Bota a andar un consorcio para reducir o impacto do radon en Galicia

Este mércores celébrase en Santiago de Compostela a primeira xuntanza técnica do consorcio TECRA, un grupo de traballo que busca desenvolver novas tecnoloxías de protección fronte ao radon. A exposición a este gas nobre é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón, e o primeiro en persoas que nunca fumaron. En 2012, un estudo da USC, realizado con voluntarios galegos, sinalou que unha exposición a mais de 148 Bq/m3 aumentaba un 220% o risco de cancro.

En Galicia, 30 das 53 comarcas teñen altos niveis de concentración deste composto, segundo os límites marcados na directiva da Unión Europea. Este gas radiactivo libérase en maiores cantidades en solos graníticos, como é o caso do noso país. Entra nas nosas casas por fendas ou poros no propio chan, a través da auga ou de materiais de construción como os mesados de granito. Unha vez no aire pode entrar nos nosos pulmóns provocando mutacións que poden derivar nun cancro.

Publicidade

Estudarase a eliminación dos focos de entrada do gas nas vivendas

Cobra importancia, por tanto, a necesidade de traballar na redución do impacto deste gas e en mecanismos de protección. No consorcio participan, ademais do Laboratorio de Análise de Radiacións (LAR) da Universidade de Santiago de Compostela, catro empresas galegas: ATI Sistemas, de servizos eléctricos e de instrumentación para a industria de xeración e que lidera este grupo; Galaicontrol, compañía que nace como un laboratorio de ensaios para o control de calidade no sector da construción; Arraela, con experiencia no desenvolvemento de novos materiais e nas súas aplicacións, especialmente en radioprotección; e Padreiro, dedicada á fabricación e distribución de novos materiais de construción, fundamentalmente aqueles de alta estabilidade térmica e bo illamento.

O obxectivo principal do proxecto é reducir de xeito eficiente a concentración de gas radon en edificacións ata niveis que non representen risco para a saúde. Para alcanzar esta fin, o consorcio traballará no desenvolvemento dun sistema global de actuación baseado na eliminación mediante barreiras do foco principal de entrada deste gas, ademais de prestar atención tamén ao control do radon residual mediante un sistema de ventilación activa intelixente e selectivo que actuará unicamente onde e cando sexa necesario para minimizar o impacto que a súa exposición pode ter na poboación.

Publicidade

O consorcio traballará integramente en Galicia durante 34 meses. A súa finalidade é desenvolver vivendas máis saudables e seguras, capaces de cumprir coa normativa vixente en materia de protección a radiación ionizante de orixe natural. Está financiado pola Axencia Galega de Innovación e polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Nobel de Medicina por un descubrimento fundamental na regulación dos xenes

Victor Ambros e Gary Ruvkun foron os primeiros en vencellar o microARN e coa diferenciación das células, un achado de grande relevancia para entender a evolución dos organismos complexos

Vesículas extracelulares: unha nova arma para frear o envellecemento?

Investigadores do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do CICA explora novas vías para deter e reverter os danos producidos polas células senescentes, asociadas ao envellecemento

A USC crea un modelo para predicir a resposta dos pacientes de cancro á inmunoterapia

O achado amosa unha maior eficacia que o actual método empregado nos hospitais para estudar a resposta dos pacientes ao tratamento