Dous primeiros falecidos por gripe coa chegada da onda epidémica

O Sergas mantén plans de continxencia en urxencias, aínda que a folga no CHUS e a afluencia de afectados podería complicar a situación

A Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu este venres o seu informe semanal de actividade gripal, como adoita facer durante a campaña, e no momento no que se achega a onda epidémica da doenza. Aínda que as cifras están moi por debaixo da incidencia de anos anteriores (o ano pasado houbo 200 falecidos diagnosticados), producíronse xa os primeiros dous falecementos, segundo recolle o Sergas. Un deles foi a causa do propio virus, engadido a outras complicacións de saúde, mentres que no outro caso produciuse debido a outros problemas, aínda que a persoa tamén estaba diagnosticada de gripe.

Desde o comezo da tempada ata o mércores 16 producíronse 152 ingresos, e 69 deles xa foron dados de alta. Do total dos casos, 17 requiriron asistencia na UCI e dos 136 ingresados que tiñan indicada a vacina por pertencer a algún dos colectivos de risco, 86 non a recibiran.

Publicidade

Desde os servizos sanitarios realízase tamén a vixilancia microbiolóxica do virus. Nesta semana pasada tomáronse 518 mostras, das que 66 foron positivas para o virus da gripe A, e 1 para o virus da gripe B, “o que se traduce, tendo en conta os niveis provinciais da intensidade da actividade gripal, nunha difusión xeográfica local”, segundo o informe.

Ante a situación  de onda epidémica, o Sergas informou de que mantén plans de continxencia para atender o incremento da demanda asistencial e os aumentos de ingresos. Porén, o conflito que atravesa a sanidade pública debido á precariedade laboral e as folgas en servizos de urxencias, como o do CHUS, ou nos PAC de toda Galicia poderían complicar a situación, pois xa se están xerando problemas con moitas horas de espera en hospitais como o Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Publicidade

Vacinación ata o día 25

Ata o vindeiro venres 25 de xaneiro é posible vacinarse, despois de que a Consellería de Sanidade prorrogara a campaña. Hai habilitados 900 puntos de vacinación en toda Galicia. Toda vez que a inmunización é a medida máis efectiva, cómpre reforzala nos grupos de risco, como as persoas maiores de 65 anos, embarazadas, nenos ou persoas que traballan ou coidan a persoas destes grupos, como institucións xeriátricas, centros de atención a enfermos crónicos ou noutros servizos comunitarios.
Dende o inicio da campaña o día 22 de outubro e ata o día 15 de xaneiro, segundo os datos do Sergas, vacináronse un total de 558.468 persoas, o que supón 28.247 doses máis ca o ano pasado. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, están xa vacinadas 390.681 persoas. Isto supón que hai 8.763 persoas máis vacinadas neste grupo de idade que en toda a campaña do ano pasado.
No tocante ás embarazadas administráronse 6.190 vacinas, o que supón un 172% máis ca o ano pasado. A cobertura neste colectivo está próxima ao 45%, superando ao 26% no que se situou a pasada campaña.
Tamén se incrementa a cobertura no persoal sanitario, con 14.629 vacinas administradas o que supón un 132% mais que o ano pasado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións