O cancro colorrectal representa a terceira causa de morte relacionada con tumores en todo o mundo. Só en Europa, é o segundo cancro máis común, con medio millón de cidadáns diagnosticados e 228.000 mortes cada ano. A taxa metástase é alta e amósase resistente aos medicamentos previamente administrados. Por iso, un proxecto galego tenta mellorar a vida do paciente. Trátase de PrediCTC, un kit predictivo simple, rápido e fácil de usar para detectar a resposta ao tratamento en pacientes con este cancro. O obxectivo é axilizar o cambio cara a un tratamento máis adecuado e compasivo co paciente.
O proxecto está liderado por Miguel Abal Posada, investigador da Fundación Ramón Domínguez, con sede en Santiago. E é un dos seleccionados no programa CaixaImpulse, o primeiro integral en España para a creación de empresas biotecnolóxicas, co obxectivo de impulsar a transformación do coñecemento científico en empresas e produtos das ciencias da vida e da saúde que xeren valor na sociedade.
Enric Banda, director de Ciencia e Coñecemento da Fundación Bancaria ‘la Caixa’, e Carles Trenchs, director de Caixa Capital Risc, presentaron os 15 primeiros proxectos seleccionados en toda España.
Segundo o informe Innovation Union Scoreboard 2015 (IUS), España sitúase en 19.º lugar da UE en innovación. Conta con infraestruturas punteiras, centros de investigación e profesionais de primeiro nivel, o que supón unha fonte de coñecemento valiosísima para xerar riqueza, pero cunha materia pendente: a súa valoración e comercialización. Por iso, co fin de contribuír a cambiar esta realidade, a Obra Social ‘la Caixa’ puxo en marcha o programa CaixaImpulse, único en España, ao que destina 1,3 millóns de euros por edición para a creación de empresas tecnolóxicas.
‘la Caixa’ achega 1,3 millóns de euros a este programa de transferencia de investigación
Nesta primeira convocatoria do programa, presentáronse 41 proxectos de distintos centros de investigación, hospitais e universidades de todo o Estado. Unha vez valorados polo comité de expertos, quedaron seleccionados 15, tres deles no campo das ciencias da vida, e 12 pertencentes ás ciencias da saúde. Un deles é galego.
O programa da Obra Social ‘la Caixa’ está coorganizado con Caixa Capital Risc. E ofrece apoio económico, cun orzamento de 50.000 euros para a execución dos plans de valoración. Tamén, achega formación a medida: cada participante recibirá un acompañamento valorado en máis de 15.000 euros, consistente en accións de mentoría, formación, asesoramento experto e grandes eventos para a xeración de contactos de valor na industria con investidores e co mercado.
Ademais, hai un programa de acompañamento no desenvolvemento do proxecto e un plan de inmersión na realidade do mercado, para facer máis efectiva a transferencia desde a investigación á empresa.