Xoves 28 Marzo 2024

Galicia rexistra un gran exceso de mortalidade sen unha causa clara

Os expertos aducen que pode haber varios factores detrás, como o impacto da covid, o illamento social e as altas temperaturas

Os expertos non apuntan a unha causa clara, senón a un conxunto de factores. Só así se pode explicar o gran exceso de mortalidade que rexistra Galicia no que vai de ano. Segundo datos do Instituto de Salud Carlos III de Madrid (ISCIII), procesados a través do seu Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria por todas as Causas (MoMo), producíronse 2.851 excesos de defuncións en 2022 fronte ao mesmo período de 2021, que rexistrou 1.210. A maiores, 337 mortes deste ano foron atribuíbles á temperatura: 33 máis que no ano pasado, cun total de 304. Fontes do Centro Nacional de Epidemioloxía do ISCIII aseguran que, de momento, non se identificou unha causa específica que explique este exceso de mortalidade.

Os expertos do centro de investigación tamén aclaran que os datos non fan referencia a persoas e defuncións reais. “Son estimacións de exceso de mortalidade por todas as causas, segundo modelos matemáticos que comparan a mortalidade observada con series históricas de mortalidade”, explican. Seguindo a súa análise estatística, o maior exceso de defuncións produciuse nos maiores de 85 anos, que representan o 73,3%. É dicir, do exceso de 2.851 mortes estimadas para 2022, 2.089 son atribuídas a persoas deste grupo. Así o confirman as fontes do ISCIII, que tamén detallan que a seguinte maior contribución ao exceso de mortalidade está entre os 75 e os 84 anos. Conforme se diminúe a idade, tamén as defuncións estimadas, como se pode ver no seguinte gráfico:

Publicidade

Dende o Centro Nacional de Epidemioloxía recoñecen que, de momento, non é posible establecer unha causa clara que explique o exceso de mortalidade en Galicia, pero tamén no resto do Estado. As dificultades á hora de atopar unha explicación débense, probablemente, a que se trata dunha causa multifactorial. Entre as hipóteses que barallan e trasladan a GCiencia está a pandemia de covid e as súas consecuencias directas na mortalidade, sobre todo das persoas maiores e vulnerables. Pero tamén fan fincapé na contribución doutros factores indirectos ao maior número de defuncións. Por exemplo, o illamento social, a dificultade de acceso á atención médica, os cambios na estrutura social e as modificacións na actividade do sistema sanitario, entre outros motivos.

A contribución das altas temperaturas

Máis alá destes factores, os expertos do ISCIII apuntan a outro elemento clave: as altas temperaturas. Segundo explican, “a onda de calor sen precedentes que sufrimos no verán de 2022″ tamén contribuíu considerablemente a elevar as cifras do exceso de mortalidade. De feito, os investigadores engaden o seguinte: “A cifra pode estar infraestimada e pode que haxa unha parte da mortalidade debida á calor que o modelo non puido captar e que estamos mellorando”. É dicir, a cifra das defuncións estimadas pode seguir aumentando, sobre todo no que respecta ao aumento da temperatura.

En relación a isto, dende o ISCIII puntualizan que a mortalidade atribuíble a este factor pode darse por exceso ou por defecto e non só inclúe as defuncións ocasionadas directamente por este fenómenos, como podería ser un golpe de calor. Neste datos tamén se inclúe a mortalidade indirecta por calor ou frío que, segundo os investigadores, está “potencialmente relacionada con aspectos sociais e sociosanitarios derivados dunha difícil accesibilidade a recursos enerxéticos ou sanitarios, ou á descompensación de patoloxías crónicas, máis acusada nalgúns estratos vulnerables”. Os expertos, que non descartan que os datos sigan aumentando, apóianse nestes factores para explicar o exceso de mortalidade. De todas formar, non descartan que se identifiquen outros en futuras investigacións.

Un repunte en comparación cos últimos tres anos

Outro dos aspectos máis rechamantes é que, malia que a pandemia de covid deu comezo en 2020, o maior repunte de exceso de mortalidade está rexistrado en 2022. Hai dous anos, as defuncións estimadas foron 1.207, moi por debaixo das deste ano. A cifra aumenta cando se analizan os datos de 2021, cun exceso total de 1.579 defuncións. No que respecta ás mortes por calor, os datos son considerablemente inferiores en 2020, cando se rexistraron 134 ao longo de todo o ano. De novo, o valor aumenta en 2021, ata as 304, e en 2022, con 337. Cabe indicar que que aínda quedan dous meses para que remate o ano, polo que os datos son susceptibles de seguir aumentando.

Finalmente, no que respecta ao sexo, o exceso de mortalidade é considerablemente máis alto en mulleres ca en homes. No que levamos de 2022, 1.684 defuncións estimadas correspóndese co sexo feminino, fronte ás 1.167 masculinas. As cifras son proporcionais cando se fala de atribución á temperatura, con 196 en mulleres e 141 en homes. Porén, o escenario cambia substancialmente en 2021, onde o sexo masculino sae máis prexudicado, con 834 mortes fronte a 376. Nas mortes atribuídas á temperatura, os datos aseméllanse máis, con 156 para mulleres e 148 para homes. Finalmente, en 2020 as cifras tamén están máis igualadas: 672 excesos de mortalidade por todas as causas no sexo feminino fronte ás 527 do masculino. No que respecta á temperatura, a balanza vólvese desequilibrar coas mulleres, 91 mortes estimadas fronte a 40.

1 comentario

  1. A causa é claríssima! E é a mesma na Galiza, no resto de Espanha, aqui em Portugal, em todos os lugares onde as pessoas foram massivamente “vacinadas” “contra a covid”!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

Eliminar de forma espontánea o virus da hepatite C pode aumentar as súas complicacións

Os pacientes que logran suprimir o virus sen tratamento poderían ter un maior risco de desenvolver trastornos hepáticos e outros problemas de saúde no futuro

Galicia xa suma 63 mortes por calor en 2023: os maiores de 85 e as mulleres, os máis afectados

O cambio climático e o aumento das temperaturas, segundo os expertos, son responsables do 37% dos falecementos dos últimos 30 anos

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo