Así se ve a estimulación xenital no cerebro das mulleres

Unha investigación afonda na representación neural dos xenitais femininos e podería servir para desenvolver estratexias de promoción da saúde sexual

O coñecemento sobre a representación neural dos xenitais da muller e o seu papel na función sexual foi bastante escaso. Esta falta de datos dificultou o desenvolvemento de estudos clínicos que avaliasen os cambios producidos nesa rexión baixo certas condicións clínicas, como a disfunción sexual ou ter sufrido abusos.

Agora, unha investigación realizada por expertos de varias institucións alemás e publicada esta semana en The Journal of Neuroscience sostén que a representación dos xenitais no mapa cerebral está preto da localización da cadeira aínda que hai que localizalo individualmente xa que a representación precisa varía entre mulleres.

Publicidade

A representación xenital, con capacidade de variar estruturalmente

Aínda que o córtex somatosensorial dedica un espazo á detección do tacto de cada parte do corpo, a localización exacta do campo xenital feminino neste mapa foi controvertida. Segundo Christine Heim, profesora da Universidade Charité (Berlín), o novo enfoque de mapeo produciu activacións corticais na parede lateral da cortiza somatosensorial para todas as mulleres, aínda que a localización precisa cambiou de muller a muller.

O traballo tamén descubriu que a rexión era máis grosa canto máis frecuentemente mantiñan relacións sexuais as participantes. Nunca se demostrara en humanos que este campo de representación xenital tivese a capacidade de variar estruturalmente en relación co seu uso. Para a realización do estudo empregáronse imaxes por resonancia magnética funcional para cartografar a representación exacta dos xenitais femininos medindo a resposta do cerebro a unha membrana que vibraba sobre a rexión do clítoris.

Publicidade

Mellorar o coñecemento da función sexual

Segundo os autores, estes resultados axudarán a desenvolver estratexias para promover a saúde sexual nas mulleres. O estudo busca proporcionar tanto a base teórica como un novo enfoque metodolóxico para avaliar o papel do campo xenital na función sexual sa e nos trastornos sexuais, xa que permite identificar unha base neural para eles.

O obxectivo é probar se os cambios no campo xenital modifican a percepción do tacto dos xenitais. E se as intervencións, como a terapia sexual, trocan o campo xenital, ou como esta rexión se conecta cos circuítos cerebrais emocionais. O estudo recolleu a mostra de vinte mulleres.


Referencia: Sensory-Tactile Functional Mapping and UseAssociated Structural Variation of the Human Female Genital Representation Field. (Publicada en JNeurosci)

1 comentario

  1. Resulta anticuado falar dos autores, cando o estudo se refire a mulleres e se cita a Christine Heim; por tanto sería acaído falar das autoras, algo que vemos en máis traballos publicados. Sería intelixente atender ás novas dem,andas da sociedade e non masculinizar os diderentes traballos, para non dar a sensación de desleixo na redacción de GCiencia.
    Grazas pola atención e agardamos mudanzas e sensibilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía

Sonia Villapol: “O cerebro agradece o exercicio, é un dos medicamentos sen receita máis eficaces”

A neurocientífica galega publica 'Cerebro en modo ON', un manual divulgativo de neurociencia para adolescentes con grandes leccións para adultos