Publicidade

Máis do 50% da poboación mundial convive coa dor de cabeza

Unha revisión global de publicacións revela que o 15,8% das persoas sofre cefaleas a diario

Para moitas persoas a cefalea non é unha afección momentánea que se poida paliar co consumo de analxésicos. De feito, a revista The Journal of Headache and Pain acaba de publicar unha revisión dos estudos sobre a prevalencia da dor de cabeza que revela que o 52% da poboación mundial vese afectada por este trastorno crónico cada ano.

Neste estudo, realizado por epidemiólogos da Universidade de Noruega de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), analizouse un corpus de 357 publicacións entre os anos 1961 e 2020, co obxectivo de estimar a incidencia real deste problema de saúde arredor do mundo. Debido a que a maioría dos artigos estudados proviñan principalmente de países de altos ingresos económicos, os autores decidiron tomar unha mostra de participantes adultos, de entre 20 e 65 anos, que pertencesen a diversos sectores da sociedade. Deste modo, tentaron facer un retrato o máis real posible da realidade desta doenza e da diversidade de síntomas que presentan os seus afectados.

Publicidade

O 15,8% da poboación padece dor de cabeza a diario

Os resultados da investigación de Jacob Stovner e os seus compañeiros revelaron que o 15,8% da poboación padecía dor de cabeza a diario, e que o 52% sufría este trastorno cada ano. Desa porcentaxe, o 14% dos afectados identificaba os seus síntomas cunha migraña, o 26% cunha dor de cabeza de tipo tensional e o 4,6% admitiron padecer cefalea durante 15 ou varios días ao mes.

Ademais, os estudos observaron que a dor de cabeza é máis común entre mulleres que entre homes: o 17% das mulleres padece migrañas cada ano, fronte ao 8,6% dos varóns que tamén a sofren. De feito, un 6% delas informou que tiña dor de cabeza máis de 15 días ao mes, mentres que a porcentaxe de homes baixaba neste caso ao 2,9%.

Publicidade

Insistir na mellora da calidade de vida

Os autores indicaron tras a súa revisión que as migrañas son un problema real cada vez máis estendido entre a poboación global e que afecta con distinta intensidade as persoas que a padecen. “A prevalencia dos trastornos de cefalea segue sendo alta en todo o mundo. Máis da metade das persoas teñen dor de cabeza cada ano, e case o 5% máis da metade dos días dun mes”, explicou Jacob Stovner para a Agencia SINC.

“Debemos esforzarnos por reducir esta carga mediante a prevención e un mellor tratamento”

Por iso insisten na necesidade de centrar a atención neste problema de saúde xeneralizado. “Debemos esforzarnos por reducir esta carga mediante a prevención e un mellor tratamento. Animar os médicos e os responsables dos sistemas sanitarios a mellorar a atención para estes pacientes. Isto inclúe información ás persoas afectadas e unha mellor prevención e tratamento dos episodios”, engadíu o principal autor da NTNU.

Este estudo busca ser unha base de referencia para as vindeiras investigacións relacionadas, sobre como avaliar as taxas de cefaleas en todo o mundo e así mellorar os métodos de medición do éxito de intervencións e terapias. O obxectivo establecido para o futuro, como indicou Stovner a SINC, será analizar as diferentes causas destas dores de cabeza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo fármaco reduce os síntomas previos a xaquecas como sensibilidade á luz ou mareos

O medicamento, en fase de probas, amosouse efectivo para combater o malestar que precede a un forte ataque de dor de cabeza

Investigadores de Santiago descobren unha posible diana terapéutica para as xaquecas

O traballo revela que os niveis de autotaxina, un enzima presente no sangue, están elevados en persoas que padecen intensas dores de cabeza

Maréaste após unha resonancia magnética? Un estudo galego explica por que

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago evidencia que o campo magnético da máquina despraza o fluído que existe no oído interno

Un estudo da USC evidencia a falta de percepción sobre o risco do radon no ámbito laboral

A metade das persoas empregadoras non tomara ningunha acción de mitigación malia atopar concentracións por enriba do nivel límite