Venres 19 Abril 2024

Carlos Estévez Fraga: “Coa vacina da Covid-19 todo se magnifica, os éxitos como os fracasos”

O científico galego da University College London participou no recrutamento de voluntarios para o proxecto de Oxford e AstraZeneca

A Carlos Estévez Fraga, un neurólogo coruñés que está desenvolvendo o seu doutoramento na University College London (UCL), o destino tíñalle gardada unha boa casualidade. Chegou a Inglaterra para investigar sobre a enfermidade de Huntington, unha doenza neurodexenerativa de orixe xenética, cando estourou a pandemia da Covid-19. A Universidade de Oxford e AstraZeneca impulsan na actualidade unha das vacinas máis avanzadas para estimular a protección do organismo fronte ao coronavirus SARS-CoV-2, e nos primeiros meses de traballo precisaron dun bo número de voluntarios e persoal para comezar cos ensaios clínicos. Foi así como Carlos se sumou como subinvestigador ao que promete ser, se dá froitos, un dos proxectos científicos máis relevantes do planeta nos últimos anos, que marcará a vida de moitas persoas.

Agora, xa de volta ao seu traballo habitual na UCL, Estévez Fraga conta algunha das claves sobre o seu traballo nos ensaios clínicos de fase 2 e 3 no proxecto de Oxford e AstraZeneca. Tamén participou na fase 1 doutra das vacinas en investigación, a do Imperial College de Londres.

Publicidade

Recrutamento de voluntarios

O investigador galego involucrouse de forma altruísta no proxecto de Oxford e AstraZeneca. Esta vacina, denominada ChAdOx1, está baseada nun adenovirus presente en chimpancés, nos que causa catarreiras. Este virus foi modificado xeneticamente, e introducíronselle as proteínas en forma de espiga (spike) do SARS-CoV-2 para estimular a resposta inmune no organismo. Deste xeito, e se todo funciona correctamente, a persoa inmunizada terá anticorpos cos que se protexerá da Covid-19.

“Foron semanas moi intensas, dedicando tempo moito máis alá da xornada laboral”. Porén, a posibilidade de formar parte dunha iniciativa tan relevante levouno a participar: “Foi un orgullo colaborar, funcione ou non funcione a vacina finalmente. É algo que pode cambiar a vida de moita xente no mundo, e por iso tanta xente se apuntou a botar unha man”.

Na fase 2-3, como lembra Estévez Fraga, o ensaio requiría dun importante número de voluntarios. Isto, unido ao eco mediático que acadou o chamamento realizado polos científicos á cidadanía para participar como voluntarios, provocou miles de peticións. “Os voluntarios inscribíanse por medio dunha páxina web, nos que tiñan que deixar datos básicos. E despois contactabamos con eles para ver se cumprían con algúns criterios en canto a condicións de saúde, antecedentes médicos, posibles alerxias, etc. que puideran comprometer os ensaios”. Facíanselle tamén diversas análises para constatar, por exemplo, que non estiveran expostas previamente ao SARS-CoV-2 e, por tanto, puideran desenvolver algún tipo de inmunidade previa.

Os participantes no ensaio non saben se reciben a vacina contra a Covid-19 ou un placebo, que é a vacina do meningococo

Cada un dos voluntarios que cumpría cos criterios marcados e ao que se lle acababa administrando a vacina tiña que comprometerse a manter informados aos supervisores do ensaio. “Todas as persoas asinan un consentimento informado, que pode ser revocado en calquera momento. Pero se estas persoas seguen adiante, hai que explicarlles moi ben todo o procedemento: deben informarnos de posibles síntomas ou efectos adversos”, continúa o neurólogo.

O ensaio, como é habitual, realizouse mediante o método do dobre cego: “Nin o paciente nin o persoal que lle administraba a dose da vacina sabían se recibían ou inxectaban a propia vacina ou era un placebo”. Neste caso, explica Carlos, o placebo era a vacina do meningococo. “Optouse por isto por dous motivos: porque non hai problemas porque unha persoa que xa a recibira volva ser vacinada e, por outra banda, porque en caso de producirse algún efecto adverso, pode ser semellante aos que podería causar a vacina ‘real’ contra a Covid-19, como son febre, un pequeno malestar ou unha inchazón na zona onde se inxectou a dose. Desta forma evítase que o participante coñeza a que grupo pertence (vacina contra a Covid-19 ou placebo) baséandose nos efectos adversos”.

Incógnitas

A de Oxford e AstraZeneca é unha das vacinas que os países da Unión Europea adquiriron con previsión de que se superen todas as fases do ensaio clínico e, deste xeito, poder comezar a inmunizar canto antes á poboación. Con todo, e a pesar dos resultados prometedores, o investigador galego expón que cómpre ter moita cautela respecto aos avances que se vaian coñecendo e, ao mesmo tempo, sobre os inconvenientes, que tamén son probables.

