Venres 29 Marzo 2024

Galicia contará en 2022 cun centro de produción de medicamentos CAR-T

O novo centro tamén investigará en terapias avanzadas mentre o SERGAS colabora co Hospital Clinic de Barcelona para desenvolver tratamentos

O desenvolvemento da investigación sobre os medicamentos CAR-T en Galicia e doutras terapias avanzadas, que se deu a coñecer a través dunha xornada organizada pola  Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis), é o obxectivo do programa que está a desenvolver o SERGAS e que permitirá poñer en funcionamento un centro en Santiago con este fin no primeiro trimestre de 2022. Os medicamentos CAR-T son unha nova alternativa de tratamento para pacientes de cancro en xeral, especialmente os hematolóxicos.

Como explicaba nunhas recentes xornadas sobre este proxecto o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Jorge Aboal Viñas, hai un triplo obxectivo a conseguir: garantir o acceso dos pacientes galegos aos medicamentos CAR-T e as novas terapias avanzadas, fabricar en Galicia estes fármacos e investigar e desenvolver este tipo de tratamentos e implicar aos diversos axentes da comunidade autónoma (médicos, investigadores, tecido industrial e pacientes) no desenvolvemento destas terapias.

Publicidade

Mariona Baliu (esquerda) e Rocio Mosquera, de Galaria.

Os medicamentos CAR-T pertencen ao grupo dos produtos de terapia avanzada e neste caso consisten nunha combinación de terapia celular e xénica, a partir de células do propio paciente. Polas súas especiais características, ofrecen oportunidades no tratamento de enfermidades que actualmente carecen dun tratamento eficaz.

A autorización para a comercialización dos medicamentos CAR-T industriales depende da Axencia Europea do Medicamento e na actualidade so hai dous fármacos deste tipo autorizados, aínda que hai outros que xa contan cun desenvolvemento moi avanzado.  A actual normativa permite ademais a produción dos CAR-T académicos e esa será a vía que se empregue inicialmente en Galicia para a fabricación deste tipo de medicamentos.

Segundo explica Mariona Baliu, responsable que está a desenvolver o proxecto na Empresa Pública Galaria, o SERGAS e o Hospital Clinic de Barcelona están a punto de pechar un acordo que permitirá producir en Galicia o CAR-T ARI-001, que está autorizado para o seu emprego en pacientes de leucemia linfoblástica aguda. Ademais, o acordo permitirá ao futuro centro galego de CAR-T utilizar os deseños do hospital catalán para realizar ensaios clínicos que permitan desenvolver os medicamentos CAR-T.

“Nestes momentos se está a traballar no deseño das instalacións do centro, na licitación da reforma do espazo que o albergará e na selección do persoal. Agardamos que poda entrar en funcionamento no primeiro trimestre do ano próximo senón hai atrasos”, explica Baliu. Se están a definir tamén os procesos de selección do persoal do centro e a colaborar coas universidades galegas para a constitución da rede de investigación, agardando que os grupos de investigación que existen en Galicia en apartados como a xenómica ou a inmunoloxía, entre outros, poidan integrarse na mesma.

Baliu apunta que a estratexia de desenvolver en Galicia deseños que xa están aprobados permitirá obter resultados nun espazo de tempo relativamente curto, aproximadamente dun ano. Se se afrontase a tarefa de desenvolver medicamentos CAR-T dende cero os prazos serían moito maiores e irían de cinco a dez anos. Por iso, a colaboración co Hospital Clinic de Barcelona, que é unha referencia neste campo, é moi importante para o desenvolvemento do proxecto en Galicia. O investimento inicial no proxecto chega aos tres millóns de euros.

A COLABORACIÓN CO HOSPITAL CLINIC DE BARCELONA PERMITIRA PRODUCIR EN POUCO TEMPO MEDICAMENTOS CAR-T EN GALICIA

Os medicamentos CAR-T se están a aplicar principalmente no tratamento dos cancros hematolóxicos pero, segundo explica Baliu, tamén se están a desenvolver medicamentos deste tipo para cancros sólidos, concretamente cerebrais, de mama e de páncreas. “O espazo de desenvolvemento destas terapias e moi amplo e non se limita so aos medicamentos CAR-T”, sinala Baliu, “xa que o futuro centro tamén investigará no campo das terapias celulares e na inmunoterapia que xa se están a aplicar con éxito no tratamento de diversas enfermidades”.

A creación dun centro destas características en Galicia será unha moi boa noticia, en primeiro lugar, para os pacientes que hoxe en día teñen que desprazarse fóra da comunidade autónoma para recibir este tipo de tratamentos que, ademais, requiren dunha estadía de ata un mes no centro hospitalario. Pero, ademais, no futuro poderán beneficiarse moitos pacientes con enfermidades que nestes momentos non teñen tratamento axeitado e que no futuro poderán ter unha mellor evolución coa investigación continua que se está a facer con estas novas terapias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno