Un estudo de científicas galegas aborda os avances da medicina oral personalizada

Matilde Durán e María José Alonso publican en "Advanced Materials" unha revisión sobre o panorama actual destes tratamentos

O concepto de medicina personalizada ou de precisión é un dos que máis están en boca da comunidade científica nos últimos anos. A posibilidade de deseñar terapias adaptadas ás peculiaridades de cada paciente, tendo en conta as súas características biolóxicas e xenéticas, poderían mellorar as perspectivas de tratamento de moitas patoloxías. Para analizar esta situación, o equipo da profesora María José Alonso, do CiMUS de Santiago, acaba de publicar unha revisión na revista Advanced Materials no que se amosan as tecnoloxías máis prometedoras no eido da medicina de precisión, en concreto dos produtos que se poderían adminstrar por vía oral.

Por exemplo, este novo enfoque das terapias podería desenvolver medicacións máis axeitadas para doenzas como a diabetes, tomando en consideración a analítica de cada paciente. E neste senso, un alicerce fundamental desta nova medicina personalizada ou de precisión constitúeno os fármacos biolóxicos: moléculas de gran tamaño como proteínas, anticorpos ou secuencias de ácidos nucleicos. Estas macromoléculas de estrutura complexa son quen de interaccionar de xeito moi específico coas dianas terapéuticas, evitando así efectos indesexabeis en células e tecidos sans.

Publicidade

Pero a complexidade na súa estrutura é unha arma de dobre fío, xa que tamén impide que estes fármacos se absorban por si mesmos, e fainos máis susceptibles á degradación que os fármacos convencionais. Esta é a razón principal pola que, xeralmente, son tratamentos que só poden ser administrados por vía parenteral.

Con todo, os avances neste eido permitiron que, nos últimos anos, as tecnoloxías de liberación de fármacos xa poidan conducir estas moléculas biolóxicas, ofrecéndolles un transporte seguro que as protexe fronte á degradación e modula a súa interacción coas barreiras do organismo (como a mucosa intestinal), facilitando así a súa viaxe ata as dianas onde deben exercer a súa acción terapéutica.

Publicidade

Posibilidades de administración oral

No novo traballo de revisión, desenvolvido por investigadores do grupo da profesora María José Alonso no CiMUS, con Matilde Durán Lobato como primeira autora, e o Riddet Institute de Nova Zelandia, os autores analizan a evolución das tecnoloxías de liberación controlada en fármacos biolóxicos que permiten a súa administración por vía oral.

“Puxemos de relevo os progresos máis importantes alcanzados en ensaios clínicos, así como as tecnoloxías disruptivas que abrirán o camiño ás terapias personalizadas”, afirma Matilde Durán. A científica galega salienta que “neste traballo identificáronse os desafíos que teremos que afrontar para o seu desenvolvemento clínico e comercialización, ademais de achegar pautas para superalos”, sinala.

O traballo preséntase como unha guía actualizada para interpretar a evolución da medicina de precisión por vía oral, destacar as tecnoloxías que marcaron os fitos máis significativos ata a data, e servir de apoio á comunidade científica para impulsar o desenvolvemento do campo nos próximos anos.


Referencia: Oral Delivery of Biologics for Precision Medicine (Publicado en Advanced Materials).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados