O illamento de contactos estreitos de casos de Covid-19 redúcese a 10 días

A Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidad tamén establece a redución da corentena no eido sociosanitario baixo determinadas condicións

A Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidad aprobou este martes a revisión do documento que rexe a actuación ante a pandemia da Covid-19 en España: a estratexia de detección precoz, vixilancia e control. Un dos aspectos máis relevantes, ademais da introdución dos tests de detección do antíxeno do SARS-CoV-2 como ferramenta rápida de diagnóstico, é a redución a 10 días do período de illamento para as persoas que estiveron en contacto estreito cun positivo, segundo os criterios marcados por Sanidad.

Ata agora, indicábase vixilancia e corentena durante os 14 días posteriores ao último contacto co caso, polo risco de que o período de incubación e a capacidade infectiva do caso se prolongase alén deste tempo, aínda que a primeira proba PCR realizada puidera ser negativa debido a que se fixera nunha fase moi inicial da infección. A diminución do período de illamento está avalada pola evidencia científica dispoñible, e a medida xa estaba sendo aplicada nalgunha comunidade autónoma, como Navarra ou Cataluña. En Galicia, como no resto de España, cabía a posibilidade de que se reducise o illamento a 10 días no caso de facer unha segunda PCR que volvese ser negativa, aínda que non era habitual a realización desta segunda proba, e prolongábase o illamento ata as dúas semanas.

Publicidade

Por outra banda, para os casos leves, mantense o illamento de 10 días desde o inicio de síntomas, sempre que transcorresen polo menos tres sen presentar ningún síntoma. Se se dan estas circunstancias, non será necesario realizar unha proba diagnóstica nin para levantar o devandito illamento nin para reincorporarse á actividade laboral.

Nos casos asintomáticos que resulten positivos, o illamento manterase en 10 días desde a data de toma da mostra para o diagnóstico. O seguimento será supervisado ata a alta epidemiolóxica da forma na que o estableza cada comunidade autónoma.

Publicidade

No ámbito laboral, o persoal sanitario e sociosanitario que resulte ser un caso confirmado e non requira ingreso hospitalario, seguirá as mesmas pautas que a poboación xeral en canto ao illamento. Estes traballadores poderanse reincorporar ao seu posto de traballo aos 10 días do inicio de síntomas sempre que permanezan asintomáticos polo menos os últimos 3 días, e tras a realización dunha proba de diagnóstico que indique que superaron o período de transmisibilidade da infección.

Aos contactos estreitos, indícaselles vixilancia e corentena durante os 10 días posteriores ao último contacto cun caso confirmado. Así mesmo, dependendo da situación epidemiolóxica de cada comunidade autónoma, poderase recomendar a realización dunha proba diagnóstica durante o período de corentena.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central

Google ou ChatGPT: cal diagnostica mellor os teus síntomas? Un estudo galego ten a resposta

Unha investigación do CiTIUS determina que os modelos de IA teñen unha taxa de acerto de ata o 90% pero a súa fiabilidade dependerá do contexto

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega