Galicia acumula miles de vacinas de Novavax sen un plan para o seu reparto

Demandantes do antídoto fabricado en O Porriño, recomendado para alérxicos a outras inxeccións, lamentan a falta dun protocolo de dispensación

Chegada das 800.000 doses da vacina de Novavax a España a comezos de marzo. Crédito: Ministerio de Sanidade
Chegada das 800.000 doses da vacina de Novavax a España a comezos de marzo. Crédito: Ministerio de Sanidade

A vacina de Novavax, producida no Porriño, é un raio de esperanza para moitos galegos. Aínda que xa é a quinta contra a covid que aproba a Axencia Europea do Medicamento (EMA), é a primeira baseada nunha plataforma de proteínas recombinantes. Debido a un mecanismo de acción que a diferenza das anteriores, Novavax está especialmente recomendada para aquelas persoas que tiveron reaccións adversas graves ás outras inxeccións, que son alérxicas a algún dos seus compoñentes ou ben que, por indicación médica, debían evitar as vacinas dispoñibles.

Hai moitos galegos que esperaban a chegada de Novavax dende hai meses. Mais a información é escasa. Malia que a principios de marzo se confirmou a chegada de 800.000 doses da vacina a España, non hai moitos datos de cal é a súa situación en Galicia. Un deses demandantes de Novavax é María Xosé Martínez Mondragón. Ten unha enfermidade autoinmune que a obrigou a pospoñer a vacinación coas inxeccións dispoñibles, esperando unha que funcionase co mecanismo de acción da de Novavax. Leva dous anos sen practicamente saír da casa e o seu home, profesor universitario, denuncia a situación. Está en contacto diario co seu alumnado, moito del coa covid, que aumenta o risco de que o padeza a súa muller.

Hai uns días, el preguntou pola situación da vacina. “O 29 de marzo comprobei no lugar de vacinación contra a covid do Hospital Clínico de Santiago que, de momento, non teñen nin idea de cando van iniciar a vacinación con Novavax. Non semella que vaia ser pronto e nin sequera que vaia ser”, apunta. E a súa situación non é única, senón compartida por aqueles outros tantos galegos que, por diversas circunstancias, están a esperar a súa oportunidade para vacinarse.

A información dispoñible na nosa comunidade autónoma é escasa. Dende o Sergas confirman que o servizo xa dispón da vacina en Galicia, pero os datos que ofrecen son ambiguos. “Administrouse algunha, pero poucas de momento”, din fontes da Consellería de Sanidade. Tamén aseguran que a inxección de Novavax irá destinada “a persoas que tiveron reacción alérxica a unha primeira dose de ARNm ou vacina de adenovirus, ou en casos de contraindicación por motivos médicos a outras vacinas”. Finalmente, e en relación ao número de persoas que se poderían ver afectadas por esta situación, tampouco se ofrecen datos esclarecedores. “Non se estima que o número que cumpran estes casos sexa moi elevado. Administrarase a vacina segundo se van detectando”, conclúen dende o Sergas.

María Xosé martínez ten unha doenza autoinmune e aínda non está vacinada, despois de dous anos sen case saír da casa

A situación noutras comunidades autónomas é dispar. E o certo é que no último informe de vacinación do Ministerio de Sanidade, publicado o 25 de marzo, non consta que xa se administrara a vacina de Novavax. Hai que buscar información nas consellerías doutras comunidades, como a de Madrid, onde xa están fixadas varias xornadas de vacinación con esta inxección. Unha delas foi onte, 31 de marzo, e as seguintes son o 5 e o 8 de abril. Malia isto, tampouco se atoparon datos da cantidade de doses recibidas nin administradas. Algo que si acontece, parcialmente, con Andalucía. Nun comunicado de prensa publicado pola Junta o 10 de marzo, confírmase a recepción de 10.000 doses da vacina de Novavax polo que se calcula que, proporcionalmente, tamén Galicia ten recibido varios miles de doses desta inxección.

Con selo galego

A vacina de Novavax ten selo galego porque está a ser producida no Porriño, nas instalacións de Biofabri, filial do grupo Zendal. De feito, aínda que a EMA non aprobou o seu uso ata finais de decembro de 2021, as máquinas da farmacéutica xa se puxeron en marcha en xaneiro de 2021. E é que a vacina de Novavax, chamada Nuvaxovid, baseáse nunha plataforma de proteínas recombinantes, sendo a primeira anticovid con este mecanismo de acción. Segundo explican dende a Agencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), a vacina contén unha versión dunha proteína que se atopa na superficie do SARS-CoV-2 (a proteína da espícula), que foi producida no laboratorio. Tamén consta dun adyuvante, que é unha substancia que axuda a fortalecer a resposta inmune.

Desta maneira, unha vez que se administra a vacina, o noso sistema inmunitario identifica a proteína como estraña, producindo defensas contra o virus de maneira natural. Así é que se a persoa vacinada entra en contracto co SARS-CoV-2 despois de vacinarse, o seu sistema inmunitario será capaz de recoñecer a proteína do virus e será quen de facerlle fronte.

Arredor dun 90% de eficacia

A vacina de Novavax, segundo sinala a última actualización da Estrategia de vacunación frente a la covid en España, está autorizada en persoas maiores de 18 anos e a súa eficacia xa foi probada en diversos estudos. Un deles determinou que sería do 90,4% a partir de 7 días dende que se administrara a segunda dose, sen rexistrarse ningún caso grave entre os participantes nin diferenzas significativas da eficacia entre aquelas persoas con maior risco de sufrir covid grave, como aquelas que xa presentaran problemas cardíacos ou respiratorios, entre outras patoloxías. O outro estudo ao que fai referencia o documento mostrou, tamén a 7 días da segunda dose, unha eficacia do 89,7% (reducíndose lixeiramente ao 88,9% no grupo de 65 a 84 anos). Cabe indicar que estes estudos, que demostran unha eficacia de Nuvaxovid de arredor do 90%, realizáronse cando predominaba a variante alfa.

Finalmente, as reaccións adversas máis frecuentes que se detectaron nos estudos foron, sobre todo, de “intensidade leve moderada”. No documento sinálase, entre outras, fatiga, sensibilidade e dor no lugar da inxección e cefaleas. Aínda que foron efectos adversos  dunha duración aproximada de dous días, as reaccións foron máis frecuentes canto menor era a idade dos participantes. Malia todo isto, a información dispoñible sobre cando se vai administrar esta vacina, polo menos en Galicia, é escasa. Aínda que haxa moitos galegos que seguen a esperar, por fin, completar ou iniciar a súa pauta de vacinación.

Nas entrañas da nova vacina: así se ultima no Porriño a derradeira barreira contra a covid

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.