Un proxecto para reducir as capturas accidentais de zamborcas e sabellas

Varias entidades colaboran nunha iniciativa para protexer estas dúas especies migradoras de peixes alosinos

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Laboratorio de Hidrobioloxía dirixido por Fernando Cobo, lidera o proxecto de investigación 1MARDEALOSAS, no que toman parte unha ducia de entidades, e que ten por obxectivo avaliar o impacto das capturas accidentais da actividade pesqueira sobre dúas especies de peixes alosinos, a zamborca (Alosa alosa) e a sabella (Alosa fallax). Estas dúas especies están incluídas na Directiva Hábitats da UE 92/43/CEE.

Tal e como destacan os participantes na iniciativa, a nova Política Pesqueira Común (PPC) incide na necesidade de aplicar un enfoque ecosistémico á xestión pesqueira e introduce a obriga de desembarcar todas as capturas, incluídas as consideradas como descartes. Nesta liña, o equipo da USC destaca que as pesqueiras como a de enmalle e nas lonxas galegas, a captura desembarcada ou captura retida inclúe unha elevada proporción de “captura incidental”, fronte á “captura intencionada”. Entre estas “capturas incidentais” é frecuente atopar a Alosa alosa e a Alosa fallax, debido ao seu comportamento gregario e a que viven en áreas próximas á costa. Ambas as dúas especies son anádromas, isto é, reprodúcense nos ríos, pero presentan unha fase de crecemento mariño; e moi parecidas. “Aínda que hai varias décadas que as dúas especies chegan ás lonxas galegas, o seu escaso valor económico fai que parte das capturas sexan descartadas e devoltas ao mar”, explican os investigadores.

Publicidade

Deste xeito, 1MARDEALOSAS ten entre os seus obxectivos investigar aspectos descoñecidos da súa ecoloxía e distribución no medio mariño, para establecer políticas e plans de xestión eficaces para a súa protección e conservación. Na iniciativa participan colaboradores como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), armadores de Burela, a Consellaría do Mar da Xunta de Galicia, as confrarías de pescadores da Guarda, Cambados, Fisterra, Malpica de Bergantiños e Vigo, a lonxa da Coruña, o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e Sociedade Ibérica de Ictioloxía (SIBIC).

As actuacións deste proxecto afectarán a todo o espazo mariño no que operan as embarcacións pesqueiras da frota artesanal galega, que habitualmente adoitan faenar próximas á costa e dentro dos límites da plataforma continental. Por outra banda, a mobilidade desta frota é relativamente pequena, polo que os barcos habitualmente descargan as súas capturas no seu porto de orixe, aínda que ás veces poden descargar as súas capturas noutro porto dentro da mesma área xeográfica. Así pois, o ámbito de actuación potencial do proxecto terá lugar en múltiples espazos mariños da Rede Natura 2000 da costa galega. 1MARDEALOSAS conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa  Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

Publicidade

A través deste proxecto preténdense adecuar as medidas de protección, xestión e conservación destas especies e adaptar a xestión dos espazos mariños e costeiros protexidos da Rede Natura 2000 da rexión á súa presenza, modificando a súa extensión ou declarando novas figuras de protección nos lugares críticos para a especie. Tamén se impulsará a formación a todos os sectores implicados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A ciencia redefine o coello de monte: Galicia alberga unha especie diferente e máis ameazada

O estudo conclúe que existe unha separación evolutiva con realidades ecolóxicas e necesidades de conservación distintas entre os exemplares ibéricos e europeos

Fisterra, Arousa e a Costa da Morte: un mapa sinala os puntos quentes das interaccións con candorcas

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico indica que se produciu un aumento dos encontros en Galicia en contraste co sur de España