Xoves 25 Abril 2024

Un estudo constata o desprazamento de especies tropicais cara ás augas galegas

O científico Rafael Bañón leva máis de 20 anos analizando o proceso de tropicalización debido ao aumento da temperatura do océano

Desde 1996, o investigador vigués Rafael Bañón está comprobando como, pouco a pouco, as especies presentes nas augas galegas van mudando. ” O aumento da temperatura da auga provoca que as especies se desprazan cara ao norte. É un fenómeno xa constatado desde os anos 60 nas costas do Atlántico Europeo e é a causa de que estean aparecendo en Galicia especies de carácter tropical”. Os datos das mostraxes realizadas nas últimas décadas así o constatan: a temperatura da auga aumentou en 0,9ºC entre 1957 e 2012. Un cambio que podería parecer mínimo, pero que provoca que a ictiofauna nas augas galegas estea xa cambiando. Así o expón Bañón nun recente artigo publicado na revista Regional Studies in Marine Science, xunto a compañeiros do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o grupo Ecoloxía Azul (Alexandre Alonso), a confraría de pescadores do Grove (Jesús Otero), a Universidade de Vigo (Alejandro de Carlos), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental do Porto (David Barros García) ou a Universitat de Girona (Marta Caballero Huertas).

Rafael Bañón.
Rafael Bañón.

“Este artigo é unha compilación, a xeito de resumo, de parte do que atopamos nestes máis de 20 anos”, explica Bañón. Mediante unha rede de colaboracións con numerosos equipos de investigación, as confrarías de pescadores e co “boca a boca”, o científico obtivo un relevante rexistro de especies, algunhas delas novas para Galicia. A nova investigación recolle o achado de 24 individuos de oito especies, atopadas entre 2009 e 2019, e que nalgúns casos supuxeron unha boa sorpresa.

Publicidade

“Cando eu comecei a traballar nisto, o número de especies de peixes de Galicia non chegaba aos 300, e hoxe xa superan os 450; ademais de que coas campañas de investigación se atoparon especies de profundidade que non foran descubertas antes, tamén se están atopando outras especies costeiras que son propias de zonas máis meridionais”, conta o científico.

Algunhas especies atopadas en Galicia adoitaban localizarse 3.000 quilómetros ao sur, en augas tropicais de África

Un dos casos máis sorprendentes é o de Desmodema polystictum, cuxa descrición en Galicia supuxo “un salto no seu rango de distribución de arredor de 3.000 quilómetros cara ao norte, e constitúe un novo límite setentrional da súa distribución no Atlántico oriental”. A especie, aínda que foi descrita nalgunha ocasión nas costas atlánticas americanas, é propia de Nova Celandia ou Suráfrica, o que salienta aínda máis o achado realizado en Galicia. Outro dos peixes atopados nos últimos anos en Galicia é o de Fistularia petimba, tamén coñecido como peixe corneta, máis habitual do sur da Península Ibérica ou o Mediterráneo occidental. No recente traballo tamén se describe a presenza de outras especies tropicais como Halobatrachus didactylus, Dactylopterus volitans, Anthias anthias, Callanthias ruber, Seriola rivoliana e Sphyraena sphyraena.

“O normal é que estes peixes vaian subindo cara ao norte, e ás veces entran no Mediterráneo a través do estreito de Gibraltar, onde hai augas máis cálidas. Alí, o proceso é moi rápido, en poucos anos unha especie pode pasar de apenas aparecer a ser xa tan abundante que pode ser pescada”, conta Rafael Bañón. “Aquí -aclara- o proceso é máis lento, pero estamos vendo moitas especies novas”, destacando, entre outros, peixes da familia dos caránxidos, á que tamén pertencen os xurelos.

Fistularia petimba, tamén coñecido como peixe corneta, atopado nos últimos anos en Galicia. Fonte: NOAA/NMFS/SEFSC.
Fistularia petimba, tamén coñecido como peixe corneta, atopado nos últimos anos en Galicia. Fonte: NOAA/NMFS/SEFSC.

Tropicalización e viaxe cara ao norte

Este escenario produce, por tanto, unha tendencia á “tropicalización” das augas galegas: “Algunhas especies que nunca se viran xa teñen aquí o límite norte, e outras nas que o límite se establecía nesta costa, están a incrementar a súa abundancia “, expón o investigador.

Ao tempo, en latitudes máis setentrionais aparecen bancos de peixes máis propios de Galicia: “Isto está pasando en todo o mundo; por exemplo, en Inglaterra estanse pescando sardiñas, bocartes, escachos… algo que para eles era bastante raro, cada vez é máis habitual”. Ao tempo, estas especies perden forza no mercado galego: “É evidente que algún peláxico, como a sardiña, están en horas baixas, e o aumento da temperatura pode ter algunha influencia sobre isto “, conclúe Bañón.

O científico continúa así o seu labor de investigación na ictiofauna de Galicia; en 2016, Rafael Bañón presentou a súa tese de doutoramento, na que identificaba 139 especies de peixes de 62 familias diferentes no banco de Galicia, a partir dos resultados de 22 campañas de investigación realizadas entre 1980 e 2011, nunha análise sen precedentes sobre a composición taxonómica e os aspectos bioxeográficos do conxunto de peixes que habitan este lugar, situado a uns 200 quilómetros da costa galega, e que destaca pola alta biodiversidade.


Referencia: Signals of changes in the ichthyofauna composition of Galician waters (NW Iberian Peninsula). (Publicado en Regional Studies in Marine Sciences).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo