O científico de orixe galega Joan Seoane. Foto: VHIO.
O científico de orixe galega Joan Seoane. Foto: VHIO.

Un científico de orixe galega desenvolve un novo fármaco fronte ao cancro

O investigador Joan Seoane, do Vall d'Hebron de Barcelona, lidera un traballo cun innovador mecanismo de acción que foi publicado en "Nature Communications"

Un novo estudo realizado no Instituto de Oncoloxía Vall d’Hebron de Barcelona (VHIO) demostrou que o bloqueo da LIF (un tipo de citoquina, moléculas que participan na resposta inmune) induce a infiltración das células T do sistema inmune nos tumores para atacalos e eliminalos. O traballo foi publicado na revista Nature Communications, tras superar todas as fases preclínicas con éxito, xa está en marcha o primeiro ensaio clínico fase I e hai pacientes que se están tratando no VHIO, o MSKCC (Nova York) e o Princess Margaret (Toronto). O traballo está dirixido por Joan Seoane, de orixe galega, director do co-Programa de Investigación Preclínica e Traslacional do VHIO, investigador principal do Grupo de Expresión Xénica e Cancro e profesor da Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats (ICREA).

Xa en traballos anteriores, Seoane e o seu equipo foron os primeiros en relacionar a LIF co cancro e demostraron que o bloqueo de LIF elimina as células nai tumorais previndo a reaparición dos tumores. “Algúns tumores teñen un alto nivel de LIF, e nestes casos LIF promove a proliferación das células nai tumorais. O bloqueo de LIF elimina as células nai tumorais, e desta maneira podería previrse a metástase e as recaídas”, expón Seoane, segundo recolle o Vall d’Hebron.

A orixe da resposta contra a LIF

Agora, o investigador e o seu equipo descubriron o papel deste procedemento no sistema inmune. Cando hai un organismo foráneo ou se produce unha alteración en células sas, actívase un sistema de alarma que fai que as células do sistema inmunitario se dirixan cara ao lugar problemático para eliminar o dano. En tumores que expresan altos niveis de LIF, este desactiva o sistema de alarma e evita a chamada ao sistema inmune contra o tumor. “Descubrimos que LIF desactiva o sistema de alarma para que non cheguen as células do sistema inmune, como se un ladrón desactivase o sistema de alarma dun banco para que non chegue a policía”, explica o doutor Seoane. O bloqueo de LIF reactiva a alarma e promove o recrutamento do sistema inmune contra o tumor.

En concreto, o equipo observou que a LIF inhibe o xene CXCL9, que actúa como un sinal para atraer as células T do sistema inmune. Ao bloquear a LIF, grazas a este fármaco indúcese a infiltración de células T que atacan e destrúen o tumor. “Vimos que ao bloquear LIF en tumores con altos niveis de LIF reactívase a chamada ás células T, que chegan ao tumor para destruílo”, explica o doutor Seoane, “e lográmolo grazas a un traballo enorme financiado principalmente polo European Research Council (ERC) e o apoio desde o inicio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Fundación FERO e o programa CAIMI da Fundación BBVA”.

Nos tumores con altos niveis de LIF, esta molécula desactiva os niveis de alarma “como se un ladrón desactiva a alarma dun banco para que non chegue a policía”

O traballo demostra que a combinación da inhibición de LIF xunto coa terapia anti-PD1 xera unha potente resposta antitumoral. “Unha vez que as células T entran no tumor, pódense activar co fármaco inmunoterapéutico anti-PD1. En modelos animais, os dous fármacos son capaces non só de deter o crecemento do tumor, senón tamén de conseguir que nalgúns casos o tumor desapareza. Nestes casos xérase memoria inmunolóxica. O sistema inmune, dalgunha maneira ‘acórdase’ do tumor e este non volve aparecer, aínda que se introduzan máis células tumorais”, engaden Mónica Pascual-García e Ester Bonfill, as primeiras asinantes do estudo e do Grupo de Expresión Xénica e Cancro do VHIO, que dirixe o doutor Seoane.

Tras varios anos de estudo e validación da potencialidade de LIF como diana terapéutica en modelos preclínicos e experimentais, Joan Seoane e o seu equipo fundaron Mosaic Biomedicals, unha spin-off con orixe no VHIO nacida para descubrir, desenvolver e trasladar novos tratamentos oncolóxicos o máis rápido posible aos pacientes. Mosaic Biomedicals foi a encargada de levar un anticorpo dirixido contra LIF (MSC-1), o primeiro da súa categoría, á clínica.

LIF é unha citoquina que foi deseñada pola evolución durante millóns e millóns de anos para solucionar un gran problema que teñen todos os mamíferos: o feito de que un ser vivo se integre noutro ser vivo. É dicir, o embrión, na súa orixe, tense que integrar no útero da nai. Tal e como expoñen desde o Vall d’Hebron: se o embrión ten antíxenos do pai, como é que o sistema inmune da nai non o rexeita? Así, LIF ten unha función crucial neste contexto, xa que protexe ao embrión do sistema inmune da nai. Por outra banda, LIF tamén induce a proliferación de células nai embrionarias e desta forma, que o desenvolvemento do embrión siga os pasos adecuados.

O cancro aprópiase do mecanismo molecular inducido por LIF e utilízao para o seu propio beneficio. LIF exprésase nalgúns tumores, de maneira aberrante, cando non toca, e ten un efecto dual: protexe o tumor do sistema inmune do paciente da mesma maneira que protexe ao embrión e promove a proliferación das células nai tumorais, así como o fai coas células nai embrionarias.

O método descrito por Seoane e o seu equipo pode actuar en glioblastomas, o cancro de páncreas, o de ovario, o de pulmón e o de próstata

O cancro secuestra un programa de desenvolvemento normal para o seu propio beneficio. LIF deseñouse a través da evolución para protexer ao embrión do sistema inmune da nai e promover a proliferación das células nai embrionarias. “Os tumores aprópianse deste dobre mecanismo, segregando niveis aberrantes de LIF e protexéndose desta forma da resposta inmunolóxica e incrementando o número de células nai tumorais”, sinala o Dr. Joan Seoane.

Unha preselección máis precisa dos pacientes

Esta nova vía terapéutica que se está explorando, con todo, non é válida para todos os tipos de cancro. Só é efectiva naqueles que expresan un alto nivel de LIF. “Por tanto é importante tamén facer unha preselección de pacientes identificando aqueles con altos niveis de LIF, xa que serán os que se poidan beneficiar deste novo tratamento”, sinala o Dr. Seoane.

Entre os tipos tumorais nos que se detectan altos niveis de LIF atópanse os glioblastomas, o cancro de páncreas, o de ovario, o de pulmón e o de próstata. “Tamén se puido observar que aqueles tumores que expresan LIF dunha forma máis elevada son, así mesmo, máis agresivos e cun peor prognóstico“, conclúe o Dr. Seoane.

Referencia: LIF regulates CXCL9 in tumor-associated macrophages and prevents CD8+ T cell tumor-infiltration impairing anti-PD1 therapy (Publicado en Nature Communications, 11 de xuño de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.