Unha das incertezas é “se a inmunidade contra o SARS-CoV-2 é limitada no tempo”, expón Carlos Estévez Fraga

“Unha das principais cuestións que hai ata o momento é se a inmunidade contra o SARS-CoV-2 é limitada no tempo. Cada vez hai máis evidencia de que pode ser así, e isto pode obrigar a revisar as cousas sobre a marcha, porque para que unha vacina poida seguir adiante, o seu beneficio clínico debe durar canto menos uns meses. Se xorden evidencias novas, tanto na investigación clínica como noutras vacinas semellantes, hai que telo en conta tamén”, apunta Estévez Fraga.

Deste xeito, cabe a posibilidade, como xa expoñen as declaracións dalgúns expertos nas últimas semanas, de que os distintos proxectos en marcha poidan complementarse. “Non se espera que ningunha delas sexa completamente eficaz para  previr a enfermidade, pero calquera vacina que sexa segura e que consiga diminuír os casos de Covid-19, vai ser útil. E eu creo que iso se vai conseguir”, engade o científico.

Garantir a seguridade

No mes de setembro, os medios de comunicación de todo o mundo fixéronse eco da pausa nos ensaios da vacina de Oxford por mor dunha enfermidade nun dos voluntarios que participaban no proxecto. É unha circunstancia moi habitual en calquera ensaio clínico, e que ten por obxectivo garantir a seguridade do procedemento, pero a relevancia mediática arredor da pandemia levou a espertar algunhas sospeitas e dúbidas sobre o feito. “Con esta vacina todo se magnifica, tanto os posibles éxitos como os aparentes fracasos. Primeiro déronse datas concretas que chamaban a atención, porque con todo isto hai que ir con moita cautela. E o mesmo pasa cos posibles inconvenientes. En calquera ensaio clínico, e máis neste, cunha enfermidade moi recente, hai moita incerteza”. Resume Carlos que, “como no resto da sociedade, “á xente que participa nos ensaios tamén lle poden pasar cousas, pode enfermar por calquera outro motivo, e por iso é necesario ter todo baixo control. Pero hai que ter en conta que a correlación non implica causalidade, unha persoa pode enfermar, pero non ter por que ser pola vacina. En parte, a eficacia de que isto saia adiante vai depender da cantidade de xente que a reciba, e para iso a sociedade ten que ter confianza nela”, resume.

“A correlación non implica casualidade”, di Carlos sobre as enfermidades dalgúns voluntarios do ensaio clínico

Neste sentido, Estévez Fraga insiste que o esforzo global e a colaboración internacional para acadar un candidato vacinal efectivo contra a Covid-19 reforza a solidez do proxecto. “Por exemplo, no caso de Oxford e AstraZeneca, os ensaios estanse a facer en varios países de distintos continentes. Iso significa que cada axencia sanitaria ten que avaliar o ensaio segundo os seus estándares, o que garante que o proxecto poida funcionar en contextos distintos. Isto é bo porque, por exemplo, poderían xurdir sospeitas se só fose unha axencia británica a que avaliase os ensaios: criticaríase que sae adiante porque hai intereses en que a vacina sexa dunha universidade británica ou dunha empresa do país, e non doutro”, explica.

Huntington, unha enfermidade “horrible”

Unha vez finalizada a participación nos ensaios clínicos, Carlos Estévez Fraga mantén a investigación que o levou ao Reino Unido. Despois de graduarse en Medicina e especializarse en Neuroloxía no Hospital Universitario Ramón y Cajal de Madrid, onde traballou dous anos como bolseiro de investigación, chegou a Londres para afondar no estudo da enfermidade de Huntington. “É unha doenza horrible”, resume Carlos. “Aparece a partir dos 30-40 anos, con síntomas motores, con torpeza de movementos e problemas cognitivos, e xorden tamén trastornos psiquiátricos, ata acabar causando a morte prematura en moitos pacientes”, explica.

A enfermidade de Huntington é xenética, autosómica e dominante, o que significa que se un dos proxenitores a padece, os seus fillos teñen un 50% de posibilidades de padecela. A súa incidencia varía entre as rexións, e afecta a 5,7 de cada 100.000 habitantes en Europa.

Na UCL, Carlos está inmerso nun ensaio clínico en fase III cun fármaco co que se pretende silenciar o xene que está implicado na enfermidade. “O meu traballo de investigación é analizar como cambia o cerebro destas persoas, para comprobar se o fármaco está causando algún efecto. Hai moita esperanza posta nel, e traballamos con máis de 800 pacientes de 100 centros de todo o mundo”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade