Xoves 18 Abril 2024

Trinta comarcas galegas teñen alto risco por gas radon

A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Por iso o Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS), sinálao como unha das exposicións ambientais a reducir.

Os profesores Barros Dios (esquerda) e Ruano diante do mapa de radón galego por concellos
Os profesores Barros Dios (esquerda) e Ruano diante do mapa de radon galego por concellos.

Dadas as características xeolóxicas do seu solo, Galicia é unha zona de elevada exhalación de radon, que se fai máis manifesta nas provincias de Ourense e Pontevedra, como sinala o Mapa de Radon de Galicia que acaban de presentar os profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano Raviña e Juan Miguel Barros Dios, este último director do Laboratorio de Radon de Galicia e responsable do proxecto.

Publicidade

Despois de décadas co límite da concentración de radón en 200 Bq/m3 en Europa, a OMS reduciuno en 2009 a 100 Bq/m3 nun informe no que participaron ambos os dous profesores da USC. Mais en 2018 entrará en vigor a nova directiva europea 2013/59/Euratom que sube de novo este límite, pero esta vez a 300 Bq/m3. Para Ruano este é un umbral “bastante alto para marcar o punto a partir do cal hai que actuar para reducir a concentración deste gas, sobre todo tendo en conta que dende 1988 a Axencia de Protección Ambiental norteamericana considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia, a metade que en Europa”. Como novidade, a nova directiva europea establece tamén 300 Bq/m3 o límite en lugares de traballo.

A Unión Europea vén de mudar os niveis máximos de gas radón con risco para a saúde

Establecendo o límite que marca esa nova directiva, das 53 comarcas que conforman Galicia 30 presentan un risco alto de concentración de radon. Pero a situación vólvese máis preocupante ao baixar ese límite aos 200 Bq/m3. Neste caso, son 42 as que presentan alto risco, estando en medio as de Terra Cha, Fonsagrada, Deza, Ordes e Terra de Soneira; e en baixo, Fisterra, Ulloa, Terra de Melide, Eume, Mariña Central e Meira.

O mapa, que inclúe máis de 3.400 medicións de radón residencial xunto cunha descrición da situación nos distintos concellos, é froito do traballo de moitos anos apoiado por distintos proxectos de investigación e pretende ser un servizo á cidadanía, entidades municipais e Administración, que a partir de agora poderán planificar e executar accións encamiñadas a reducir a concentración deste gas non só no ámbito das vivendas senón nos lugares de traballo.

Precisamente esa utilidade do mapa como “instrumento de servizo público” é algo que salienta con forza o profesor Ruano, que aproveita para lembrar que no laboratorio realizan medicións de radon interior a demanda de calquera persoa ou entidade.

O laboratorio
O Laboratorio de Radon de Galicia pertence á Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, clasificada como grupo de Referencia Competitiva, e é membro do CIBERESP –que reúne os equipos de investigación estatais máis prestixiosos na área da Saúde Pública– e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Con máis de 4.500 medicións realizadas, este laboratorio é un dos tres estatais que participaron na elaboración do Mapa Nacional de Radon encargado polo Consello de Seguridade Nuclear. Ademais, os seus membros son coautores do Manual da OMS sobre radon interior.

Os investigadores da USC realizaron máis de 4.500 medicións de gas radon

Desde hai anos, esta unidade estuda os efectos do radon sobre a saúde, con importantes achados publicados en revistas como British Medical Journal, Thorax, ou American Journal of Epidemiology. A investigación máis recente apareceu este mes na revista European Respiratory Journal, de referencia no ámbito da neumoloxía, e nela indícase que a exposición a radon residencial podería estar vinculada con certas mutacións e reordenamentos xenéticos. O estudo incluíu máis de 300 persoas nunca fumadoras con cancro de pulmón e cunha media de idade de 70 anos.

A investigación, dirixida por Alberto Ruano e levada a cabo en áreas xeográficas de Galicia e España propensas ao radon, evidenciou que este gas radiactivo podería ter un papel na sinatura molecular do cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron. Parte da investigación desenvolveuse nunha estadía de investigación cunha prestixiosa bolsa Fulbright do Departamento de Estado dos Estados Unidos en colaboración co Ministerio de Educación.

Os responsables do laboratorio inciden na importancia da prevención, e apuntan  solucións que pasan pola implicación das Administracións Públicas estatais, autonómicas e locais e por que o radon se inclúa no Código Técnico de Edificación. “Así, impedindo a entrada do gas nesas zonas de alto ou medio risco evitaríase o problema de raíz”, conclúe Ruano.

3 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña