Galicia, referencia na medición do radon en España con máis de 4.300 rexistros

O novo mapa, que inclúe detalles a nivel de sección censual, é a primeira iniciativa a nivel estatal que vai alén do municipio

O mapa con datos de medición a nivel censual (arriba á dereita) presentouse este martes en Santiago. Fonte: USC/Xunta/Elaboración propia.

O noroeste de España, e especialmente as provincias de Ourense e Pontevedra, e o sur da Coruña, son unhas das zonas da península Ibérica con maior concentración de radon, un gas nobre e radiactivo sobre o que hai relación demostrada co cancro de pulmón. Desde hai 30 anos, o Laboratorio de Radon de Galicia, impulsado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela desenvolve a medición do radon no interior dos inmobles de todo o territorio, converténdose en referencia neste traballo. Non en tanto, este laboratorio participou no artigo máis citado sobre radon e cancro de pulmón, publicado en 2005 no British Medical Journal.

A última actualización do mapa, presentada este martes, recolle xa 4.300 medidas. E inclúe unha novidade que converte a Galicia en pioneira en canto á precisión destes rexistros: o novo mapa inclúe datos a nivel de sección censual, o primeiro deste tipo realizado en España, e que vai por primeira vez alén do municipio como unidade de medida.

Segundo explicou o profesor e investigador Alberto Ruano, xa son máis de 30 os concellos que teñen completas as súas medicións a nivel de sección censual, o que permite mellorar a análise das diferentes partes dun municipio. Un aspecto “especialmente interesante en concellos de gran superficie ou en concellos urbanos onde, ao construírse en altura, se espera que a concentración sexa menor no centro da cidade que nas zonas rurais, como poñen de manifesto os mapas realizados”.

A medición por concellos

Porcentaxe de medición de radon por riba de 300 becquerelios/metro cúbico, limiar marcado por pautas internacionais. Fonte: Laboratorio de Radon de Galicia (USC) e Consellería de Sanidade.
Porcentaxe de medición de radon por riba de 300 becquerelios/metro cúbico, limiar marcado por pautas internacionais. Fonte: Laboratorio de Radon de Galicia (USC) e Consellería de Sanidade.

Segundo a actualización do mapa, e atendendo ás pautas internacionais, 170 concellos galegos son áreas de alto risco, xa que máis do 10% das medicións realizadas amosan niveis por riba dos 300 becquerelios por metro cúbico (bq/m3), limiar que marca a Directiva Europea. Outros 22 concellos están en zonas de risco medio, con entre o 5 e o 10% das medicións por riba de 300 bq/m3, e os 121 restantes atópanse en zonas de risco baixo.

As provincias con maior concentración son Ourense e Pontevedra, cun 22,9 e 19,8% de medición por riba deste limiar, mentres que na Coruña a porcentaxe baixa ao 11,7%, e en Lugo ata o 9,6%). O resto dos datos poden consultarse na web radon.gal, do Laboratorio de Radon de Galicia.

Sección censual

A precisión do mapa a nivel censual inclúe datos de máis de 3.000 seccións en Galicia. Así, o 31% delas (970) serían zonas de alto risco, fronte ao 15% (479) en zonas de risco medio e un 53,67% (1678) seccións censuais con risco baixo. Faltan datos, por agora, de 474 seccións.

Na presentación destes novos datos tamén participaron o profesor Xoán Miguel Barros Dios, codirector xunto a Ruano do Laboratorio, así como os subdirectores xerais de Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal, e de Programas de control de Riscos Ambientais, Ángel Gómez Amorín. Todos coincidiron na necesidade de non alarmar respecto da presenza do radon en Galicia: “O risco que supón o radon para padecer cancro é menor que o do tabaco. Se alguén vive nunha zona de alta concentración, o primeiro que ten que facer é deixar de fumar, antes que preocuparse polo radon”, expuxo Ruano.

Os expertos tamén insistiron na necesidade de que o Código Técnico de Edificación inclúa medidas para evitar a presenza de radon nas zonas de maior risco. “As medidas van retrasadas en España”, lamentou Ruano, “aínda que xa se está traballando no borrador do Código para que os novos edificios incorporen estas condicións”. Neste sentido, Ruano recordou tamén o retraso de España respecto á trasposición da Directiva Europea no ordenamento xurídico, que debería estar incluída desde febreiro de 2018.

Sobre a posibilidade de que a Consellería de Sanidade realice un seguimento especial destas zonas con maior risco, o responsable dos Programas de control de Riscos Ambientais da Xunta, Ángel Gómez Amorín, descartou a adopción de medidas: “O problema clave é o tabaco, e é onde debemos centrar os esforzos. Facer un crebado máis intensivo sobre o radon non ten sentido, polo número de casos que hai. É algo que está aí e nos preocupa, pero podemos diminuílo, e é máis conveniente actuar nas vivendas para illalo”, expuxo Gómez Amorín.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.