Venres 19 Abril 2024

Unha galega lidera un estudo mundial sobre detección de drogas en augas residuais

O traballo de Iria González Mariño, investigadora da Universidad de Salamanca formada na USC, analizou as substancias en 120 cidades do planeta

A científica galega Iria González Mariño, profesora e investigadora no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Salamanca, é a primeira autora dunha profunda investigación que, durante sete anos, analizou a presenza de drogas en 120 cidades de todo o planeta. No traballo participan máis de 70 investigadores de 27 países, entre os que está o grupo de investigación ChromChem (Cromatografia e Quimiometría) do departamento de Química Analítica da USC, no que Iria realizou a súa tese e que lidera en España a ESAR-net (Rede Española de Análise de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos).

Entre as principais conclusións do artigo, publicado este mércores en Addiction, a primeira revista mundial no campo das adiccións, destaca a detección dun aumento considerable no consumo de cocaína non só en España, senón tamén na maior parte das cidades monitoradas durante o período analizado 2011-2017.

Publicidade

A cocaína é a droga dominante nas cidades do sur e oeste do continente (en Suíza, Italia, Francia, España ou Reino Unido), e o seu consumo experimentou un aumento remarcable na maior parte das localidades monitoradas nestes anos.Destacan os datos de Barcelona, á cabeza do consumo europeo de cocaína e cunhas cantidades que duplican ás outras cidades analizadas en España. En Bélxica e Países Baixos obsérvase un importante consumo de cocaína e anfetamina, unha substancia cuxa popularidade se incrementou nestes países e tamén no norte de Europa.

O consumo de metanfetamina, aínda que menor que o das outras catro substancias estimulantes consideradas, é especialmente elevado en países do leste (en Eslovaquia, República Checa e leste de Alemaña) e estase a expandir ao norte e ao centro de Europa. A éxtase, sen chegar a dominar ningún escenario dentro do consumo de substancias de abuso, experimentou un aumento ao longo do período estudado.

A cocaína predomina no sur e oeste de Europa, mentres que no leste destaca a metanfetamina

Alén dos resultados, que están en consonancia cos derivados de indicadores establecidos, como enquisas poboacionais, ingresos hospitalarios ou mortes por consumo de drogas, “a análise de mostras tomadas directamente desde as depuradoras municipais preséntase como unha forma eficaz, relativamente económica e rápida de obter información sobre o que está a pasar neste ámbito nas cidades analizadas; de feito, en países como Australia, Nova Zelandia ou Finlandia, son os propios Gobernos quen financian os estudos dentro dos seus programas de prevención e saúde pública”, explica Iria González Mariño.

Santiago, unha das cidades estudadas

“En España, contouse coa colaboración dos concellos de Santiago de Compostela, Barcelona, Castellón, Molina de Segura e Valencia, pero o obxectivo no futuro é seguir incorporando máis cidades”, engade a investigadora. Na capital de Galicia, as investigacións realízanse no río Sar, cunha metodoloxía xa recoñecida polo Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías da Comisión Europea.

En Santiago de Compostela obsérvase un patrón e unhas tendencias de consumo semellantes ás do resto de España, o que permite ás autoridades locais dispor de información rápida e a nivel local neste campo.

Hai uns meses, o investigador da USC José Benito Quintana, que tamén asina este novo artigo, xa adiantaba en conversa con GCiencia algún dos resultados que agora expón este artigo. “Atopamos máis presenza do metabolito da cocaína, algo que parece confirmarse en 2018, pero non podemos concluír se é debido a que máis xente a consumiu, ou a que droga que se consumiu é máis pura”, expoñía Quintana.

Sobre os niveis de consumo, o científico da USC aclaraba: “Non é certo que en Santiago se consuma máis cocaína ca noutros lugares, como ás veces se di”, expón Quintana. “A presenza de cocaína por habitante e día é alta, pero como noutras zonas de España, do mesmo xeito que en Escandinavia se atopan máis drogas de deseño”.

