Venres 19 Abril 2024

Case 100 concellos superan o nivel de incidencia acumulada de 500

En preto de 40, máis do 1% da poboación infectouse co coronavirus nos últimos 14 días, segundo os datos da consellería de Sanidade

O aumento da transmisión do SARS-CoV-2 que estourou no Nadal está a situar a pandemia en niveis sen precedentes en Galicia. Se ben o número de infeccións (aínda que sen datos oficiais que o sustenten, alén dos estudos de seroprevalencia) foi presumiblemente maior na primavera de 2020, a terceira onda supera xa notablemente o impacto da vaga de outono. E as perspectivas, con incerteza sobre posibles e maiores restricións, non son optimistas. Despois de que este luns se superasen as 700 persoas ingresadas con Covid-19 nos hospitais galegos, os casos detectados nos últimos días (máis de 1.000 diarios desde finais da pasada semana), apuntan a que o cumio da carga asistencial seguirá medrando.

As cadeas de infeccións son múltiples, e en moitos lugares. Así, case 100 concellos galegos (practicamente un terzo do total), entre os que están Santiago de Compostela, Ourense, Arteixo, Carballo, Ribeira, Cambre ou Ponteareas, superan a incidencia acumulada de 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Estas cifras duplican o nivel de risco máximo establecido polo Ministerio de Sanidad e as comunidades autónomas, e que funciona como un dos indicadores de vixilancia establecidos na pandemia.

Publicidade

A Xunta sitúa no nivel máximo de restricións 116 concellos: estas son as novidades

Este indicador está ás veces deturpado por brotes xurdidos en concellos con poucos habitantes, xa que un foco de 10 ou 15 persoas, mais controlado e localizado, pode facer medrar a incidencia. Porén, a situación actual vai máis alá destas cifras puntuais. Dos case 100 concellos que superan a incidencia de 500, 39 están mesmo por riba de 1.000. Dito doutro xeito, máis do 1% da súa poboación se infectou nas últimas dúas semanas. Destacan neste sentido Xove (cunha incidencia de 3387,24), Mañón (3108,42), Pontecesures (2456,6), A Pastoriza (2261,22), Camariñas (1938,95) ou Xinzo de Limia (1898,93). Ás infeccións hai que engadir os contactos estreitos que requiren de illamento durante varios días, o que na práctica está afectando en gran medida á actividade cotiá nestes concellos.

En 39 concellos, máis do 1% da poboación infectouse nos últimos 14 días

As provincias da Coruña e Pontevedra son as máis afectadas polo aumento da transmisión, xa que só tres concellos (Aranga, Fornelos de Montes e Campo Lameiro) se mantiveron sen casos entre o 3 e o 17 de xaneiro, o rango temporal no que se recollen os datos sobre estas liñas. Mais a transmisión é tamén preocupante no sur de Ourense, con boa parte dos concellos superando a incidencia de 500 casos/100.000 habitantes. O mesmo acontece na Mariña de Lugo.

Pola contra, os municipios orientais das provincias de Lugo e Ourense, e outros concellos de maneira illada, se manteñen libres de infeccións nas últimas semanas. Cos datos deste domingo, só 35 concellos pasaron sen casos desde o 3 de xaneiro.

Situación actual

Este aumento constatouse nos últimos días co récord de casos detectados mediante proba PCR desde o comezo da pandemia. Desde o pasado día 13, estanse a detectar arredor de 1.000 casos novos. E a positividade medrou ata a contorna do 10%.

Os casos activos, outro dos indicadores da situación, e que amosa as persoas baixo seguimento por dar positivo nunha proba, subiron de forma moi notable, duplicándose en apenas 10 días. Así é a situación actual.

O aumento de contaxios e o agravamento dalgúns dos casos amósase xa nos hospitais. O número total de ingresos está xa por riba dos niveis do outono, e seguirá subindo nos vindeiros días. Nas UCI superouse xa o cento de persoas atendidas.

O escenario é complicado nas áreas de Santiago, A Coruña e Ferrol, onde o Sergas anunciou o pasado xoves que se ían a aprazar as intervencións cirúrxicas “cuxa reprogramación non xera complicación algunha de tipo clínico na natureza médica da mesma”, “co obxectivo de garantir a dispoñibilidade do número de camas que puidesen ser necesarias para enfrontarnos á terceira onda da pandemia”.

En último termo, as complicacións nalgunhas persoas poden levar ao falecemento. E xa se está tamén a constatar no aumento de mortes dos últimos días en Galicia por mor da Covid-19. Só o venres, por exemplo, falecían 14 persoas, seis delas en centros residenciais, por mor da infección do SARS-CoV-2. Desde o comezo da pandemia e ata este domingo finaron en Galicia 1512 persoas por mor do virus.

Este luns, o comité clínico da Xunta de Galicia acordou elevar ao nivel máximo de restricións outros 56 concellos, entre os que se atopan as cidades de Vigo e Pontevedra. Neles, e noutros 60 concellos nos que xa estaba vixente este nivel, entraría en vigor o peche perimetral, a prohibición de consumir no interior dos locais de hostalaría e a redución de capacidade no exterior destes locais ao 50%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204