Galcovid: a ‘app’ que calcula o teu risco de ir á UCI ou morrer por Covid-19

Unha ferramenta desenvolvida por expertos do Sergas e a USC expón a posible evolución en función de variables de idade, sexo ou comorbilidades

Un varón de 50 anos con obesidade e hipertensión, dúas das patoloxías máis habituais entre a poboación, recibe un resultado positivo da proba PCR para detectar o coronavirus SARS-CoV-2 no seu organismo. Aínda que en principio estará baixo illamento domiciliario e en seguimento, é probable que desenvolva complicacións asociadas ás comorbilidades mencionadas. e que o leven a ingresar no hospital. Como de probable é isto? Pois arredor dun 24%. Nun 7,06% dos casos podería chegar a ingresar na UCI, e nun 0,87% dos casos, a infección por coronavirus podería ter consecuencias fatais. Este é un dos exemplos que amosa Galcovid, unha aplicación desenvolvida por un equipo de investigadores galegos de diversas disciplinas, pertencentes á USC e o Sergas, para expoñer, a través dun método de cálculo, a evolución da doenza en dous escenarios distintos e complementarios.

Galcovid forma parte dun proxecto financiado polo Instituto Carlos III, o Goberno español e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, que achegou, de forma anónima, os datos dos pacientes utilizados para afinar a ferramenta de cálculo. No proxecto tomaron parte expertos médicos, epidemiólogos e bioestatísticos, que á vez traballan da man dunha ampla rede de colaboradores con experiencia previa en investigacións conxuntas. Do mesmo xeito, o equipo contou coa colaboración do Comité Español de Expertos para a Acción Matemática contra o Coronavirus.

Publicidade

Dúas calculadoras

A ferramenta está baseada en dous estudos de investigación sobre a Covid-19 e na evidencia dispoñible ata o momento. Como destaca o portal de Galcovid, aproximadamente o 80% dos casos notificados superan a infección con síntomas leves ou de xeito asintomático, mentres que o 15-20% restante deriva nunha neumonía grave que provoca a morte nun 1-5% dos casos confirmados. Neste sentido, hai algunhas comorbilidades que poden aumentar o risco de complicacións respiratorias,  fallo multiorgánico e mesmo a morte.

Predición do risco que expón Galcovid para un varón de 50 anos con obesidade e hipertensión.
Predición do risco que expón Galcovid para un varón de 50 anos con obesidade e hipertensión.

Na primeira das calculadoras, a aplicación predí o risco de hospitalización, ingreso na UCI ou morte ao recibir unha PCR positiva. Para isto inclúense como variables o sexo, a idade, e doenzas crónicas como enfermidades cardiovasculares, diabetes, obesidade, hipertensión, Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), asma, enfermidade hepática, enfermidade renal crónica, linfoma ou leucemia.

Publicidade

Unha vez introducidos os datos na aplicación, os resultados clasifícanse en tres niveis de risco con código de cores: baixo, medio ou alto, segundo se observa baixo estas liñas.

No segundo dos métodos de cálculo, Galcovid expón a posible evolución de pacientes hospitalizados con neumonía por Covid-19, indicando a probabilidade de que a infección se complique ata causar o ingreso en UCI ou a morte do paciente. Este cálculo baséase en  cinco preditores determinados nas 24 horas posteriores ao ingreso: diabetes, idade, reconto de linfocitos, saturación de osíxeno e pH.

Advertencia sobre Galcovid

No portal da aplicación advírtese, como descargo de responsabilidade, que Gal Covid “non debe considerarse un consello médico”, xa que a información “está destinada unicamente para fins educativos e de investigación científica”. Deste xeito, “a información proporcionada non substitúe en ningún caso a atención médica e nunca debe substituír ao consello do seu médico ou doutro profesional sanitario, nin debe empregarse como alternativa a unha consulta médica“, advirten os autores da aplicación.


Podes acceder a Galcovid a través desta ligazón.

E aquí podes consultar o artigo científico no que se basea a ferramenta (PDF).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional