Santiago axúdache a deixar de fumar

Elisardo Becoña.
Elisardo Becoña.

Co comezo de cada novo ano moitas persoas se marcan o firme propósito de deixar de fumar, pero non todas o conseguen. Para elas a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC que dirixe o catedrático Elisardo Becoña ofrece distintos programas e tratamentos psicolóxicos que ao longo dos últimos 30 anos demostraron funcionar eficazmente.
Aínda que aumentara notablemente a conciencia social sobre a necesidade de deixar de fumar situando nun 24% a porcentaxe de poboación adulta que fuma a diario, non todo o mundo é capaz de deixar o tabaco por si só e por iso, recalcan dende a Unidade, “acudir a profesionais especializados no tratamento de fumadores e das adicións é unha garantía de éxito”.
O profesor Becoña leva traballando desde hai tres décadas na Facultade de Psicoloxía na loita contra o consumo de tabaco ofrecendo tratamentos psicolóxicos a un total de 14.000 persoas fumadoras (entre 230 e 250 novas cada ano), cunha porcentaxe de éxito dúas ou tres veces maior que o placebo ou o autoabandono. O máis coñecido, o seu Programa para deixar de Fumar,caracterízase por proporcionar aos fumadores un conxunto sinxelo de estratexias que van seguindo semana a semana para debilitar paulatinamente as compoñentes fisiolóxica (dependencia da nicotina), psicolóxica (hábito) e social (presión ao consumo).
O equipo de profesionais que traballan nese servizo pon dende hai anos especial atención á preocupación do fumador no proceso de abandono de maneira que lle ofrecen distintos programas psicolóxicos asociados que permiten tratar de maneira integral a quen desexe deixar de fumar. Desa maneira se incrementan as probabilidades de éxito “con quen ten medo a engordar ou mesmo con quen chega á Unidade con baixo estado de ánimo”, explica Becoña.

O fracaso do programa pode chegar “porque non todos o queren deixar”

Os usuarios do programa por correo repártense entre diferentes comunidades españolas e países como Alemaña, Francia ou Suíza. Case sempre se trata de emigrantes galegos que, logo de pagamento de 55 € polos gastos de envío, se apuntan ao plan da USC.
“Existe un grande interese por abandonar o tabaco, pero o que falla, en realidade, é que non todos os fumadores o queren deixar”, asegura o catedrático compostelán. O que inicia o tratamento da USC xa perdeu varias batallas pola súa conta. Adoitan ser persoas de entre 35 e 50 anos que empezan a notar problemas físicos ou sofren certos achaques de saúde.
Todas as persoas interesadas en deixar de fumar poden anotarse desde xa e ata finais deste mes de xaneiro na Unidade da USC a través do teléfono 881813939 ou por correo electrónico a elisardo.becona@usc.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

Máis alá da nicotina: os gases tóxicos e metais pesados do tabaco que tanto che custa deixar

O número de fumadores está a diminuír aos poucos entre as persoas máis novas pero hai un auxe do consumo de cigarros electrónicos

Un estudo da USC conclúe que prohibir o tabaco entre os mozos evitaría un millón de mortes

Un escenario no que os nados entre 2006 e 2010 non puidesen fumar previría falecementos por cancro de pulmón en 185 países

A exposición ao fume ambiental do tabaco causou 280 mortes en Galicia en cinco anos

Unha tese do IDIS cifra os falecementos entre 2016 e 2021 por cancro de pulmón e cardiopatía isquémica asociados ao impacto indirecto do consumo de cigarros