A Klebisella pneumoniae converteuse xa nun preocupante problema hospitalario.

Duplícanse en Galicia os casos de bacterias resistentes a antibióticos

O mal uso dos antibióticos está a xerar bacterias ‘súper resistentes’ que son xa un grave problema a escala mundial, especialmente nos hospitais. Infeccións que ante tiñan cura, agora provocan doenzas e mesmo a morte. E os casos en Galicia non deixan de medrar. A Sociedade Galega de Microbioloxía (Sogamic) publicou o seu informe dos anos 2015 e 2016, que amosa datos preocupantes, especialmente coa bacteria Klebsiella, que duplicou o número de casos nos que os antibióticos xa non funcionan.

Sogamic alerta no seu estudo da dimensión da resistencia aos antibióticos: “Na actualidade supón unha ameaza a nivel mundial, prolonga estancias hospitalarias, incrementa custos e aumenta a mortalidade; e, de seguir así, chegará o día en que infeccións que hoxe son leves, porque se poden tratar con antimicrobianos, volverán ser incurables”.

Nos anos 2015 e 2016, houbo nos hospitais galegos 8.990 casos de pacientes que tiveron que ser illados por infeccións de bacterias súper resistentes. En concreto, houbo 1429 illamentos de S. aureus, 340 de P. aeruginosa, 889 de K. pneumoniae, 4822 de E. coli, 19 de A. baumannii, 649 de E. faecalis, 309 de E. faecium y 533 de S. pneumoniae.

Nalgúns antibióticos os casos de resistencia multiplicáronse por catro en dous anos

O estudo revela que a insensibilidade aos antibióticos se mantén estable en varias destas bacterias, pero non é o caso da Klebsiella pneumoniae, que aumenta os casos ata duplicalos para varias familias de antimicrobianos. No caso da amikacina, os casos multiplicáronse por catro. E apareceron novas resistencias moi importantes noutros antibióticos como os carbapenemes.

Ademais, son habituais os casos de pacientes que non responden a varias familias de antibióticos combinados. Un 12,4% dos 889 pacientes illados por Klebsiella non responderon nin a cefalosporinas, quinolonas, carbapenemes e aminoglucósidos. Funcionou mellor a colistina, pero houbo 5 illamentos que tampouco responderon a este tratamento.

O problema é grave, polo que o Sergas publicou no 2016 unha guía para o control destas bacterias nos hospitais. E, ante o incremento de casos, xa hai unha segunda edición, para residencias de maiores e para Atención Primaria.

A Klebsiella xa é obxecto dunha alerta da OMS, no seu último informe mundial. A realidade é que Klebsiellaé común está presente de xeito natural mesmo no noso tracto dixestivo. Pero no entorno hospitalario, en pacientes con baixas defensas, pode ser un grave problema.

Porque as infeccións por esta bacteria, causante do 20% das neumonías en neonatos e pacientes hospitalizados, poden chegar a ter taxas de mortalidade superiores ao 70%. E son un problema sanitario mundial, como alertou no 2015 a Organización Mundial da Saúde, cunha mensaxe moi clara: “O mundo está abocado a unha era post antibióticos na que infeccións comúns e lesións menores que foron tratables durante decenios volverán ser potencialmente mortais”, manifestou hai un ano o subdirector xeral da OMS Keiji Fukuda.

O problema é mundial e un mal uso dos antibióticos está na base destas resistencias

O problema coa Klebsiella pneumoniae é que se fixo resistente a antibióticos de amplo espectro. Mesmo a aqueles derivados da penicilina, que ás veces constitúen o derradeiro recurso terapéutico, nun intento de volver atrás no tempo para atopar algo que loite efectivamente contra o microorganismo. A resistencia desta bacteria aos carbapenémicos xa se estendeuse a todas as rexións do mundo, segundo a OMS.

K. pneumoniae é unha causa importante de infeccións nosocomiais (no eido hospitalario), como as pneumonías, as septicemias ou as infeccións dos recentemente nados e os pacientes ingresados en unidades de coidados intensivos. Nalgúns países, os antibióticos xa non son eficaces en máis da metade dos casos. Tamén está a medrar a resistencia a fluoroquinolonas, unha das clases de fármacos antibacterianos máis utilizadas no tratamento das infeccións urinarias por E. coli.

A preocupación ante a crise dos antibióticos é tan grande que xa hai dous premios millonarios internacionais para quen atope unha solución. A fundación británica Nesta premiará con 14 millóns de euros a quen atope unha fórmula eficaz para este problema científico. Tamén a Comisión Europea ofrece, dentro do seu programa Horizonte 2020, un premio dun millón de euros para investigacións neste eido.

“A eficacia dos antibióticos foi un dos alicerces que nos permitiu vivir máis tempo con máis saúde e beneficiarnos do medicamento moderno”, afirmaba o vicepresidente da OMS Fukuda. E as súas palabras non son realmente tranquilizadoras: “Se non tomamos medidas importantes para mellorar a prevención das infeccións e non cambiamos a nosa forma de producir, prescribir e utilizar os antibióticos, o mundo sufrirá unha perda progresiva destes bens de saúde pública mundial cuxas repercusións serán devastadoras”.

Aquí podes descargar
o informe de Sogamic

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.