David Posada, catedrático da UVigo, é un dos científicos máis citados do mundo no seu eido. Foto: Duvi.
David Posada, catedrático da UVigo, é un dos científicos máis citados do mundo no seu eido. Foto: Duvi.

O laboratorio de David Posada participará na rede Marie Curie

Laboratorio de Filoxenómica, liderado polo catedrático vigués David Posada e con sede no Cinbio (Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo), participará a partir do vindeiro mes de xaneiro nunha rede internacional Marie Curie (ITN or Innovative Training Networks) para a formación de novos investigadores en oncoloxía computacional. Trátase dunha plataforma internacional conxunta que reúne investigadores de alto prestixio de diferentes países da Unión Europea, entre eles dous españois: o propio David Posada e Nuria López-Bigas, do Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona.

A rede de formación Marie Curie reúne investigadores de alto prestixio en Europa

A nova rede está financiada pola Unión Europea con 3,8 millóns de euros, dos que a Universidade de Vigo recibirá preto de 500.000, cantidade que se destinará de xeito íntegro á contratación durante tres anos de dous investigadores predoutorais que realizarán aquí a súa tese de doutoramento. Consideradas unha sorte de antesala cara a elite, para conseguir un destes contratos, dirixidos a investigadores e investigadoras novas que queiran mellorar as súas perspectivas profesionais traballando no estranxeiro, hai que estar entre os mellores, neste caso en temas de investigación computacional.

“Para nós a concesión desta rede Marie Curie foi unha noticia fantástica xa que imos estar en contacto coas mellores institucións do mundo e establecer pontes con profesionais excepcionais de centros de moito prestixio, en definitiva, conectarnos desde esta esquina de España co resto de Europa, que é o grande obxectivo das axudas Marie Curie”, subliña Posada, que explica que o obxectivo xeral da rede é a formación para o desenvolvemento de ferramentas computacionais destinadas ao manexo de datos masivos xenómicos e transcriptómicos en cancro e a súa aplicación para tentar resolver cuestión de interese xenómico e evolutivo nesta enfermidade.

Tamén forman parte da rede institucións de Estocolmo, Cambridge, Londres, Barcelona, Zurich e Varsovia

Coordinada polo Real Instituto de Tecnoloxía de Estocolmo (KTH), “algo así como o MIT sueco”, a participación da Universidade de Vigo na rede xurde “como acostuma pasar neste tipo de cousas” a partir dunha simple chamada, neste caso do profesor Jens Lagergren, actual coordinador xeral da rede, a David Posada comentándolle a súa idea de pór en marcha esta rede e convidándoo a participar. Finalmente a súa proposta foi unha das seleccionadas para conseguir unha destas prestixiosas axudas, enmarcadas dentro do programa de financiamento Horizonte 2020 da Comisión Europea, e a partir do vindeiro mes de xaneiro converterase en realidade.

Forman parte da rede Marie Curie, ademáis da entidade coordinadora, tres socios de Reino Unido –o King’s College de Londres, a Universidade de Cambridge e o Institute of Cancer Research (ICR)- ; dous españois –a Universidade de Vigo e a Fundación de Investigación Biomédica de Barcelona-; un de Suíza -ETH Zurich-, e outro de Polonia –Universidade de Varsovia-. “Somos xente que xa nos coñeciamos de reunións previas e que traballamos todos en temas relacionados co cancro, analizando datos masivos xenómicos ou transcriptómicos no computador”, recalca Posada.

Laboratorio de filoxenómica da UVigo. Foto: Duvi.
Laboratorio de filoxenómica da UVigo. Foto: Duvi.

A estes socios hai que sumar toda unha serie de empresas e entidades colaboradoras, cuxa función se define como “absolutamente clave” e que vai dirixida a completar as habilidades e competencias destes profesionais en cuestións que non poden ser ensinadas pola academia, así como facilitarlles a súa comprensión do modus operandi industrial, preparándoos para unha colaboración significativa e conxunta co sector empresarial. No caso de Vigo colaborarán co grupo de Posada, as e os investigadores da liña de e-Saúde de Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) e da empresa coruñesa Torusware, especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o manexo de grandes cantidades de información -Big Data-.

A posta en marcha da rede suporá a contratación dun total de 15 investigadores de predoutoramento. “O que se pretende é crear unha comunidade de estudantes de doutoramento que traballen en oncoloxía computacional dirixidos por un ou máis dos investigadores principais da rede e movéndose de xeito continuo entre os distintos laboratorios”, explica o investigador vigués, que fai fincapé en que todos teñen que facer estancias nos distintos centros participantes. “No caso de Vigo, por exemplo, recibiremos seis estudantes que estarán aquí de un a tres meses cada un”, recalca Posada, que explica que os beneficiarios e beneficiarias “recibirán unha financiación moi xenerosa que permitirá o seu movemento entre as diferentes institucións da rede”.

Os doutorandos terán que ter “moita capacidade para a investigación computacional”

O solicitante da axuda non poderá ter residido ou levado a cabo a súa actividade principal (traballo, estudos, etc) no país da universidade na que vai facer a súa estadía durante máis de 12 meses nos tres anos inmediatamente antes da data de recrutamento. “Non pode ser ninguén que estea a traballar aquí, senón que ten que ser alguén que veña de fóra. Podería darse o caso de que fose español, pero sempre e cando leve anos traballando no estranxeiro”, aclara o responsable local da rede.

En canto ao perfil que se busca, Posada explica que teñen que ser graduados con moita capacidade para a investigación computacional aplicada a biomedicina, cunha formación sólida en estatística, computación e matemáticas, de maneira que realmente teñan capacidades cuantitativas para calcular e computar a partir de datos masivos. Á pregunta de se podería optar a unha destas prazas un biólogo, Posada responde de xeito rotundo: “podería ser sempre e cando falemos dun perfil tremendamente específico e tamén moi raro nun recén graduado, como é o de biólogo computacional, xa que todo o traballo se vai realizar con supercomputadores”.

Na web da rede Marie Curie –farase pública en breve-, publicaranse os perfís dos 15 proxectos que acolle a rede e os candidatos ou candidatas deben postularse a aqueles que máis lles interesen. No caso de Vigo unha das liñas de traballo vai dirixida a estimar taxas de crecemento en tumores e, a outra, a estudar modelos de mutación tumorais, a partir de datos xenómicos masivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.