Galicia continúa a baixada na segunda onda ás portas do Nadal

As hospitalizacións están en niveis de mediados de outubro e mantéñense uns 300 casos novos cada día á espera de posibles novidades no mapa de restricións

Este venres 11, unha semana despois do avance na segunda ‘desescalada’ en Galicia coa apertura da hostalaría e o levantamento de parte das restricións, o grupo de profesionais clínicos que asesora á Xunta podería acordar novos pasos adiante. Son varios os indicadores, xa avanzados nas últimas datas por responsables do goberno autonómico, que ofrecen unha perspectiva optimista. Porén, o escenario incerto do Nadal, que está a xerar un importante debate con arestas científicas, económicas e políticas, complica que esta mellora se poida consolidar nas vindeiras semanas.

A incidencia acumulada segue descendendo, segundo os datos do Ministerio de Sanidad, xa que Galicia pasou dos 272,9 casos/100.000 habitantes o mércores 25 de novembro aos 171,81 deste mércores 9. E a tendencia a sete días é máis positiva, ao pasar dos 129,39 ao 77,01. Con todo, o indicador máis claro da remisión desta segunda onda, toda vez que os valores foron preocupantes na primeira quincena de novembro, está nos hospitais:

Publicidade

Aínda que segue habendo arredor de 350 persoas ingresadas (50 delas en UCI), o descenso é progresivo desde que o aumento de casos levou a establecer peches perimetrais a comezos de novembro. Foi neses días, concretamente o 7, cando se acadou o máximo noutro dos indicadores, o de casos activos.

Se nese día chegaron a situarse arredor dos 10.300, este xoves, algo máis dun mes despois, xa caeron ata os 5.795. Así está sendo a tendencia, na gráfica na que se marcan tamén as datas das principais decisións das últimas semanas:

Publicidade

Situación actual

No referente aos novos positivos, mantéñense arredor dos 300 diarios, aínda que, por cuestións de notificación, infórmase dunha cifra menor nas actualizacións que o Sergas ofrece na páxina web sobre a pandemia. O número de probas PCR oscila nos últimos días entre as 5.000 e as 6.000 diarias, mentres que a positividade descendeu lixeiramente ata o 5-6%. Así están detectándose os casos nas distintas áreas sanitarias:

A evolución é, por tanto, distinta en cada zona de Galicia. A provincia de Ourense, a máis afectada polo incremento de casos en outubro, amosa agora unha evolución moito máis positiva. Deste xeito, só hai tres concellos (Sarreaus, Castrelo de Miño e A Rúa) con brotes importantes que preocupan, e que mesmo poderían levar a incrementar as restricións este venres. Pero no resto dos municipios, segundo os datos que manexa a Xunta, os casos novos e a incidencia acumulada teñen unha tendencia mellor cá do conxunto de Galicia.

Mais, pola outra banda, hai outros lugares que preocupan. Localidades de máis de 10.000 habitantes, como As Pontes ou Boiro, que xa están no nivel de máximas restricións, suman un número moi elevado de casos. Os brotes en residencias de Gondomar, Vilalba ou Vilaboa tamén incrementan a incidencia nestes concellos.

En 92 concellos non houbo casos nos últimos 14 días, e outros 126 tiveron entre 1 e 9

Nas zonas máis afectadas nas últimas semanas, e onde se manteñen as restricións máis elevadas, como a Costa da Morte ou as áreas de Vigo e Pontevedra, os novos casos redúcense, pero segue detectándose un importante número de positivos.

Segundo os datos da Xunta, hai 92 municipios nos que non se rexistrou ningún caso nas últimas dúas semanas. E outros 126 están no rango de 1 a 9 casos que a Xunta ofrece no seu web, xa que non detalla o número exacto aludindo a posibles problemas en municipios pequenos.

Aquí podes consultar a situación en cada concello no mapa e na listaxe:

Falecementos

O agravamento dalgunhas das persoas infectadas en semanas previas, vinculadas nalgúns casos a brotes en residencias de maiores, fai que se sigan rexistrando un importante número de óbitos. A semana pasada, Galicia superou a cifra de persoas falecidas na primeira onda (619), e este xoves xa se contabilizaban 668 mortes desde agosto, para un total de 1.287 falecidos con Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro