Equipo de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS (arriba) e grupo de Proteómica do CiMUS (abaixo). Imaxes de arquivo. Fonte: CiMUS.
Equipo de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS (arriba) e grupo de Proteómica do CiMUS (abaixo). Imaxes de arquivo. Fonte: CiMUS.

Científicos de Santiago abren un novo camiño para atopar fármacos contra as tromboses

Unha colaboración entre o CiMUS da Universidade de Santiago e o IDIS descobre alteracións na actividade das plaquetas nun estudo con pacientes con obesidade

É ben sabido que a obesidade é un factor de risco para numerosas patoloxías. Non está lonxe de ser unha verdadeira epidemia, impulsada polos hábitos de vida de parte da poboación, nos países desenvolvidos. A excesiva acumulación de graxa dificulta, por tanto, o funcionamento correcto do organismo, especialmente no referente a problemas cardiovasculares. Neste sentido, as tromboses, producidas pola obstrucción da circulación do sangue, son unha das principais causas de morte no mundo, a pesar do uso estendido dos fármacos que tratan de impedilas. A ciencia, por tanto, traballa para buscar novos medicamentos e terapias para reducir este problema. Neste camiño vai o novo traballo dun equipo de investigadores galegos, pertencentes ao CiMUS da USC e o Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS), que descubriu vías de activación alteradas nas plaquetas sanguíneas e que incrementan o risco de aterotromboses nestes pacientes.

A aterotrombose é o fenómeno patolóxico polo cal se forma un trombo sobre unha lesión arteriosclerótica preexistente e desempeña un papel capital no desenvolvemento e evolución de trastornos cardiovasculares que cursan con isquemia e que afecta á circulación cerebral, coronaria ou arterial periférica. “Se temos en conta que a obesidade se asocia cun estado proinflamatorio e protrombótico que apoia o incremento das graxas nas arterias, atopámonos cunha situación de risco extremo que desencadea múltiples comorbilidades”, expón o investigador principal do CiMUS, autor principal do estudo, Ángel García Alonso.

O grupo de Proteómica de Plaquetas do CiMUS, liderado por García Alonso, en colaboración co de Obesidómica do IDIS-CIBEROBN, dirixido por María Pardo, e o Servizo de Endocrinoloxía do CHUS, realizou unha análise da fosforilación das proteínas de plaquetas en obesidade severa, que deixa ás descuberto alteracións da reactividade plaquetaria e das vías de sinalización. A fosforilación é un dos principais mecanismos de regulación da actividade das proteínas en xeral e das encimas en particular.

O obxectivo deste estudo foi obter información sobre os eventos de fosforilación relacionados coa reactividade plaquetaria na obesidade e identificar biomarcadores plaquetarios e vías de activación alteradas nesta afección clínica. Para iso, os investigadores efectuaron “unha análise fosfoproteómica comparativa das plaquetas en repouso de pacientes obesos e os seus controis delgados pareados por idade e sexo. Os datos fosfoproteómicos validáronse mediante ensaios mecánicos, funcionais e bioquímicos, identificando 220 fosfopéptidos regulados diferencialmente, de polo menos 175 proteínas”. O estudo incide no feito de que todos eles estaban regulados positivamente na obesidade. De feito, tamén as investigacións revelaron que as plaquetas das persoas obesas mostraban máis adhesión ás placas recubertas de coláxeno.

Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da fosforilación plaquetaria relacionados coa obesidade, revelando o impacto desta patoloxía crónica na reactividade plaquetaria e apuntando cara ás principais vías de sinalización desreguladas.

O estudo publicado agora vén continuar o traballo realizado polo grupo Proteómica de Plaquetas do CiMUS en colaboración cos servizos de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS, e que permitiu propoñer ao receptor de coláxeno en plaquetas, Glicoproteína VI (GPVI), como diana terapéutica de interese para o desenvolvemento de novos antitrombóticos. O desenvolvemento de fármacos inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación, que está a levar a cabo en colaboración co grupo BioFarma (USC-IDIS), e para o que conta con apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e a empresa Bayer.


Referencia: Phosphoproteomic Analysis of Platelets in Severe Obesity Uncovers Platelet Reactivity and Signaling Pathways Alterations (Publicado en Arteriosclerosis, Thrombosis and Vascular Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.