ensaio, coa posibilidade de reducir a morbilidade e mortalidade asociada á Covid-19”.

Equipo científico que colabora no proxecto AlCovid-19. Imaxes cedidas por Anxo Fernández Ferreiro.
Equipo científico que colabora no proxecto AlCovid-19. Imaxes cedidas por Anxo Fernández Ferreiro.

O ensaio está promovido pola Sociedad Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH) e, ademais do servizo de Farmacia Hospitalaria do hospital compostelán (coa participación de Anxo Fernández, Miguel González, Olga Delgado, Irene Zarra, Carlos Crespo, Ana Castro, Iria Varela, Cristina Mondelo, Laura García, Manuel Busto e Enrique Bandín), o proxecto conta coa colaboración doutros grupos do Departamento de Química Analítica da USC (Ana Rodríguez, Leticia Barbosa, Raquel Sendón, Paseiro Losada, Francisco Otero e Pablo Aguiar), así como dos servizos de Medicina Interna (Antonio Pose e Ignacio Novo), Pneumoloxía (Luis Valdés e Carlos Rábade), Microbioloxía (María Luisa Pérez del Molino, Gema Barbeito e Rocío Trastoy), Anatomía Patolóxica (José Ramón Antúnez) e o Departamento de Análise Clínica, investigadores do Complexo Hospitalario de Pontevedra e científicos do CIC biomaGUNE do País Vasco, como Jordi Llop. Son, en total, preto de 30 investigadores e investigadoras implicadas no ensaio.

Precaución e riscos

Anxo Fernández insiste en que o proxecto aínda está baixo ensaios, polo que non se pode garantir, en ningún caso, a efectividade do mesmo. “O normal é que os ensaios clínicos non funcionen, que saian adiante é o menos habitual”, explica. E do mesmo xeito, lembra o risco e a controversia que determinadas prácticas adquiriron durante a pandemia. “Nós mesmos tivemos dificultade para sacar adiante o ensaio pola confusión que se xerou coas declaracións de Donald Trump sobre o uso de desinfectantes contra o virus. Inxectarse desinfectante ou bebelo ten uns enormes riscos, loxicamente. Pero tamén é certo que é posible buscar un camiño, sempre co soporte da ciencia e a supervisión médica, para que substancias como o etanol poidan chegar ao lugar de acción sen resultar tóxicos e contribuíndo a frear a infección que causa o SARS-CoV-2″, explica o científico compostelán.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Un xuíz advirte ao Sergas de erros reiterados na diagnose de torsión testicular

A Xunta anuncia que revisará os protocolos asistenciais e valora impartir formación específica aos profesionais sanitarios

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres