Unha tese analiza o uso de plantas e fungos psicoactivos en ritos xamánicos

A investigación foi realizada ao longo de 17 países, catro continentes e 16 anos de traballo de campo por parte do médico Fernando Pinto

O investigador nunha das súas viaxes a Siberia. Foto: DUVI
O investigador nunha das súas viaxes a Siberia. Foto: DUVI

Dezasete países, catro continentes e dezaseis anos de traballo. Así foi o traballo de campo realizado polo médico Fernando Pinto Blanco entre os anos 2003 e 2019, que visitou diferentes etnias para afondar na medicina tradicional indíxena. Froito dese estudo realizou unha tese de doutoramento na que fixo un percorrido pola ritualidade e os estados alterados de conciencia nos ritos xamánicos, en especial coa toma de enteóxenos (plantas e fungos con efectos psicoactivos). Os resultados, sinala, amosan “unha uniformidade transcultural e universal da medicina tradicional indíxena“.

A tese levou por título Ritualidade e botánica enteoxénica na medicina tradicional indíxena e foi dirixida desde a Universidade de Vigo (UVigo) pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría María Reyes Pérez e polo catedrático da Área de Botánica Francisco Javier Rodríguez Rajo. O obxectivo do estudo, indica o seu autor, foi ofrecer unha visión actual e intercultural da medicina tradicional indíxena e avaliar os cambios psicofisiolóxicos producidos despois de levar a cabo unha das súas prácticas de referencia, a toma de enteóxenos en ritos xamánicos.

Efectos psicofísicos

O estudo realizado baséase no traballo de campo levado a cabo entre os anos 2003 e 2019 por Fernando Pinto, a través da observación participante e “reflectido nos diarios de campo e na fotografía como medio de rescate etnográfico”. Concretamente seleccionou para a súa tese e visitou grupos étnicos de 17 países de África, América, Asia e Oceanía, analizando a ritualidade, os enteóxenos empregados e os seus efectos físicos e psicolóxicos tras a inxesta. As substancias psicoactivas presentes ao longo dos diferentes ritos foron iboga, haxix, peyote, derrumbe, ayahuasca, mambe, yopo, tabaco, San Pedro, marihuana, tafia, opio, licor de Mahua, brugmansia, jamur, betel, matamoscas, pituri e kava kava. As etnias tratadas abranguen desde a Fang, en Gabón, ata a Ni-Vanuatu, en Oceanía.

Sobre os resultados referidos aos cambios psicofísicos provocados pola experimentación con substancias enteoxénicas, o experto sinala que “nun contexto ritual cerimonial hai unha gran limitación á hora de extraer conclusións exhaustivas en canto aos seus efectos, tanto sobre a actividade mental e emocional como sobre a repercusión nas constantes fisiolóxicas, dado que interveñen un exceso de condicionantes que fan de cada experiencia algo único e irrepetible”.

Evitar o consumo lúdico

En todo caso, froito do estudo desenvolvido sinala que os cambios físicos da experimentación con enteóxenos, medidos no traballo polas tomas de diferentes constantes fisiolóxicas, “non parecen supor unha repercusión clínica evidente para o experimentador”. “Os cambios mentais, a pesar da súa aparente gravidade durante algunha das experiencias (crises de pánico e brotes psicóticos), foron autolimitados, restrinxíndose a poucas horas posteriores á inxesta do enteóxeno”, engade.

Púidose constatar, afirma Fernando Pinto, “unha certa compensación por un beneficio posterior, progresivo e duradeiro do desenvolvemento persoal ligado á esfera da intelixencia existencial”. En calquera caso, recalca, “non debería banalizarse o emprego destas substancias e circunscribilas ao ámbito ritual, ou polo menos baixo a supervisión dun guía experto, evitando un consumo lúdico“.

Viaxe polas medicinas tradicionais

En xeral, indica Fernando Pinto, o xamanismo, mediado por plantas enteoxénicas durante os seus rituais e cerimonias, “parece resistir á globalización imposta polos avances científicos convencionais”. Na súa viaxe polas medicinas tradicionais indíxenas, no caso de América, sinala que “o emprego de substancias psicoactivas como medio para conseguir estados modificados de conciencia continúa moi activo nas etnoculturas americanas, sendo con diferenza o continente con máis rituais destas características e con maior variedade de plantas psicoactivas utilizadas”. Nestes rituais, engade, o paciente polo xeral é partícipe, en certo nivel, da toma dos enteóxenos, podendo experimentar estes estados. Nestas etnias, engade o médico, “continúase dando importancia á preparación previa á toma, de maneira especial en forma de dietas e limpas”.

Nas culturas asiáticas, explica o autor da tese, “o paciente é case mero observador dun ritual no que o xamán chega ao transo mediante o canto, baile e son de instrumentos (predominando o tambor) e non se observou o emprego de enteóxenos”. Polo que respecta a África, Fernando Pinto apunta que se manteñen rituais unidos á utilización de enteóxenos (caso do iboga en Gabón), aínda que máis ligados a rituais iniciáticos que de curación propiamente ditos. Xa en Oceanía, comenta, “o emprego de substancias sedantes como o kava kava en Melanesia ou estimulantes como o pituri en Australia exceden o contexto xamánico, xogando un rol máis ben social. O seu xamanismo está máis ligado ao aproveitamento de plantas con fins medicinais”.

O fenómeno xamánico

Alén das xeografías, Fernando Pinto subliña que “son moitos os puntos en común que apareceron durante os rituais e cerimonias que poderían amosar unha uniformidade global, transcultural e universal do fenómeno xamánico”. Entre outros moitos, inclúe o emprego da auga como vehículo para curar, as mesas de ofrendas, a referencia aos catro elementos e aos catro puntos cardinais, a necesidade de preparación previa á toma de enteóxenos, os estados de transo, o emprego de instrumentos musicais e canto para facilitar o transo, un lugar especial para os rituais ou a arte como expresión das visións.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.