Así se detectan as drogas nas augas residuais de Galicia

Disciplina científica de recente desenvolvemento

A análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos é unha disciplina científica de recente desenvolvemento que presenta o potencial de monitorar o uso de drogas de abuso a nivel poboacional e en tempo practicamente real. Mediante o análise da auga de entrada dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR), e a partir da concentración da propia substancia e/ou dos metabolitos que se excretan por ouriños, pódese estimar a cantidade de droga consumida pola poboación.

En conxunto, o estudo analizou a auga residual xerada por unha poboación estimada de preto de 60 millóns de persoas durante polo menos unha semana, o que permitiu avaliar as tendencias espaciais de uso de catro substancias ilegais: anfetamina, metanfetamina, éxtase e cocaína. Ademais, 26 cidades de 14 países europeos (uns 19,3 millóns de persoas, aproximadamente) participan no estudo desde o 2011, proporcionando datos anuais que contribuíron a discernir patróns temporais de consumo de drogas.

No ámbito español, cóntase tamén coa colaboración da rede ESAR-net, cuxo obxectivo é contribuír ao avance científico da Epidemioloxía das Augas Residuais (WBE) en España, e difundir o potencial desta ferramenta ás autoridades e entidades potencialmente interesadas e á sociedade en xeral.

“Estamos tentado que dentro desta rede haxa cada vez máis cidades implicadas e, no meu caso, xa iniciei os contactos con algúns concellos en Castilla y León para poder incorporalas ao estudo”, explica a profesora da Universidade de Salamanca.

Non só hai cocaína no Támesis: tamén chega aos ríos de Galicia

Metanfetamina en América do Norte e Australasia

A diferenza do que ocorre en Europa, o consumo de metanfetamina domina nas cidades monitoradas en América do Norte (Estados Unidos e Canadá) e Australasia (Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur), con niveis medios que superan con moito os estimados en Europa do leste. En América do Sur (Colombia e Martinica), a cocaína volve ser a substancia dominante.

Método e aplicacións

O método, como explica a profesora na Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca, consiste en recoller alícuotas de auga residual á entrada dunha depuradora durante 24 horas para ter unha mostra o máis representativa posible de todo o que chegou á depuradora durante ese día. O proceso repítese durante sete días consecutivos unha vez ao ano e logo analízanse as mostras no laboratorio”.

“A análise de augas residuais proporciona resultados a nivel poboacional e case en tempo real, o que permite identificar novas tendencias de abuso cunha celeridade maior coa que o fan as metodoloxías establecidas”, engade Iria González.

Os datos extraídos das augas residuais poden axudar tamén na loita contra o crime organizado, como xa se está facendo noutras partes de Europa. Ademais, en Finlandia, Australia ou Cataluña, os equipos de análise xa teñen convenios coas autoridades policiais para investigar o consumo e a produción de drogas ilegais: “Por exemplo, no caso das drogas de deseño poden atoparse precursores de síntese, que poden dar pistas ás autoridades sobre os compostos que se usan para fabricalas e os lugares onde se está producindo a droga”, explicaba en febreiro José Benito Quintana a GCiencia.


ReferenciaSpatio‐temporal assessment of illicit drug use at large scale: evidence from 7 years of international wastewater monitoring (Publicado en Addiction).

 

1 comentario

  1. Decir que por ser la primera autora de un artículo con 71 autores es la que lidera un estudio de 7 años es bastante pretencioso. Creo que los redactores deberían informarse un poco más antes de hacer una publicación con tales afirmaciones. La Dra. Mariño es una más de los 71 autores participantes en dicho artículo, pero no es ni mucho menos la que ha liderado este estudio. Como deberían saber generalmente el autor que lidera un trabajo firma en último lugar. Muchos de estos otro 70 autores podrían sentirse ofendidos por el titula de esta noticia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Como previr o consumo de drogas na adolescencia

Os mozos e mozas que non toman alcol ou cánnabis presentan un mellor funcionamento familiar e maior apoio social

As augas residuais de Santiago revelan menor consumo de cocaína pero un rápido aumento de MDMA

A capital galega tamén está no top 20 de cidades europeas auditadas que máis cannabis consomen

En busca da cura para a borracheira: un novo fármaco elimina os efectos do alcohol en ratos

A hormona FGF21 contrarresta a perda de conciencia e a falta coordinación provocadas pola inxesta de alcohol