Contaminantes en leite materno: “Detectamos 60 compostos daniños, algúns canceríxenos”

Un estudo pioneiro en Galicia analiza 81 mostras para detectar substancias nocivas para as nais e os bebés

A exposición humana a contaminantes orgánicos é unha preocupación para a comunidade científica. A análise do leite materno é unha das maneiras para averiguar cales están presentes nos corpos das nais, de que maneira chegan e que escenarios son os máis vulnerables. Recentemente publicouse un estudo inédito en Galicia que revelou a presenza de 60 contaminantes en mostras de leite obtidas do banco do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), algúns deles canceríxenos.

Entre 2016 e 2018 recolléronse un total de 81 mostras de nais galegas. Elena Martínez Carballo, investigadora da Universidade de Vigo e unha das autoras do traballo, explica que se atoparon contaminantes tanto persistentes no medio ambiente como non, incluso algúns que levan prohibidos durante décadas pero que aínda se poden determinar nas mostras. “A alimentación é a vía de entrada principal dos contaminantes. Estudamos unha ampla gama de compostos persistentes contemplados no Convenio de Estocolmo, que regula os máis daniños”, alega. Estableceron varios niveis de contaminantes e entre os máis perigosos descubriron os pesticidas, os piretroides e os hidrocarburos.

Publicidade

Unha das conclusións do estudo é que o consumo de ovos, moluscos e aceites vexetais está relacionado cos niveis deses compostos no leite materno. “O tipo de alimentos que se consome é o patrón máis importante”, explica Martínez. As investigadoras identificaron contaminantes que formaban parte de transformadores e de motores antigos; hidrocarburos aromáticos policíclicos, que son os que se xeran nas cidades polos coches, as fábricas, nos procesos de combustión de materia orgánica e nos incendios forestais. Este tipo de substancias non son persistentes no ambiente, porén, son canceríxenos.

“O tipo de alimentos que se consome é o patrón máis importante”

ELENA MARTÍNEZ CARBALLO, investigadora

Por outra banda, os pesticidas de tipo piretroides son aqueles presentes en moitos obxectos que se empregan día a día nas casas e que poden causar danos a nivel neurolóxico. Atópanse nos colares das mascotas, por exemplo, nos produtos antiinsectos, nos limpiadores de alfombras ou en determinadas tapicerías dos sofás que teñen “retardantes de chama”. “Debemos estar pendentes das cousas que mercamos para vivir en espazos máis saudables. Estamos nun entorno con contaminación. A polución do leite materno leva implícita os hábitos de vida das nais”, sostén a investigadora. O estudo conclúe que o punto de tempo na mostra de leite, a idade da nai e o lugar de residencia son factores que poden influír na presenza destes compostos.

Publicidade

Beneficios do leite materno

O consumo de leite materno podería representar unha das vías principais de exposición dos bebés lactantes a contaminantes orgánicos. O seguinte paso na investigación é coñecer cal é a influencia para os bebés. Proximamente, as investigadoras Carolina López Sanguos, Olalla López Suárez, Elena Martínez Carballo e María Luz Couce publicarán outro estudo no que relacionarán os niveis dos contaminantes detectados en leite materno en pelos de nais e bebés a través do Test Bayley, que é unha proba para coñecer o desenvolvemento neurolóxico dos nenos.

“Non temos moitos bebés, o ideal sería ter acceso a moitas probas para que os resultados sexan concluíntes. Pensamos que toda esta carga de contaminantes terá unha relación directa co desenvolvemento neurolóxico e co peso dos bebés“, explica Martínez. Aínda que se atope contaminación no leite materno, as investigadoras defenden os beneficios para o sistema inmune dos cativos, por iso queren ir máis aló e profundizar en todo o bo que achega. “Hai estudos que indican que o propio leite das nais pode mitigar a carga de contaminantes, temos que ir nesa dirección. Queremos demostrar que todas esas propiedades inflúen positivamente no sistema inmune do bebé que pode mamar”, alega.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

É o seu bebé demasiado dependente das pantallas? Sinais de alerta antes dos seis anos

Como identificar patróns de uso problemático e fomentar un desenvolvemento equilibrado na primeira infancia

A “síndrome posaborto”, un debate político sen evidencia científica

A proposta de Vox en Madrid pretende introducir un trastorno inexistente, xa que a literatura científica non recoñece ningunha patoloxía psicolóxica vinculada á interrupción do embarazo

Galicia lidera un estudo que personalizará a inmunoterapia en cancro de pulmón

O traballo empregará unha técnica non invasora que permite analizar o ADN e as células tumorais presentes no sangue dos pacientes