Os exosomas son nanovesículas de 50 a 150 nanómetros de diámetro detectables en fluídos corporais como o plasma, o cuspe, ou o líquido cefalorraquídeo, pero tamén en ouriños e excrementos que se liberan no entorno extracelular. Moitas células normais liberan exosomas, que demostran ter un papel activo nas actividades reguladoras do corpo humano. Pero tamén as células tumorais liberan estes compostos, encargados en moitos casos da transmisión do material xenético destes tumores. E neste punto, un equipo formado por investigadores de Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) acaba de definir unha nova liña de traballo na loita contra o cancro oral, o sexto carcinoma diagnosticado máis común no mundo e que en 2012 foi causa de 145.000 mortes.
O grupo de investigación coordinado polo profesor Abel García García, traballou en colaboración co IDIS e o grupo do profesor Stefano Fais do Instituto Nacional Superior de Sanidade de Roma. No traballo participan tamén o alumno de doutoramento Samuel Rodríguez Zorrilla e os seus directores de tese, os profesores Mario Pérez-Sayáns García e Mercedes Gallas Torreira. No artigo agora publicado descríbese un ensaio clínico aprobado en humanos, un dos poucos destas características a nivel mundial, que constata a existencia dunha correlación inversa entre os niveis de exosomas previos e posteriores á cirurxía.
Concretamente, o equipo investigador observou que o tratamento cirúrxico induciu unha redución notable dos niveis plasmáticos destas diminutas vesículas que expresan CD63, o que diminúe o risco de transmisión de material xenético a distancia e, consecuentemente, de metástase. Neste senso, estes primeiros resultados “suxiren que a masa tumoral é responsable dos altos niveis de exosomas circulantes detectados en pacientes con cancro oral”, aclara o traballo.
A importancia dos niveis de exosomas neste tipo de pacientes é un dato relevante, xa que a análise estatística mostrou que os niveis máis baixos de exosomas plasmáticos, tanto antes como despois da cirurxía, se correlaciona cunha mellor esperanza de vida dos pacientes con cancro oral de células escamosas.
Como aclaran os investigadores á vista da literatura científica sobre o tema, “os exosomas liberados polas células tumorais poden representar unha forma para que os cancros eliminen material non desexado ou simplemente o seu refugallo”. Así, aínda que teñen definitivamente un papel clave na comunicación de célula a célula ou de órgano a órgano, “poden ter un papel completamente diferente tanto na progresión do cancro como na metástase” e de feito “as células tumorais secretan grandes cantidades de exosomas que promoven a progresión tumoral”.
Referencia: A Pilot Clinical Study on the Prognostic Relevance of Plasmatic Exosomes Levels in Oral Squamous Cell Carcinoma Patients (Publicado en Cancers).